O GALP Golfo Ártabro Sur apoia á Confraría da Coruña na repoboación do banco marisqueiro de ourizos de mar entre Lorbé e punta Langosteira

Esta mañá realizouse unha solta de 35.000 exemplares na enseada de Suevos (Arteixo) para favorecer a cría e reprodución deste marisco, moi apreciado polo seu intenso sabor a mar


Representantes do GALP Golfo Ártabro Sur participaron hoxe pola mañá na solta de 35.000 exemplares de ourizos de mar na enseada de Suevos (Arteixo) promovida pola Confraría da Coruña co apoio da Consellería do Mar (Xunta de Galicia) no marco do proxecto denominado “Rexeneración ambiental dos bancos de ourizo na enseada de Suevos”.

O obxectivo do pósito é recuperar unha importante zona marisqueira entre Lorbé e punta Langosteira para favorecer a cría e reprodución desta especie. Xa en 2020 se realizou unha primeira solta na zona da Torre de Hércules aínda que, ata o de agora, con resultados irregulares debido aos constantes episodios de furtivismo que incluso obrigan á Confraría da Coruña a facer eles mesmos vixilancias por toda a costa para evitar a esquilma desta “semente”.

 


Proceso
Nos traballos desta mañá participaron 7 embarcacións e 16 mergulladores, ademais de persoal da confraría, así como o patrón maior da Coruña, Felipe Canosa. En nome da Xunta de Galicia asistiu a xefa da Delegación Territorial da Coruña da Consellería do Mar, María José Cancelo, e por parte do GALP Golfo Ártabro Sur, o xerente Federico López.

Os novos exemplares de ourizos de mar que hoxe se soltaron en Suevos foron criados no viveiro da empresa Algafrés, situado no porto de Sada, ata alcanzar as condicións óptimas de madurez para depositalos en mar aberto. 

Os traballos levan preparándose varios días. O primeiro paso foi que os mergulladores localizasen o mellor sitio para colocar os exemplares para despois preparar as camas de algas que simulen o ecosistema máis axeitado para o crecemento, reprodución e repoboación deste importante banco marisqueiro.


A partir de hoxe, a última fase consistirá en facer o seguimento biolóxico para analizar e identificar as mellores zonas de cría, así como determinar que condicións favorecen máis o crecemento da especie criada primeiro en catividade.

Se as previsións se cumpren, en algo máis dun ano os novos exemplares de ourizo serán destinados a comercialización cando acaden a talla óptima para o consumo.


Actualmente, na Confraría da Coruña hai 7 embarcacións dedicada á recollida deste marisco moi apreciado polo seu intenso sabor a mar. A súa veda só está aberta uns días en decembro e entre os meses de xaneiro a abril cun prezo que oscila entre os 5-12€/kg.

Desde hai tempo, a Confraría da Coruña conta cun plan de explotación propio para este equinodermos co que busca conseguir a máxima rendibilidade na súa comercialización.


Comentarios

Entradas populares de este blog

Aberta a nova convocatoria de axudas 2024

Un estudo ambiental contabiliza en 2.226 a poboación de especies mariñas e terrestes do territorio

Éxito rotundo na convocatoria de axudas 2024