A Consellería do Mar salienta o gran labor divulgativo do campionato REMA 360º por difundir de xeito ameno o valor do patrimonio marítimo-pesqueiro e da cultura mariñeira de Galicia entre a xente nova

Na primeira fase da iniciativa, impulsada polos GALP a través do proxecto de cooperación Pasaporte REMA, participan máis dun milleiro de alumnos de 1º e 2º da ESO de máis de 40 centros educativos galegos.

Os participantes no xogo farán un percorrido virtual polos 27 museos incluídos na Rede de Espazos Museísticos Atlánticos (REMA) e superarán distintos retos antes de que os cinco mellores centros da comunidade pasen á segunda fase do campionato, que consistirá nun ‘escape room’  físico.

A Xunta destaca o traballo dos GALP na dinamización das zonas costeiras e o seu papel para facer ver ás novas xeracións que o mar de Galicia ten pasado, presente e tamén moito futuro.

 

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, enxalzou hoxe o importante labor que realizan o grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) na dinamización das zonas costeiras e na conservación do patrimonio e da cultura mariñeiras de Galicia, así como a súa capacidade de adaptación ás dificultades derivadas da alerta sanitaria polo coronavirus.

 


Fíxoo durante a presentación telemática do campionato REMA 360º, unha iniciativa lúdica e divulgativa impulsada polos GALP a través do proxecto de cooperación Pasaporte REMA coa que máis de 1.100 alumnos de 1º e 2º da ESO de máis de 40 centros educativos galegos aprenderán sobre o mundo do mar e a súa cultura. O xogo, un exemplo de adaptación ás circunstancias derivadas da pandemia, inicia hoxe a súa primeira fase. Os catro centros do territorio GALP Golfo Ártabro Sur do territorio que participan son o IES Elviña e Rafael Dieste da Coruña, o IES Mosteirón de Sada e o CPI Cruz do Sar de Bergondo.

 

Nesta primeira parte do campionato, que se desenvolverá totalmente en liña, os alumnos participantes visitarán de xeito virtual os contidos dos 27 museos incluídos na Rede de Espazos Museísticos Atlánticos (REMA) e irán superando distintas probas e retos cos que irán acumulando puntos. Nese percorrido polos distintos museos a través de contidos de texto e audiovisuais -no que terán que superar probas en cada un deles para poder pasar ao seguinte- irán recompilando información e obtendo distintos obxectos/tesouros que lle servirán para resolver o reto final desta primeira fase.

 

Os cinco centros educativos que obteñan a mellor puntuación nesta primeira fase pasarán á segunda, que se celebrará despois do verán de xeito presencial e que consistirá nun escape room físico con retos a superar relacionados co mundo marítimo-pesqueiro.

 

Os faros como guías
O xogo está deseñado mediante o relato de que os faros da costa atlántica non funcionan correctamente ao apagarse totalmente nalgunhas ocasións, deixando desvalidos aos barcos que navegan pola zona, e ao brillar en exceso noutras, provocando naufraxios. A razón deste suceso parece desvelarse nunhas mensaxes que chegan a terra en botellas desde hai anos e nas que unha muller conta que quedou atrapada neste mundo porque perdeu o cofre cos seus recordos. Os alumnos deberán ir superando as distintas probas para resolver o misterio e axudar a esta personaxe a recuperar a memoria e que todo poida volver á normalidade.

 

A titular de Mar salientou a importancia de transmitir de xeito ameno aos rapaces o valor do patrimonio marítimo-pesqueiro e que poidan adquirir coñecementos novos xogando. Por iso, agradeceu o traballo dos GALP e do proxecto Pasaporte REMA por difundir entre a xente nova a relevancia dos profesionais do mar, do seu esforzo e da súa heroicidade a través deste campionato. Ao mesmo tempo, subliñou, o xogo axuda a protexer a memoria e o patrimonio costeiro de Galicia, promove a igualdade entre mulleres e homes -enxalzando a contribución das profesionais do mar á cultura mariñeira- e a protección da natureza e do mar como fonte de vida e de riqueza nas vilas costeiras.

 

Rosa Quintana lembrou que accións deste tipo contribúen a preservar os sinais de identidade de Galicia e a achegar aos máis novos o mundo do mar facéndoo atractivo e dando a coñecer os encantos que agocha. Por iso, engadiu, son iniciativas que favorecen que as novas xeracións vexan que o mar de Galicia “ten pasado, presente e tamén, e sobre todo, moito futuro”. 

Comentarios

Entradas populares de este blog

Aberta a nova convocatoria de axudas 2024

Éxito rotundo na convocatoria de axudas 2024

Un estudo ambiental contabiliza en 2.226 a poboación de especies mariñas e terrestes do territorio