A Asociación Muller Mar constitúese na Casa do Mar da Coruña
Catorce mulleres figuran como asinantes da acta fundacional e dos estatutos da Asociación Muller Mar (AMUMAR) que se constituíu o pasado luns, 3 de decembro, na Casa do Mar da Coruña. O colectivo reúne a profesionais de diferentes ámbitos e perfís buscando, precisamente, a transversalidade desde a súa orixe. Trátase da primeira unión deste tipo que se crea na comarca da Coruña.
Aínda que marcaron Galicia como o seu ámbito de actuación, a
vinculación xeográfica da entidade estaría principalmente vinculada aos
concellos que conforman o GALP Golfo Ártabro Sur, é dicir: Arteixo, A Coruña,
Culleredo, Cambre, Oleiros, Sada e Bergondo.
Coa firma de acta fundacional danse os primeiros pasos
legais para poñer en marcha a un colectivo que pretende aglutinar ás mulleres
que desempeñan profesións vinculadas ao mar. No grupo de inicio figuran
pescantinas, mariscadoras e ata biólogas mariñas, sumaranse máis adiante outros
como o de redeiras, por exemplo. Están así representados sectores como o
primario ou o de servizos buscando un retrato multisectorial do colectivo desde
o seu nacemento.
O seguinte paso será inscribir a AMUMAR no rexistro
correspondente de carácter autonómico para así dar curso aos trámites
administrativos necesarios.
Aínda que foron catorce as mulleres que hoxe acudiron á Casa
de Mar da Coruña a asinar a constitución da asociación, espérase que o
colectivo conte con polo menos unha trintena de integrantes no seu arranque.
Tamén prevén poñer en marcha actividades en 2019. A ilusión e a motivación dos
seus integrantes marcan estes primeiros pasos da Asociación Muller Mar.
De modo circunstancial, provisionalmente ata que se poidan
levar a cabo as pertinentes votacións, figura como primeira presidenta de
AMUMAR Ángeles Barrán Caridade, unha pescantina da Praza de San Agustín que
rexenta un posto a que pasou de xeración en xeración na súa familia. A
vicepresidenta é Neves Merelas Sánchez, mariscadora. Mentres que o cargo de
secretaria osténtao Mari Paz San Pedro Pastor, bióloga mariña.
O proxecto, alentado desde o GALP Golfo Ártabro Sur forxouse
tras diferentes reunións previas levadas a cabo en puntos da comarca como Sada
ou A Coruña. Prestaron as súas instalacións para facelo realidade institucións
como o Concello de Sada, a Fundación Paideia, a Confradía de Pescadores
da Coruña ou o Instituto Social da Mariña, que esta mesma mañá acollía na Casa
do Mar a firma dos estatutos e a acta fundacional.
Comentarios
Publicar un comentario