En tempos difíciles, a mellor maneira de saír adiante é remando todos e todas xuntos


E sábeno ben Cadenote Yacht, empresa afincada en Sada dende fai máis de 25 anos, que durante o confinamento, se amañou para montar unha rede de confección de mascarillas no Concello de Sada. De xeito altruísta, esta empresa servizos de náutica deportiva e de recreo, estivo regalando mascarillas a diferentes entidades e persoas do concello, así como de outros concellos próximos. Unha fermosa iniciativa que nos conta en “Queda co noso mar”, así como a súa visión da situación actual e como ven o futuro.

1.       Para poñernos en situación, podedes contarnos un pouco sobre as actividades que realizades?

Temos un servizo moi amplo: a tenda de repostos náuticos, onde vendemos roupa técnica, acastillaje, cabullería, pinturas, elementos de seguridade, electrónica, etc.; temos un taller de reparación e mantemento de barcos, onde facemos arboraduras e enxarcias (por exemplo, cando se rompe un mastro ou un cable), de feito, neste terreo levamos a representación para toda Galicia e o norte de España de Seldén; tamén temos o taller de velaría, catalogado como taller artesanal, onde fabricamos ou reparamos velas, lonas e capotas para embarcacións e facemos calquera tipo de traballo, incluso para hospitais ou tendas coma as de Loewe; por outro lado temos a escola de vela para aprender a navegar e a escola homologada para titulacións náuticas. A maiores facemos algunha actividade diferente como as catas de viño náuticas e axudamos coas documentacións e tramitacións dos barcos. Intentamos que, si un cliente entra pola porta, poida saír con calquera problema que teña resolto.  

2.       Como vos repercutiu a situación provocada polo COVID-19 nas diferentes áreas? Como estades agora?

Cando comezou o Estado de Alarma tivemos que paralizar a atención ao publico, ou sexa, a tenda e a escola. Na escola as clases prácticas, de xente que xa tiña aprobados os exames teóricos, tivéronse que paralizar de todo. Cos grupos de clases teóricas presenciais pasamos a facer as clases en modalidade online, que ata ese momento non existía. A verdade é que o cambio tivo boa acollida, o profesor é moi didáctico e a xente estivo contenta e adaptouse ben, incluso tivemos que pospoñer algúns exames e o curso alongouse algo, pero ninguén protestou nin moito menos. Agora que se reanudou toda a actividade xa volvemos ao formato presencial.

En canto ao taller de reparacións e o de velarías seguiron funcionando, co que non tivemos que facer ningún ERTE.

Agora estamos ben, arrancando, primeiro abrimos a tenda e un pouco máis tarde reincorporouse a escola. Na temporada de verán sempre se concentra o volume de traballo en todas as áreas, pero este ano incluso diría que hai máis demanda que en anos anteriores. Estamos notando que a xente está con moitas ganas, recibimos moitas chamadas de persoas interesadas en mercar barcos de segunda man, facer saídas ao mar, cursos de vela ou sacar titulacións. O maior temor que temos en todos os sectores é o que vai pasar cando chegue outubro e, no sector da náutica, aínda máis, porque despois do verán sempre pega un baixón.

3.       Como foi a vosa situación en canto a EPI’s e medidas de seguridade? Tedes algún protocolo establecido de cara á volta á actividade?

Temos a todo o persoal con mascarillas e tamén as temos a disposición do público unhas lavables e reutilizables, para que a se alguén ven sen elas, as poida coller. Tamén marcamos o chan para controlar a distancia entre usuarios e temos a disposición de todos e todas, ademais das mascarillas, xeles desinfectantes e papel. En canto aos barcos, non os levamos ao 100% da súa capacidade e sempre que sae un grupo límpanse e desinféctanse.

4.       Durante esta etapa, ata realizastes as vosas propias mascarillas. Como xurdiu e se levou a cabo esta iniciativa?

Durante todo o tempo que estivemos cerrados ao público houbo, concretamente, un par de semanas durante as que se paralizou a actividade 100% (co das horas recuperables). Como Miguel e eu somos autónomos e podiamos ir ás instalacións igualmente, ocorréusenos a idea, xunto con algúns amigos/as, de facer mascarillas, porque era unha época na que non había moitas. Preguntamos en un par de grupos de WhatsApp se había xente que soubera coser disposta a confeccionar mascarillas para regalar e, tan só a nivel Sada, xa saíron máis de 30 persoas que se ofreceron a coser nas súas casas.

Entón compramos tecido nunha fábrica de Lugo, gomas e TNT para facer filtros. O que faciamos era cortar os tecidos no plóter do taller e preparar lotes de tea, gomas e filtros para facer 50 mascarillas. Falamos co Concello de Sada e, a través de protección civil e dos municipais, axudáronnos a distribuír estes lotes entre as persoas que ían a confeccionar as mascarillas. Cada costureira tiña que confeccionalas e, de cada lote, podía quedarse con 5 para abastecerse a si mesma e aos seus familiares e amigos/as. As 45 que viñan de volta levabámosllas a unha chica que ten unha tenda de reparación de móbiles que as esterilizaba con unha maquina de ozono, as selaba e nolas mandaba de volta listas. Unha vez listas xa estabamos atentos as peticións que nos ían chegando.

A verdade é que montamos unha rede de colaboración tremenda, ata fixemos unha páxina web, Uno para todos, onde tamén recibiamos algunhas peticións. Entregamos mascarillas a varias residencias de Sada, Meirás, Betanzos e Oleiros, aos servizos sociais, á penitenciaría da Coruña... Chegamos a facer unhas 5.148 mascarillas. Foi unha labor moi bonita e satisfactoria.

5.       Cres que se adoptaron as medidas necesarias para frear esta situación?

Eu creo que houbo moita desinformación. Se necesitas preguntar algo, non sabes a onde chamar. Para preguntar o aforo que tes que ter nos barcos, chamas a diferentes organismos e ninguén sabe dicir nada, e ao final, acabas chamando á garda civil marítima. En canto a documentación dos barcos máis do mesmo, porque os barcos teñen unha serie de permisos que caducan e cuxas datas de finalización se ían prolongar, pero tampouco saben dicirche nada sobre o asunto. No tema da información para saber que facer e como facelo para min fallaron moito.

6.       Cres que o COVID-19 pode marcar un antes e un despois no funcionamento sector?

Dende logo, a nivel de traballo xa houbo moitos cambios. E logo en outros temas como, por exemplo, aínda que intentas ir ata as instalacións, tamén ves máis factible o teletraballo ou hai certas normas de hixiene e seguridade que, de facelas con tanta frecuencia, seguramente nos queden interiorizadas.

7.       Como vedes o futuro próximo?

Incerto, non podo dicir moito máis. É o que dicía antes, danos medo o que poida pasar cando remate a tempada.

8.       Que cursos e actividades tedes activas agora?

A escola de cruceiro, que simplemente é para aprender a navegar sen necesidade de preparar un exame ou sacar unha titulación; tamén temos a escola homologada para sacar as titulacións; temos os alugueres de barcos as catas náuticas... Ou sexa, a actividade náutica xa a temos ao 100%, aínda que con aforos reducidos.

9.       Ademais de cursos, actividades, venta de embarcacións e material náutico, tamén reparades embarcacións? Como funcionou este proxecto?

O taller é un dos nosos grandes fortes. É moi completo porque facemos traballos de fibra, pintura, carpintería, fontanería, electricidade, electrónica, mecánica e tamén o que che contaba antes da arboradura, que é moi específico e técnico e non se fai en moitos sitios. Ao ter un taller tan completo élles moi cómodo porque xa fan todo aquí. Por iso, temos moito cliente de local, pero tamén moito que ven do norte de España, sobre todo do País Vasco, e tamén estranxeiros. Tamén o porto de Sada ofrece moi boas condicións en servicios náuticos, ten supermercados cerca, as distancias son pequenas e non se necesita coche, a ría e moi tranquila...

O cliente estranxeiro é moi interesante, porque che dá bastante traballo, prográmase moi ben para deixar os barcos aquí e telos listos para cando volvan. Eles marchan en setembro e déixannos unha lista con todos os traballos que queren no seu barco, déixano para que os fagamos e logo avísannos en marzo ou así do día que o queren listo. Con todo isto do COVID non puideron vir e notouse o cambio, porque son traballos que, en circunstancias normais, xa estarían entregados e, con este tema, fóronse retrasando. E logo que aínda hai moita incerteza, fai pouco chamou un barco noruego por unha avaría, que viña de Canarias, e cando chegou ao porto tivo bastantes complicacións: antes de atracar xa nos tiveron que enviar toda a documentación, nós pasarlla á mariña e a mariña a capitanía, tamén tivo que vir aduanas para comprobar quen estaba no barco e só lle permitiron baixar a un. Son cousas que aínda están latentes, pero parece que para xullo se vai relaxar todo un pouco.  

10.   E xa para rematar, hai algo que vos gustaría comentar en especial?

Simplemente que se nota que a xente ten ganas, hai moitas peticións para alugar barcos, mercar barcos de segunda man, algo que nos chamou moito a atención porque estaba bastante parado e, de repente, despuntou. Igual os barcos novos non lles dá tempo a telos preparados para verán e para alugar 15 días igual lles compensa comprar. Nótase que hai demanda, así que esperamos que o verán sexa bo e sacarlle o máximo partido. O que teña que vir máis adiante xa virá e xa nos adaptaremos.

 


Comentarios

Entradas populares de este blog

Aberta a nova convocatoria de axudas 2024

Un estudo ambiental contabiliza en 2.226 a poboación de especies mariñas e terrestes do territorio

Éxito rotundo na convocatoria de axudas 2024