Persoas con diversidade funcional coñecerán as características das diferentes especies mariñas grazas a un proxecto do GALP

 


·         “Un mar de ilusións: coñecendo os fondos mariños” permitirá crear un vídeo en formato de debuxos animados para explicar as características das diferentes tipoloxías de seres vivos e como distinguilas no mercado e noutros ámbitos.

Co proxecto "Un mar de ilusións: coñecendo os fondos mariños", o Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Golfo Ártabro Sur busca achegar ás persoas con diversidade funcional ao mundo do mar.

Ao non poder realizarse a actividade de forma presencial por mor da crise sanitaria, farase a través dun divertido e didáctico vídeo de debuxos animados, no que se explicarán as diferentes tipoloxías de seres vivos que habitan nas augas do territorio do GALP: peixe branco, peixe azul, cefalópodos, bivalvos, crustáceos, etc.

O documental contará cunha duración de case 10 minutos en forma de debuxos animados. Nel as especies mariñas interactuarán co capitán Sargo, un auténtico “lobo de mar”, que cos seus diálogos comentará as diferentes especies mariñas, explicando as súas características e amosando como poder diferencialas nos mercados ou en calquera outro ámbito.

A creadora de case a totalidade das ilustracións é a recoñecida Irene Sanjuan, que consegue captar a esencia e características máis relevantes de cada especie. Á súa vez, o contido contou coa revisión de tres entidades vencelladas ao sector: Aspanaes, Autismo Galicia e Asociación Profesional de Logopedas de Galicia.

“É unha auténtica gozada poder contar coa colaboración destes entes para poder levar a cabo un proxecto tan fermoso como este”, destaca o presidente do GALP, Alberto Castro. “Queremos achegar o mundo do mar a todas as persoas, conseguindo a integración e inclusión necesarias no sector. Ademais, tamén servirá para que os máis pequenos poidan coñecer un pouco máis do mar e interesarse por el, xa que o contido tamén pode ser empregado para a rapazada de infantil e primaria” incide.

Unha vez que o documental estea finalizado, o GALP achegará o vídeo a todas as asociacións de diversidade funcional do seu territorio que estean interesadas neste material, ademais de todos os colexios de educación infantil e primaria.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Aberta a nova convocatoria de axudas 2024

Éxito rotundo na convocatoria de axudas 2024

Un estudo ambiental contabiliza en 2.226 a poboación de especies mariñas e terrestes do territorio