O Proxecto Mar de Velas segue avanzando de cara ao deseño dunha Rede de Mariñas Tradicionais en Galicia


·         Un Taller Participativo reunirá este xoves aos grupos GALP e aos colectivos implicados no proxecto, para validar a información recollida en campo.
O proxecto Mar de Velas, que comezou a finais do mes de xullo, avanza de cara ao deseño dun plan estratéxico que permita, a través do deseño dun Modelo de Xestión de Mariña Tradicional, dar resposta aos principais retos que afronta a conservación e posta en valor do patrimonio ligado ao mundo das embarcacións tradicionais.
O proxecto atópase na súa primeira fase, na que está a elaborar unha diagnose da situación que funcionará como punto de partida para o deseño dun modelo de xestión dunha Rede de Mariñas Tradicionais en Galicia. A diagnose estase a elaborar dende o punto de vista dos propios colectivos implicados, os cales están sendo entrevistados de forma individualizada para coñecer a diversidade xeográfica que existe, pero tamén estase a recoller a información de todos os demais axentes de interese implicados, como son as Administracións e os Centros de Investigación, entre outros, os cales teñen un papel fundamental para abordar os retos que existen para asegurar a salvagarda deste patrimonio marítimo galego.
Este xoves 27 de setembro celebrarase no centro Exposalnés de Cambados un Taller Participativo con todos os colectivos implicados (respaldados por Culturmar) na salvagarda destes bens, que será punto de encontro para a validación da información recollida na diagnose que se vai presentar como primeiro dos produtos do proxecto. Ademais, este taller servirá para, entre todos, asentar as bases e priorizar as liñas estratéxicas que se haberán de traballar desde as propias Mariñas Tradicionais que van ser deseñadas.
O consorcio constituído polos grupos GALP Costa Sostible, Ría de Arousa, Ría de Pontevedra e Golfo Ártabro-Sur, que tamén asistirán ao taller, son os promotores do proxecto, que ten como obxectivo fundamental poñer en valor o extraordinario patrimonio cultural que temos en Galicia vencellado ás embarcacións tradicionais, así como a súa integración na oferta turística e o consecuente desenvolvemento socioeconómico local.
Este Taller Participativo considérase un paso fundamental no avance do proxecto, porque significará a validación do informe de diagnose de man dos propios colectivos, a fin de entender a situación real que están a vivir as embarcacións tradicionais e as persoas que día a día velan por elas.


 


Comentarios

Entradas populares de este blog

Aberta a nova convocatoria de axudas 2024

Un estudo ambiental contabiliza en 2.226 a poboación de especies mariñas e terrestes do territorio

Éxito rotundo na convocatoria de axudas 2024