Visitar os espazos museísticos da Rede REMA pode ter premio

Os GALP de Galicia promoven, no marco do proxecto Pasaporte REMA, a primeira guía sobre a cultura atlántica europea, reunindo nunha mesma publicación o patrimonio dos 27 museos adheridos a esta iniciativa.

Tres deses museos atópanse no territorio do GALP Golfo Ártabro Sur: Aquarium Finisterrae e Torre de Hércules, na Coruña, e Ceida, en Oleiros.

As persoas que visiten cinco espazos e sumen selos Remiña no seu pasaporte poden participar no sorteo de 20 cestas mariñeiras. 


Hoxe, Día internacional dos museos, lánzase oficialmente a Guía de Espazos Museísticos Pasaporte REMA que se repartirá de modo gratuíto en cada un dos 27 museos da Rede REMA. A publicación contén información dos elementos patrimoniais máis relevantes que se poden atopar en cada espazo, estando orientada desde o punto de vista dos visitantes e dos seus xestores culturais.

 


Todas as persoas que visiten os museos da Rede REMA irán acumulando selos Remiña e, unha vez alcancen as 5 estampas de museos localizados en polo menos 2 territorios GALP entrarán no sorteo de 19 cestas mariñeiras compostas de produtos de cada territorio. O prazo máximo para obter os selos finaliza o 2 de novembro de 2021.

A maiores, unha cesta mariñeira sortearase proximamente a través das redes  sociais de Pasaporte REMA Facebook e Instagram (@pasaporterema). 

Xogo online no verán
Por outra parte, a partir do 22 de xuño lanzarase un xogo online para percorrer virtualmente toda a rede de museos cun dispositivo móbil. Os interesados só teñen que escanear o código QR que xa poden atopar na guía. 

Gardiáns da cultura atlántica europea
Desde 2018, os oito Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) de Galicia impulsan e promoven conxuntamente a primeira rede centrada no patrimonio material e inmaterial do mar. Está apoiada pola Consellería do Mar e financiada a través do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP). 

A Rede de Espazos Museísticos Atlánticos (REMA) é a primeira entidade especializada en contidos relacionados coa cultura mariñeira atlántica europea. O seu obxectivo é que o patrimonio material e inmaterial ligado ao mar sirva de nexo de unión entre os diferentes pobos do arco atlántico de Europa. 

Actualmente, a REMA está composta por 27 espazos museísticos das costas galega, asturiana e portuguesa, cun interese común por preservar a cultura mariñeira do arco atlántico europeo e a súa historia. Os seus membros custodian un patrimonio de interese para turistas, escolares, persoal investigador e público en xeral. 



Comentarios

Entradas populares de este blog

Aberta a nova convocatoria de axudas 2024

Un estudo ambiental contabiliza en 2.226 a poboación de especies mariñas e terrestes do territorio

Éxito rotundo na convocatoria de axudas 2024