A Asociación Muller Mar constitúese na Casa do Mar da Coruña




Catorce mulleres figuran como asinantes da acta fundacional e dos estatutos da Asociación Muller Mar (AMUMAR) que se constituíu o pasado luns, 3 de decembro, na Casa do Mar da Coruña. O colectivo reúne a profesionais de diferentes ámbitos e perfís buscando, precisamente, a transversalidade desde a súa orixe. Trátase da primeira unión deste tipo que se crea na comarca da Coruña.

Aínda que marcaron Galicia como o seu ámbito de actuación, a vinculación xeográfica da entidade estaría principalmente vinculada aos  concellos que conforman o GALP Golfo Ártabro Sur, é dicir: Arteixo, A Coruña, Culleredo, Cambre, Oleiros, Sada e Bergondo.

Coa firma de acta fundacional danse os primeiros pasos legais para poñer en marcha a un colectivo que pretende aglutinar ás mulleres que desempeñan profesións vinculadas ao mar. No grupo de inicio figuran pescantinas, mariscadoras e ata biólogas mariñas, sumaranse máis adiante outros como o de redeiras, por exemplo. Están así representados sectores como o primario ou o de servizos buscando un retrato multisectorial do colectivo desde o seu nacemento. 

O seguinte paso será inscribir a  AMUMAR no rexistro correspondente de carácter autonómico para así dar curso aos trámites administrativos necesarios. 

Aínda que foron catorce as mulleres que hoxe acudiron á Casa de Mar da Coruña a asinar a constitución da asociación, espérase que o colectivo conte con polo menos unha trintena de integrantes no seu arranque. Tamén prevén poñer en marcha actividades en 2019. A ilusión e a motivación dos seus integrantes marcan estes primeiros pasos da Asociación Muller Mar. 

De modo circunstancial, provisionalmente ata que se poidan levar a cabo as pertinentes votacións, figura como primeira presidenta de AMUMAR Ángeles Barrán Caridade, unha pescantina da Praza de San Agustín que rexenta un posto a que pasou de xeración en xeración na súa familia. A vicepresidenta é Neves Merelas Sánchez, mariscadora. Mentres que o cargo de secretaria osténtao Mari Paz San Pedro Pastor, bióloga mariña.

O proxecto, alentado desde o GALP Golfo Ártabro Sur forxouse tras diferentes reunións previas levadas a cabo en puntos da comarca como Sada ou A Coruña. Prestaron as súas instalacións para facelo realidade institucións como o Concello de Sada, a Fundación Paideia, a  Confradía de Pescadores da Coruña ou o Instituto Social da Mariña, que esta mesma mañá acollía na Casa do Mar a firma dos estatutos e a acta fundacional. 



Comentarios

Entradas populares de este blog

Aberta a nova convocatoria de axudas 2024

Éxito rotundo na convocatoria de axudas 2024

Un estudo ambiental contabiliza en 2.226 a poboación de especies mariñas e terrestes do territorio