“Os mariñeiros fixemos un esforzo moi grande, fomos ao mar con unhas condicións que non eran as máis axeitadas para que á xente non lle faltara o peixe fresco”




Estas son algunhas das palabras de Francisco Manuel Sánchez Neira, quen dirixe a “Cofradía de Pescadores de Mera” en Oleiros (A Coruña).
Sen gran parte dos seus compradores polo peche dos restaurantes, con unha redución no prezo dalgúns tipos peixes case á metade, sumado á dificultade para cumprir as medidas de seguridade e hixiene dentro dos barcos e a escaseza de axudas económicas, con todo isto, esta cofradía aínda ten tres barcos navegando para traer o peixe fresco ás casas.
O patrón maior desta entidade cóntanos, nesta entrevista concedida ao GALP Golfo Ártabro Sur, como están a vivir a crise do COVID-19, como valoran a actuación das administracións co seu sector e o gran esforzo que están a facer os mariñeiros, e aproveita para facer un chamamento á xente de a pé a que consuma peixe fresco, para que eles poida seguir a frote.  

1.       Cal é a situación actual do sector? E a vosa en concreto? Que vos din de outras cofradías?
A diferencia a como estaba é grande, porque os prezos están pola metade. A principios desta semana subiron algo, pero os ingresos non son os mesmos que antes.
Á cofradía realmente moito non lle afecta. Aféctalle no sentido de que os barcos ingresamos menos, pero non temos grandes gastos como poden ter outras cofradías que si que o están a pasar mal. Nós temos a luz e a auga, pero non temos unha lonxa, non temos fábrica de xeo e non temos empregados aos que pagarlle a fin de mes.
Sen embargo, aos barcos si que nos afecta, nós de feito temos tres en ERTE. Outros tres estamos traballando porque en dous deles andamos dous sos e noutro andan catro, non compensaría parar, pero iso xa é cuestión de cada armador e de cada persoa. Eu, por exemplo, non parei porque estiven dous meses parado por un cambio de motor e a economía non me permite parar outros dous meses ou mes e pico, entón teño que ir ao mar.

2.       Como cres que afectou o COVID-19 ao sector? Como vos está afectando a actual situación de confinamento?
Sobre todo nos ingresos, porque baixou moito o número de compradores. Unha parte importante dos nosos compradores traballan no sector da restauración, e con este sector cerrado, perdemos moita cota de mercado.

3.       Tedes algún caso de contaxio por COVID-19?
Por aquí non, dentro da nosa cofradía e as próximas, que eu saiba, non.

4.       Que medidas estades a adoptar para evitar os contaxios?
Adoptar medidas de seguridade dentro dos barcos é moi difícil. Temos algunhas mascarillas e guantes que compramos e, o outro día, a Consellería do Mar tamén nos dou un paquete delas que repartimos entre os mariñeiros, pero coa auga e o salitre non aguantan, estropéanse deseguida. Tamén intentamos gardar as distancias de seguridade, pero hai en manobras que nos é imposible, os barcos xa non son moi grandes. Agora mesmo á Coruña a levar o peixe estou indo eu só na furgoneta, levo posta a mascarilla e os guantes.

5.       Hai medo entre a tripulación? 
Algún medo hai porque, por exemplo, a lonxa da Coruña ten moitísima xente e estás nun sitio cerrado. Mentres non empezaron a vender por teléfono e tiñan que entrar aí os vendedores había moitísima xente. Agora xa non, agora vas, deixas o peixe e marchas, xa cho pesan e colocan eles e xa fan eles todo, estas alí 5 minutos, antes tiñas que entrar pesalo ti e facer ti todo.

6.       Que diferencia hai entre cada tipo de frota de cara as medidas a levar a cabo?
Eu penso que estamos todos igual, as medidas tanto as fai o cerco como artes menores e as axudas penso que son todas iguais.

7.       En canto ás EPI´s, como é a situación para vos? Utilizades a diario, tedes dispoñibilidade, tedes falta, etc.?
Xa che digo, esta semana déronnos iso, pero se non telo que comprar ti. Eu non sei se teñen poucas e as reparten entre a xente á que lle fai máis falta, que está mais exposta a contaxios. Eles tamén estarán apertados supoño.

8.       Que apoio e información estades a recibir desde as institucións?
A administración fará o que pode nestes casos claro, tampouco é fácil para eles. Envían mascarillas e información polo correo das cofradías tamén mandan moita, sobre o ERTE e sobre se queres coller a axuda do FEMP.

9.       Estades a recibir algunha axuda de apoio a actividade dende estes? Axudas económicas?
Axudas económicas que eu saiba non, salvo o do ERTE. Eu agora falo de oídas, polo que dixeron as xestorías ti fas o ERTE, apróbancho, pero non che garante que vaias a cobrar ao mes seguinte, parece ser que a xente vai cobrando cando lle cadra. A nós o mes pasado cargáronnos a seguridade social exactamente igual ca sempre.
Tamén hai unhas axudas nas que tes que xustificar o 5% de perdas con respecto ao mes pasado ou ao trimestre pasado, pero moito papeleo e non sabes cando vas cobrar. Agora mesmo, que eu saiba, non temos nada asegurado.

10.   Como vos está a axudar a Concellería nisto?
A min esta semana doume un paquete de mascarillas e ás outras cofradías penso que tamén lle dou. Chamáronme esta semana e déronnolas, pero nada de test de detección nin guantes, déronnos un paquete de 25 mascarillas e somos 8 mariñeiros traballando. Son mascarillas destas verdes, como as das enfermeiras, sinxelas. A nós no mar non nos duran nada, co salitre e coa choiva estropéanse. Valen para andar pola calle ou no coche para ir levar o peixe e pouco máis.

11.   Que cres que se podería facer diferente/mellor ou deixar de facer para mellorar a vosa situación?
Mellorar digo eu que se podería mellorar, agora que todo isto é un caos... Hoxe dinche unha cousa e mañá dinche outra. Eu penso que nin eles saben o que teñen que facer nin como poden facelo e, entón, irán así a impulsos, hoxe douche isto e mañá o outro... A ver se acaba isto dunha vez.
Cando empezou isto xa era mellorar que parásemos todos, que nos obrigasen a parar ou a ir ao mar a moi poucos. Tamén nos tiñan que ter dado ao principio todas as medidas de protección (mascarillas, etc.), instrucións sobre como ter que traballar, e información sobre liñas de axudas, pero xa naquel momento. Porque agora xa.. Ti igual aguantas, pero o empregado que vai contigo igual non aguanta e che di que non vai estar dous meses sen cobrar e que se vai. Como che dicía antes, non che aseguran co ERTE que vaias cobrar ese mes, vanche a pagar cando poidan... Tiña que ser todo moito máis rápido.
Tamén podían coller e dicirche se non vas ao mar ou vas porque te obrigan a ir, porque somos de primeira necesidade, vale pero a seguridade social non cha pasamos, conxelámola o tempo que dure isto. Calquera axuda para que a xente ande un pouquiño máis tranquila. Pero todo é vas e vas e pagas e pagas, non che queda outra.

12.   Tivestes que solicitar ou facer algún ERTE?
Nós solicitamos tres ERTE e concedéronnos os tres.

13.   Cambian en función do tipo de frota?
Non, penso que todos o solicitaron porque ao final non reúnes as condicións de seguridade. Non estás a metro e medio, non tes as mascarillas, etc. e daquela solicitáronos por iso, por seguridade da xente. Iso si que o están a conceder, polo menos á nosa confradía concedéronlle os tres. Nos somos de artes menores pero no cerco tampouco poden manter as distancias e creo que tamén lle concederon algún ERTE, tanto xa non sei.

14.   Estades a atoparvos con problemas para poder comercializar o produto?
Si, na lonxa da Coruña os barcos van ao mar, pero non hai compradores. A xente colleu medo, non sae e, polo tanto, non compra. A demanda do produto baixou moito. Semana Santa normalmente era moi boa semana e, este ano, non subiu nada.

15.   Encontrastes algunha outra saída para o peixe que se vendía directamente a hostalería, ou tedes algunha estratexia para poder colocar ese produto no mercado?
Dependemos de hostalaría moito, baixou moito o prezo por iso. As praceiras e exportadores compran pero non é o mesmo, non tiran polo peixe como pode tirar o restaurante.
Telo que levar para a lonxa, non che queda outra, e igual un praceiro ou un exportador che puxan un pouco mais pero nunca chegan a puxar como un restaurante. Ti non tes outra maneira de facelo, non podes andar vendendo polas portas porque te xogas o físico e unha multa, tes que levalo para a lonxa e punto. Tes sorte e vendes ben? Moi ben. Non tes sorte e vendes mal? Mala sorte.

16.   Cal e o peixe que está a ter máis saída nesta época? E cal era o habitual neste período do ano?
Agora en Semana Santa tiñan moita demanda o lenguado, o rodaballo ou a centola. Estes peixes vendíanse moi ben porque os restaurantes abertos e a xente de vacacións tiran moito, por iso nese peixe que vai caro é no que mais se notou a caída.
Con este cambio de situación están a ter mais saída outros peixes como a pescadilla ou  a liria. A xente vai a por peixe miúdo, máis barato, porque terá medo por se non vai cobrar ao mes ou vai cobrar o 70%.

17.   Como vos está a afectar a redución no prezo do peixe?
Como dicía, temos menos ingresos. Polo tanto, tamén están saíndo menos barcos. Nós temos tres barcos en ERTE, dous dos cales son os mais grandes que temos.

18.   A redución no prezo do peixe afecta a todas as especies? A cales afecta?  
Por poñerche algúns exemplos, nós agora estamos collendo lenguado e mais centola, pois o lenguado de vendelo a 24-25€ (incluso a 28€) estámolo vendendo a 15-16€ e, a centola, de vendela a 30€ estámola vendendo a 15-16€; o rodaballo de vendelo a 30 ou 40€ estase a vender a 20-22€ e, a xiba, de vendela a 8-9€ estámola vendendo a 5-6€. É moitísima diferencia!
O peixe miúdo está máis estable, por exemplo, a pescadilla de vendela a 4€ véndela a 2,5€, baixa pero non baixa como o outro peixe, pero bueno, pasa co peixe miúdo porque tampouco están todos os barcos no mar. Outros tamén foron para a xarda, por exemplo, que de vendela a 1,50-1,60€ estana vendendo a 0,70€. É dicir, si que baixaron todos un pouco, pero nalgúns notase máis.
O que pasa é que se ti se vas mirar á praza eses prezos xa non se poden comparar. Na lonxa baixou moito (aínda que agora parece que quere recuperar un pouco), pero na praza non podes ver ese efecto porque sempre lle ganan  o dobre, iso sempre foi así, o consumidor que vai comprar á praza non se entera de nada. A nós báixannos 7 ou 8 euros, pero a eles aínda que llo baixen 1 o 2 euros non notan, sigue estando caro.

19.   E a todos os tipos de artes?
Claro, é o que che comentaba antes, ti se andas ao peixe fino (lenguado, rodaballo, etc.) o prezo baixou case á metade.

20.   Entendendo as perdas que supón está situación para o sector, como vos afecta no voso caso en concreto? Compensa saír para afrontar gastos?
Compénseche máis ou compénseche menos, tes que ir. Porque se non che dan axudas e o teu empregado vai cobrar dentro de dous meses, non che queda outra e é o que fas. Se non me compensa e teño unhas axudas, pois paro e con esas axudas vou tirando, pero se non as tes, a pouco que fagas xa fas mais que estando na casa.

21.   De seguir nesta situación, de que maneira vai a afectar ao subministro de peixe no mercado?
O barco vai ao mar e seguirá indo, así que, peixe vai haber. A xente pode comer peixe fresco tranquila que sen el non ha quedar.

22.   Como cres que evolucionará a situación nun futuro próximo?
Eu penso que nos vai costar moito remontar, polo menos a nós. Penso que vai vir o peor, porque se di que hostalaría vai ser o último que abra e, se non abren os restaurantes, nós imos seguir sen compradores. Aínda cando abran, a xente ten que saír e, se non ten cartos, non o vai facer. Non ten boa pinta, a situación non é cómoda e vai costar.

23.   Hai algunha medida ou punto que che gustaría facer dende xa, de cara a mellorar o traballo na vosa cofradía?
Nós somos sete barcos, non temos xente asalariada e facemos todo entre nós. Non temos ningún punto que mellorar, o caso é non ir a peor.

24.   Cres que está a cambiar a forma en que a xente ve o sector pesqueiro?  
Eu penso que seguen sen ver todo o traballo que hai detrás, a ver se agora se deran conta de que tamén fixemos un esforzo grande para traer peixe fresco e comezan a comprar o noso e a pagar un pouqiño máis e non comprar o de importación ou o conxelado. Porque costa levantarse ás 4 ou 6 da mañá, ir po mar e vir para que á xente non lle falte o peixe, sobre todo, con estas condicións e arriscándote a contaxiarte. Compensa? Non. Por que vas? Por que te obrigan e non te axudan.
Eu estou dacordo en que os sanitarios fixeron moitas cousas e se sacrificaron, pero nos tamén fixemos moitas e a ver se temos unha resposta por parte da xente.

Para rematar, Francisco quere deixar unha mensaxe tanto ás praceiras e exportadores como á xente de a pé: “os mariñeiros fixemos un esforzo moi grande, fomos ao mar con unhas condicións que non eran as máis axeitadas para que á xente non lle faltara o peixe fresco, e non lle vai faltar! Gustaríanos que valoren isto e o paguen un pouco máis. Non me refiro á xente de a pé, que ao final fai o que pode, tampouco creo que estean para tirar cohetes; refírome a praceiras e exportadores, todos eses si que podían facer un pouco máis e pagalo máis. Á xente de a pé unicamente dicirlles que non tiren tanto de peixe conxelado ou marroquí, os marroquís non nos dan nada, quen dá é a xente de aquí que vai ao mar buscar o peixe.”

Comentarios

Entradas populares de este blog

Aberta a nova convocatoria de axudas 2024

Un estudo ambiental contabiliza en 2.226 a poboación de especies mariñas e terrestes do territorio

Éxito rotundo na convocatoria de axudas 2024