O GALP participa en tres proxectos de cooperación para o impulso do patrimonio mariñeiro galego





     “Mar de Velas”, “Ruta dos Faros” e “Moradas Atlánticas” son os tres proxectos interterritoriais nos que participa o Golfo Ártabro Sur.

Algunhas das iniciativas desenvoltas polo Golfo Ártabro Sur teñen carácter interterritorial. Os proxectos deste carácter son aqueles que se realizan dentro do Estado entre os GALP dunha mesma zona ou de distintas zonas do territorio. Á súa vez, tamén se enmarcan aquí os plans entre os GALP e as entidades público-privadas locais que estean ao abeiro dunha EDLP.

“Mar de Velas”, impulso da cultura e a historia mariñeira
Entre os proxectos interterritoriais do Golfo Ártabro Sur atópase “Mar de Velas”, que conta tamén cos grupos de acción costeira Costa Sostible, Ría de Arousa e Ría de Pontevedra como promotores, e no que participan asociacións pertencentes a estes territorios.

A iniciativa emprega embarcacións tradicionais para o seu uso turístico co obxectivo de dar a coñecer a través da navegación a tipoloxía e a historia da propia nave, do mar, da pesca e da zona na que se atope a embarcación. Á súa vez, tamén se levan a cabo charlas formativas e informativas destinadas ás asociacións de navegación tradicional, outorgándolles as ferramentas necesarias para que poidan participar no proxecto.

O selo “Cocina Atlántica” converte a gastronomía en patrimonio
Un total de 20 restaurantes e 1 museo pertencentes ao territorio do Golfo Ártabro Sur participan en “Moradas Atlánticas”, unha iniciativa dos GALP Costa Sostible e Costa da Morte. A proposta naceu co obxectivo de impulsar o patrimonio mariñeiro a través do selo Cocina Atlántica e espazos museísticos adicados ao mar.

O proxecto de cooperación busca poñer en valor a cultura e o patrimonio material e inmaterial mariñeiro dos territorios atlánticos, empregando como fío condutor a gastronomía. Con isto tamén se conseguirá estreitar lazos entre as diferentes poboacións dos municipios integrados nos GALP e os da entidade colaboradora do proxecto: o Grupo de Açao Costeira da Regiao de Aveiro, en Portugal.

Turismo a través dos faros
Esta iniciativa impulsada polos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) de Galicia, ten como obxectivo dar a coñecer o territorio galego vinculándoo co mar a través das persoas que traballan nel.

As persoas interesadas poderán percorrer esta ruta pola costa galega a pé, en moto, en caravana, en coche ou en barco. Unha forma de turismo mariñeiro de calidade que mestura accións como a Travesía Náutica Xacobea -peregrinación a Santiago por mar- e actividades con redeiras, mariscadoras, pescadores e outros profesionais do sector do mar. Ademais disto, na ruta tamén se pode gozar da mellor gastronomía local. Os restaurantes que participan no proxecto constan do selo gastronómico Km 0 Margalaica.








Comentarios

Entradas populares de este blog

Aberta a nova convocatoria de axudas 2024

Un estudo ambiental contabiliza en 2.226 a poboación de especies mariñas e terrestes do territorio

Éxito rotundo na convocatoria de axudas 2024