“Eu o teño claro, como de aquí a dous meses non saia unha vacina efectiva, vémonos abocados a que de aquí a setembro ou outubro, máis ou menos, o 50 ou 60% da frota estea amarrada”




Juan Carlos Corrás aporta unha visión máis global do sector pesqueiro á campaña “Queda na casa, queda co noso mar”.  Como xerente da asociación PESCA GALICIA-ARPEGA-OBARCO, unha asociación de armadores integrada por 42 buques: 14 de bandeira española, 13 dos cales traballan no arrastre litoral e no cantábrico noroeste e un no Gran Sol; e 28 de bandeira británica, francesa ou alemá, que son barcos de capital español abandeirados noutros estados. Isto é por culpa do problema de España coas cotas, foron a rexistrarse a outros países para poder seguir traballando. E, por outro lado, como presidente de FREMSS (Fundación para ou Rendemento Económico Mínimo Sostible e Social), unha fundación de interese público e cuxo obxectivo é fomentar e promocionar todo aquilo que ten que ver coa pesca, dándolle unha visión distinta, tendo en conta a protección dos recursos e do medio ambiente. Consideramos, como pescadores, que isto é moi necesario. Tamén ten outra dimensión que ten que ver coa economía e coa sustentabilidade das empresas, dos pescadores e das súas familias. Non queremos quedarnos só co tema ambiental, queremos ter esa dimensión social que ás veces lle falta á Unión Europea, de protexer aos peixes e tamén a quen os pesca.
1.       Como é a relación destas asociacións co resto de partes do sector?
Temos relación a diversos ángulos. O máis local é a nivel de autoridade portuaria, no noso caso estamos no Porto da Coruña. Logo temos a nivel concello, que é unha relación máis limitada, polo tema das normativas das administracións hai moitas cousas que non afectan directamente ao concello. Temos outra dimensión autonómica, a través da Consellería do Mar e da Xunta de Galicia, neste caso algunhas actuacións compétennos directamente e outras dependen de Madrid, da Secretaría Xeral de Pesca, por iso moitas veces vémonos limitados ou incapacitados para que a nivel da comunidade autónoma se poida desenvolver, facilitar ou promocionar máis ao sector pesqueiro. Todo isto tamén está supeditado ao requirimento das institucións europeas, porque ao final a Política Pesqueira Comunitaria é a que establece as normativas xerais a nivel europeo.
2.       Como estades a vivir esta situación? E como a está a vivir o sector?
Como para todos, é unha situación nova. Eu entendo que para os distintos gobernos son momentos de incerteza e difíciles, non houbo nunca nada semellante e a todos está a pillarnos por sorpresa.
A nós estanos afectando moito. Estamos moi preocupados porque se nos está a dicir que somos un sector esencial, pero non estamos a ver que este sector esencial poida ser rentable, e non temos dereito a ningún tipo de axudas. A Unión Europea está sacando agora unha liña de axudas, pero veremos finalmente como son de aproveitables, a ver se o barco que estivo a traballar con poucos beneficios, ou mesmo perdas, pode lograr algún tipo de axudas, porque iso non se está dicindo, pero  hai barcos que están a ter perdas e seguen traballando.
No sector hai de todo un pouco. Hai quen tivo que parar por depender moito da hostalería e hai quen seguiu traballando. Tamén temos moitos altibaixos nos prezos, houbo unha semana moi baixa porque a xente acumulou moito ao principio, despois subiron un pouco e, agora, baixaron outra vez. Hai moita incerteza económica, xente que quedou sen traballo, outros en ERTE, outros non saben cando van cobrar... E isto xera baixadas nos prezos claro.
3.       Que información vos chega por parte das empresas e traballadores/as do sector? Que demandan en maior medida?
Vémonos incapacitados ao non dispoñer dos equipos de protección individual necesarios para poder desenvolver o noso traballo, máxime tendo en conta que somos un sector esencial e xa de por si, no sector pesqueiro, traballamos no mar en condicións adversas durante practicamente todo o ano. Vemos esa falta de apoio no sentido de que non temos eses equipos e esas proteccións que necesitamos a pesar de que as estamos demandando. Entendemos que hai dificultades e que, se o propio goberno non ten para dar a sanitarios, que están en primeira liña, non terá para nós, pero si que vemos con perigo, dificultade e medo ter que seguir traballando expostos a este risco.
4.       Hai algunha acción que se estea a levar a cabo, ou que se vaia a levar a cabo, dende as asociacións para axudar ao sector pesqueiro nestes momentos?
O que estamos a facer é reunións continuamente a todos os niveis (asociación, fundación, lonxa) para buscar fórmulas ou solucións, aínda que é difícil atopar solucións a un problema que descoñeces. Propoñemos ás administracións dar algún tipo de axuda máis directa ás frotas, porque o que saíu ata o de agora son préstamos e pouco máis, isto é, aprazar os problemas que tes agora a dentro de seis meses. Cremos que esa non é a solución, o que non pode pagar agora non lle vai a beneficiar nada ter que pagar o dobre de cotas dentro de seis meses. Ademais, se falan de que hai sectores que non se van a recuperar ata dentro dun ano ou dous, se aínda encima dentro dese tempo te tes que poñer a pagar créditos e aprazamentos de débeda...
5.       Como cres que lles está afectar o COVID-19?
Vivimos coa preocupación de que a situación sexa ou non sostible no tempo. Tivemos algo de respiro coa baixada dos prezos do petróleo, pero é momentáneo, mentres non se recuperen os prezos a un nivel que che permitan, xa non che digo ter beneficios, senón polo menos non perder...
Coñecer os beneficios que o peixe aporta á saúde e ao sistema inmunolóxico aumentou que a poboación o estea demandando un pouco máis, pero isto non suple a carencia que temos pola perda da canle horeca. A parte dos gastos adicionais que estamos a ter polo tema de máscaras,  hidro-xeles, limpezas e desinfeccións.
Así podemos aguantar un mes ou dous, pero non podemos aguantar seis meses ao 30 ou 40%, necesitamos que se recupere a demanda. Algúns aguantan mellor e outros peor, sobre todo o marisqueo e a pesca de baixura que dependen máis da canle horeca están a pasalo realmente mal, coa maioría deles sen ningunha actividade.
Como non se recupere pronto corremos o perigo de que moitas das empresas pesqueiras teñan que pechar as súas portas.
6.       Hai certo medo entre as persoas que traballan no sector?  
Si, xa non só o medo natural pola garantía da saúde dos usuarios do porto, pescadores e toda a comunidade portuaria, senón tamén medo en canto a que vai ser do noso futuro. Como dicía, se cadra aguantas quince días malvendendo o produto, pero non aguantas tres, catro ou cinco meses como parece que se está propoñendo. Din que ata finais de xuño non se vai a recuperar a actividade comercial nun 50 ou 60%, e iso vai ser insuficiente para soster a actividade pesqueira durante todo o ano. Necesitamos axudas directas que permitan ao sector poder soster a actividade en parámetros normais. A ver se aparece por fin unha vacina máxica que nos permita saír da lameira a todo o mundo.
7.       Como é a situación en canto ás EPI´s?
A través da  Xunta de Galicia e da Consellería do Mar, conseguimos mascarillas para subministrar ao sector en todo o seu conxunto. Repartimos entre buques, pescadores, comercializadores, empregados da lonxa e mesmo usuarios, para que teñan posibilidade de acceder a estes equipos. Realmente hai bastante carencia, nós volvemos a pedir unha tanda delas e están retidas en china. Ademais, son mascarillas de usar e o tirar, e ao final terías que estar repartindo cada día para que foran suficientes. Igual que tampouco podemos facer test todos os días, e pode que cho fagan hoxe e non esteas contaxiado pero mañá se cadra si. A única  solución viable é que salga unha vacina.
8.       Que cres que se podería facer diferente/mellor ou deixar de facer para mellorar a situación?
A nivel europeo están a darse unhas normas que nós cremos que non están moi rexionalizadas. A pesar de que se fala da rexionalización, ao final vemos que se seguen as directrices que marcan os países do norte, cando aquí temos outras frotas con distintas formas de traballar. Isto acaba socavando a rendibilidade das frotas. Non ten nada que ver como se traballa no Mar Céltico, no cantábrico noroeste, nas costas de Galicia, nun barco do Gran Sol, nun barco do litoral ou no marisqueo a pé. Son completamente distintos.
Tamén estamos a ver que se está reactivando a importación doutros países, e estamos a sufrir directamente, porque temos que competir con eses produtos nun mercado que está moi limitado e mermado.  Ao mellor a UE e España deberían limitar a entrada deses produtos de terceiros países para protexer a produción nacional, sobre todo nestes momentos.
9.       Houbo algún ERTE entre os buques que pertencen a estas asociacións?
Temos algunha frota paralizada e algúns que desde o mes de febreiro ou marzo, ante o temor dalgún problema ou ter que quedar paralizado nalgún porto estranxeiro, xa decidiron non saír. Somos un sector esencial e, en teoría, non temos dereito a axudas, se non saes é un problema teu porque a administración diche que saias a traballar, pero se che pasa algo? Houbo barcos que preferiron alongar a estancia en porto, que igual tiñan pensado saír en marzo ou abril e decidiron esperar un par de meses para empezar a actividade, sobre todo os que van ao Gran Sol.
Noutras frotas, por exemplo a de litoral, coincidiu coa campaña da xarda e estiveron dirixíndose a esa campaña e máis ou menos foilles ben, con certas limitacións na súa capacidade de almacenamento. Agora acabouse a campaña da xarda e están a saír a pecar un pouco de todo e coa incerteza de que a poboación poida asimilar toda a produción, se non caerá cada vez máis o prezo.
10.   Están a atoparse con problemas para poder comercializar o produto? E con problemas de prezos?
O que se está vendo é que se que se están abrindo novas canles e potenciando moito a venda online e por teléfono. Tamén está habendo moita mobilización por redes sociais e moita información sobre os beneficios de consumir peixe. Todo isto estanos dando un plus importante, aínda que non chega a compensar a gran perda que temos pola canle Horeca.
11.   Como cres que funcionará esta campaña? (Anchoa)
Obviamente mal, polo que vin estaba a uns prezos ridículos, un céntimo de euro a unidade de anchoa, eu creo non son prezos competitivos nin rendibles. Entón que teña que paralizar esa frota como parece que está a suceder non son boas noticias, a ver como segue desenrolándose.
12.   Como cres que evolucionará a situación nun futuro próximo?
Nós non vemos o futuro con boa perspectiva, vémolo cheo de incertezas, saes a pescar e non sabes se vas vender, pero sabes que tes uns gastos fixos cada día e vas a acumulando unha chea de gastos que non sabes se vas cubrir, vendo o que está a pasar por aí adiante, o máis probable é que non os cubras.
Eu o teño claro, como de aquí a dous meses non saia unha vacina efectiva, vémonos abocados a que de aquí a setembro ou outubro, máis ou menos, o 50 ou 60% da frota estea amarrada.
13.   Cres que o COVID-19 pode marcar un antes e un despois no funcionamento sector?
Eu penso que si, xa non no sector pesqueiro, senón en xeral. A ver se sirve para darse conta de que hai que protexer aos sectores primarios, tanto o pesqueiro como o da agricultura ou o gandeiro. Eu creo que son sectores básicos e estratéxicos que calquera país debe protexer.
Doutra banda, teñen que cambiar moitos os parámetros e protocolos de prevención para tentar garantir o máximo posible a saúde dos traballadores e da poboación. Temos como exemplo os países asiáticos, que non tiveron tanto contaxio, en canto teñen unha gripe ou un catarro xa poñen as mascarillas. Moitas veces é preferible quedarse na casa que saír a traballar. Aquí temos a cultura contraria, imos traballar aínda que esteamos malos, iso temos que cambialo.
Tamén os gobernos teñen que ter un pouco máis de anticipación a este tipo de problemas, iso levounos á falta das EPI’s.

Juan Carlos conclúe esta entrevista enviando a súa mensaxe de apoio ao sector: “eu creo que os sectores primarios que estiveron traballando en condicións moi duras. Hai que poñerse na pel dos tripulantes dun barco, que teñen familias na casa pasándoo mal, mesmo con algún caso positivo ou metido na uci e eles teñen que seguir no mar. Somos esenciais, pero somos persoas e temos familias que o están a pasar francamente mal. Eu creo que a xente viu e valorou iso, por iso pedirlles que siga así no futuro e que sigan consumindo peixe. Tamén dicir ás comercializadoras que tenten trasladar ese prezo baixo aos consumidores, para que poidan consumir peixe. Ao longo destes anos estivo baixando o consumo e creo que é unha boa oportunidade para recuperalo.”


Comentarios

Entradas populares de este blog

Aberta a nova convocatoria de axudas 2024

Éxito rotundo na convocatoria de axudas 2024

Un estudo ambiental contabiliza en 2.226 a poboación de especies mariñas e terrestes do territorio