Xornadas informativas sobre as axudas a proxectos


O Multiusos de Bergondo acolle esta tarde a primeira xornada informativa que organiza o grupo de acción local do sector pesqueiro (GALP) Golfo Ártabro Sur.

Durante esta semana celebraranse nos diferentes concellos do ámbito territorial deste GALP -Cambre, Culleredo, Sada, Arteixo, A Coruña e Oleiros- encontros dirixidos ás persoas e entidades interesadas en poñer en marcha un proxecto en sintonía coa Estratexia de desenvolvemento local participativa do grupo, que busca mellorar a competitividade e impulsar o emprego entre o sector marítimo-pesqueiro da zona e establecer sinerxías co sector turístico.

Existen varias liñas de proxectos subvencionables, e precisamente estas xornadas están enfocadas a explicar polo miúdo os requisitos que deben cumprir para optar ás axudas do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca. A convocatoria máis próxima pecha o prazo de presentación de proxectos o 1 de marzo, pero nos vindeiros meses abriranse novos prazos.

Diversificar a economía local, fomentar o aproveitamento do patrimonio ambiental e cultural desde a sostibilidade ou impulsar o benestar social son algúns dos obxectivos que recolle o documento da Estratexia de desenvolvemento local participativo, aprobada a finais de 2016.

Hai dispoñible un orzamento total tres millóns de euros para os proxectos produtivos -que supoñan realizar unha actividade económica e a creación ou o mantemento do emprego- e non produtivos -que non supoñan o inicio do desenvolvemento dunha actividade económica- que se poñan en marcha durante o período 2014-2020 nesta área costeira.

Mañá continuarán as xornadas, que levan por título “Reserva de futuro. Estratexia de desenvolvemento local participativo”, ás 12:00 en Cambre (centro sociocultural do Graxal) e ás 18:00 en Culleredo (edificio de servizos múltiples do Burgo). Continuarán, ata o venres, en Sada, Arteixo, A Coruña e Oleiros.


Comentarios

Entradas populares de este blog

Aberta a nova convocatoria de axudas 2024

Éxito rotundo na convocatoria de axudas 2024

Un estudo ambiental contabiliza en 2.226 a poboación de especies mariñas e terrestes do territorio