A cultura marítima tradicional, unha aposta turística co proxecto Mar de Velas


·        Os promotores da iniciativa, entre os que se atopa GALP Golfo Ártabro Sur, buscan crear unha rede de mariñas e navegación tradicional, e empregar as embarcacións no eido turístico para dar a coñecer o patrimonio marítimo e fluvial galego.


Sada, 29 de xullo 2019.- Mar de Velas nace co obxectivo de promover e visibilizar o traballo das asociacións de embarcacións tradicionais, espallar a historia da pesca e do mar a través do turismo e crear unha rede de mariñas e navegación tradicional. Este proxecto de cooperación está promovido polos grupos de acción costeira Costa Sostible, Golfo Ártabro Sur, Ría de Arousa e Ría de Pontevedra, e nel participan as asociacións pertencentes a estes.

A iniciativa Mar de Velas pretende empregar as embarcacións tradicionais para o seu uso turístico, dando a coñecer a través da navegación a tipoloxía e a historia da propia nave, do mar, da pesca e da zona na que se atope a embarcación. Deste xeito o proxecto fomenta un turismo cultural marítimo de calidade, destinado tanto á poboación local (moitas veces descoñecedora da historia do mar) como aos visitantes. Polo momento xa hai dous barcos o balandro Joaquin Vieta e a tarrafa Chasula funcionando no sector turístico, operando na zona de Muros, O Freixo, O Grove e Cambados. O proxecto que aínda está en fase de deseño, pretende sumar máis embarcacións.

Ao mesmo tempo que se desenvolve e esta actividade turística a prol do patrimonio marítimo, lévanse a cabo charlas formativas e informativas coas diferentes asociacións de navegación tradicional, co obxectivo de informar sobre o proxecto e darlles as ferramentas necesarias para a súa participación nel. Os Patexeiros de Sada e a AAETGA da Coruña foron as dúas asociacións pertencentes ao GALP Golfo Ártabro Sur que xa participaron nesas visitas. 

O territorio no que se desenvolve o proxecto vai desde Fisterra ata Pontevedra, pasando por Dumbría, Cee, Corcubión, Carnota, Muros, Outes, Porto do Son, A Illa de Arousa, A Pobra do Caramiñal, Boiro, Cambados, Catoira, O Grove, Rianxo, Ribadumia, Ribeira, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, Ribeira, Bueu, Marín, Meaño, Poio, Pontevedra e Sanxenxo. Tamén forman parte do proxecto a zona do GALP Golfo Ártabro Sur, que inclúe A Coruña, Arteixo, Bergondo, Cambre, Culleredo, Oleiros e Sada, que dispoñen de mariña tradicional.
O proxecto conta cun investimento público e privado de 67.155,00 € para o seu desenvolvemento.


Comentarios

Entradas populares de este blog

Aberta a nova convocatoria de axudas 2024

Éxito rotundo na convocatoria de axudas 2024

Un estudo ambiental contabiliza en 2.226 a poboación de especies mariñas e terrestes do territorio