O GALP Golfo Ártabro Sur tramita axudas por valor de 750 mil euros para impulsar a economía azul no seu territorio en 2021

 ·     Ata o 1 de marzo mantén aberta a liña de subvencións para financiar iniciativas pesqueiras, medioambientais ou turísticas, públicas ou privadas, cun financiamento de entre o 50 e o 100% a fondo perdido. 

·       As persoas ou entidades solicitantes deben pertencer aos concellos da Coruña, Arteixo, Bergondo, Cambre, Culleredo, Oleiros ou Sada.

 

·   Nos últimos catro anos, o GALP Golfo Ártabro Sur leva promovidos 32 proxectos cun investimento de case 2,4 millóns euros.

 

·    Destacan aqueles con carácter industrial e empresarial como a construción de mobiliario de formigón con cascas de mexillón, a elaboración de empanadas con produtos do mar ou de eficiencia enerxética reducir a factura en ata un 70%.

 

Sede do GALP Golfo Ártabro Sur na Casa do Mar de Sada
Sede do GALP Golfo Ártabro Sur na Casa do Mar de Sada

Sada, 22 de xaneiro de 2021. O próximo luns 1 de marzo é o último día para solicitar as axudas europeas tramitadas polo Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Golfo Ártabro Sur para financiar proxectos vinculados ao mundo do mar e da pesca na súa área de actuación, que comprende 7 concellos: A Coruña, Arteixo, Bergondo, Cambre, Culleredo, Oleiros e Sada.

En concreto, nesta anualidade dispón dun crédito de 750 mil euros para impulsar o desenvolvemento social e económico dunha zona costeira cun gran potencial, ofrecendo respaldo económico a actividades innovadoras que valoricen o mar e o aproveitamento sostible dos seus recursos a través da coñecida como economía azul. Ademais, o GALP Golfo Ártabro Sur mantén un acordo con ABANCA para que todos os proxectos produtivos beneficiarios destas axudas europeas poidan obter unha financiamento a medida se así o precisan.

Desde 2017, o GALP Golfo Ártabro Sur leva promovidas 32 iniciativas produtivas e non produtivas cun investimento total concedido de case 2,4 millóns euros que permitiron crear 23 empregos e manter 97, mellorar infraestruturas básicas para o mar e actualizar a formación de 412 traballadoras e traballadores do sector. En concreto, case 1,1M€ destináronse directamente ao sector pesqueiro e o resto a diversificación, medio ambiente, patrimonio, cultura e cooperación.

 

Proxectos destacados
En canto ás iniciativas, a categoría dos proxectos financiados foi de moi diversa natureza destacando aqueles con carácter industrial e empresarial, unha característica diferenciadora deste territorio. Algúns son exemplos tan rechamantes como o de Construcciones M. A. Ramos S.L. (Cambre) que, no ánimo de incorporarse ao modelo da economía circular, transformou cascas de mexillón para fabricar mobiliario de formigón. Ou o do obradoiro Horno San Isidro (Bergondo), que se dotou cun novo forno industrial para abrir unha nova liña comercial elaborando empanadas con produtos do mar. Tamén no ámbito privado, Congelados La Naviera S.L. (Bergondo) obtivo o respaldo do GALP para crear unha nova planta para transformar peixe e marisco da zona e crear 6 novos postos de traballo.

En materia medioambiental, na Lonxa de Sada financiouse un novo fabriquín de xeo que lles permitiu reducir nun 70% o consumo de enerxía, pasando de ser unha infraestrutura custosa a outra que agora lles proporciona beneficios.

Tamén en Sada, neste caso o Concello, presentou un proxecto para organizar un curso de confección e mantemento de artes e aparellos de pesca a través do que os 15 asistentes (había un home) obtiveron o certificado oficial de redeira. O obxectivo foi dobre, por unha parte garantir o relevo profesional e pola outra, a cualificación do sector.

No ámbito turístico financiáronse proxectos como o complexo turístico e deportivo After Surf, situado a carón da praia de Bastiagueiro (Oleiros), e gracias ao que se rehabilitou un edificio emblemático en desuso para convertelo en pensión, restaurante e escola de surf. O novo negocio conecta hostelería cun deporte vinculado ao mar, e tan de moda, como é o surf, que os usuarios practican nesta zona e en Arteixo.

Promovido polo Concello de Oleiros, o Club de Regatas Perillo e o Centro Deportivo Mariñerio de Mera, o GALP apoiou a iniciativa “Tradición Ártabra” para a posta en valor das regatas de traiñeiras masculinas e femininas –típicas desta zona- e o turismo sostible.

Así mesmo, a través deste programa de axudas o GALP tamén apoiou eventos tan xa coñecidos como o Festival Mar de Mares ou a feira de ciencia do Concello de Cambre, Open Science.



Requisitos
Poderán solicitar estas subvencións do GALP Golfo Ártabro Sur entidades ou persoas que queiran iniciar un proxecto relacionado co sector pesqueiro, medioambiental ou turístico, vinculado ao mundo do mar, optando a un financiamento de entre o 50% e o 100% do investimento a fondo perdido.

Para quen o desexe, o equipo técnico do GALP ofrece asesoramento e acompañamento ao longo de todo o proceso administrativo.

Os interesados poden ampliar información na sede física do GALP Golfo Ártabro Sur, situada en Sada, por teléfono (881 896 417 / 617 867 820) ou correo electrónico (galpgolfoartabrosur@gmail.com).

 

Comentarios

Entradas populares de este blog

Aberta a nova convocatoria de axudas 2024

Un estudo ambiental contabiliza en 2.226 a poboación de especies mariñas e terrestes do territorio

Éxito rotundo na convocatoria de axudas 2024