Solucións para reducir o plástico mariño e darlle unha segunda vida nunha xornada en Sada



       O GALP Golfo Ártabro Sur organizou no día de hoxe “Por un mar de vida e oportunidades”, que pretendeu concienciar sobre os plásticos que contaminan o mar.
       No acto de inauguración do evento estiveron o presidente do GALP Golfo Ártabro Sur, o alcalde do Concello de Sada e o xestor da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.
Sada, 30 de agosto. Recoller un fío na praia ou apañar un anaco de plástico nunha inmersión no mar. Estas accións son algunhas das que destacaron os poñentes da xornada “Por un mar de vida e oportunidades” á hora de concienciar aos asistentes sobre a necesidade de actuar e dar unha resposta á contaminación de residuos no mar. O evento, centrado nos plásticos mariños, tivo lugar esta mañá, venres 30 de agosto, no salón de plenos do Concello de Sada.
Esta xornada -organizada polo GALP Golfo Ártabro Sur coa que colaborou o Concello de Sada e a Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo- achegou a unha trintena de persoas os retos e os coñecementos para reducir, eliminar e reempregar os plásticos e residuos que contaminan os océanos. Na charla resaltouse a necesidade de darlles unha segunda vida, constituíndo unha oportunidade para o emprendemento.
O evento dividiuse en tres bloques temáticos e contou coa poñencia de organismos e empresas relacionadas co mar e expertas na temática.

O primeiro bloque, “Coñecemento e retos para a reducción e eliminación dos plásticos mariños”, contou coas intervencións de Luis Gómez de CETMAR que presentou as iniciativas ML-Style e CleanAtlantic, e de Garbine Ayensa de INTECMAR, que profundizou no proxecto CleanAtlantic. 



“La cantidad de peso en vida marina va a ser inferior al peso de plástico en el mar”, afirmou Samuel Fernández, de Agua Sin Huella. Un dato impactante que aprovecitou para presentar na mesa de experiencias, segundo bloque. Na mesma, Xosé Manuel Barros, de Mar de Fábula, explicou as actividades de limpeza nas praias da contorna. Neste bloque tamén participou Rubén Lucas Ayuso, de Nauga, quen anunciou que o próximo 22 de setembro terá lugar unha inmersión na que os buceadores recollerán todo o plástico que se atopen no Parrote (A Coruña). O evento coincidirá co Festival Mar de Mares, e contará coa participación de bombeiros, Armada, Guardia Civil, Cruz Roja e Salvamento Marítimo, entre outros.



O bloque “residuos e plásticos mariños como unha oportunidade para o emprendemento” pechou a xornada coa presenza das Redeiras de Corme, Mª Jesús Veiga e Rosa Isabel Rodríguez. Estas amosaron o seu traballo reempregando materiais do mar (como o neopreno) para facer bolsos, pulseiras, colares, etc. Neste bloque Sara Güemes, da ONG SEO/BirdLife, insistiu en poñer o foco “en el problema, pero también en la solución”. Na súa intervención quixo presentar o Proxecto Libera. A encargada de pechar a xornada foi Rosa Chavarri, de Ecoembes, que presentou Upcycling The Oceans, iniciativa conxunta con Ecoalf.


  





Na inauguración do evento estiveron o presidente do GALP Golfo Ártabro Sur, Alberto Castro García; o alcalde do Concello de Sada, Óscar Benito Portela; e o xestor da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, Jorge M. Blanco Ballón. Os tres destacaron a importancia de que haxa eventos coma este para concienciar aos diferentes sectores da cidadanía á hora de reducir e reempregar os plásticos.


Con estas xornadas, o GALP Golfo Ártabro Sur mantén o seu compromiso medioambiental e busca promover o coidado do mar e, en xeral, do medio ambiente entre os asistentes. Moitas grazas a todas as persoas que asistiron e, por suposto, aos poñentes, que amosándonos o seu traballo conseguiron concienciarnos un pouco máis, se cabe, sobre a situación e sobre como responder a ela.



Comentarios

Entradas populares de este blog

Aberta a nova convocatoria de axudas 2024

Éxito rotundo na convocatoria de axudas 2024

Un estudo ambiental contabiliza en 2.226 a poboación de especies mariñas e terrestes do territorio