O GALP Golfo Ártabro Sur reúne a destacados profesionais en activo do sector mar-pesca para fomentar o relevo xeracional entre universitarios e ensinanzas medias


O GALP Golfo Ártabro Sur organizou o xoves 20 de outubro, durante toda a mañá, a primeira sesión da xornada “Profesións do mar” na Escola Técnica Superior deNáutica e Máquinas en colaboración coa Universidade da Coruña. O acto de inauguración estivo presidido polo reitor, Julio Abalde; o presidente de GALP Golfo Ártabro Sur, Alberto Castro; o director da Escola, Manuel Romero, e a xefa territorial na Coruña da Consellería do Mar; María Cancelo, que foi a primeira en intervir.


Cancelo quixo agradecer aos promotores da xornada a súa vontade de promocionar o emprego no sector pesqueiro favorecendo a incorporación das mozas e mozos galegos á actividade. Neste sentido, asegurou que a formación é clave para garantir a competitividade do sector marítimo-pesqueiro galego e que siga sendo un referente internacional. Para logralo, subliñou, é fundamental acadar a remuda xeracional nas distintas ramas de actividade pois iso permitirá preservar a súa fortaleza e manter a xeración de emprego e riqueza nas localidades costeiras. A xefa territorial recordou tamén o importante papel dos GALP para contribuír ao desenvolvemento económico dos seus territorios.

Neste sentido, Alberto Castro lembrou que unha das liñas de traballo do GALP Golfo Ártabro Sur é fomentar o relevo xeracional no sector mar-pesca a través de todo tipo de perfís, os máis tradicionais e os novos nichos. Por iso, destacou, “con este encontro formativo e divulgativo queremos amosar as amplas saídas laborais que hai da man, e voz, de grandes profesionais en activo, así como as vías para acceder a estes postos". “Por cada traballo no mar, xéranse catro en terra”, resumiu.

Pola súa banda, o director da ETS de Náutica e Máquinas, Manuel Romero, puxo en valor que, na actualidade, o mar é un dos sectores máis atractivos a nivel profesional recordando que “segundo a Axencia para a Calidade do SistemaUniversitario de Galicia, dúas das nosas titulacións marítimas, o Grao en Máquinas Navais e o Grao en Náutica e Transporte Marítimo, son das mellores valoradas en canto a inserción laboral e condicións económicas”.

Julio Abalde, reitor da UDC, foi o último en dirixirse aos asistentes, animándoos a continuar formándose e tamén a aproveitar o coñecemento e visión extracurricular que brindan xornadas deste tipo. “O sector mar-pesca está cada vez máis aberto e a alta empregabilidade é o resultado dunha ensinanza académica de calidade e do recoñecemento externo a este talento”, resumiu.


Catro mesas temáticas
Esta primeira xornada de “Profesións do mar” reuniu a amplo abanico de profesionais dentro dos ámbitos da navegación, o salvamento marítimo, a loxística, os servizos offshore ou o medio ambiente contando con especialistas en enerxías renovables mariñas, empresas punteiras como Pérez Torres Marítima, ACSM, Forestal do Atlántico, empresas públicas como Navantia, profesorado universitario, representantes de organismos públicos como a Armada, o Instituto Español de Oceanografía, o Centro Tecnolóxico do Mar, a Sociedade de Salvamento e Seguridade Marítima, Portos do Estado ou da Mariña Mercante. A través das súas experiencias profesionais, académicas e vitais deixaron constancia, unha vez máis, que o mar é unha fonte de oportunidades para promover a substitución xeracional. 


O encontro dividiuse en catro mesas de experienciais. A primeira dedicouse á temática “Navegación e Salvamento marítimo” contando coa participación de Pedro García e Emilio Portela, capitán e xefe de máquinas da Mariña Mercante, respectivamente; a brigada Sonia Mª Martínez e o cabo primeiro Juan C. Seoane, das Forzas Armadas; e Bernardo V. Viqueira, xefe do Centro de Coordinación de Salvamento Marítimo da Coruña.


Na Mesa 2, centrada en “Transporte e Loxística”, participaron Walter del Río, práctico maior da Coruña; Enrique Sedofeito, responsable das divisións de Fletamentos e de Carga de proxectos en Pérez Torres Marítima; e Alejandro Rey, exdirector da Autoridade Portuaria Ferrol - San Cibrao e, na actualidade, profesor do mestrado de Loxística e Transporte da UDC.


Os servizos offshore tiveron presenza na mesa 3 con José Cubeiro, xerente da axencia marítima ACSM, e de Laura Castro, doutora internacional e profesora titular na Escola Politécnica de Enxeñería de Ferrol (UDC), premiada polas súas investigacións no estudo técnico-económico das enerxías renovables mariñas.


A cuarta e última mesa estivo centrada nunha temática tan de actualidade como é o medio ambiente. A necesaria preocupación polo coidado da contorna litoral e do mar en si abordouse coas intervencións de Antonio Martínez, director de Sostibilidade de Navantia en Ferrol; Jose M. Pena, director de Seguridade, Medio Ambiente e Calidade da empresa Forestal del Atlántico; Lucía Fraga, coordinadora de Formación no Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR) e Lucía Cañás, da área de Pesquerías do IEO A Coruña.

 




Próxima cita na Laboral de Culleredo
Esta xornada na ETS de Náutica e Máquinas completarase cunha segunda o vindeiro luns, 7 de novembro (9.00 a 15.00h) no CIFP Universidade Laboral de Culleredo. Aquí, as mesas temáticas versarán sobre Pesca e Marisqueo, Comercialización, Medio Ambiente, Salvamento Marítimo, Acuicultura e Turismo e divulgación.

A xornada “Profesións do mar” é outra das actividades que o GALP Golfo Ártabro Sur incluíu na súa axenda 2022 con motivo da celebración do Ano Internacional da Pesca e Acuicultura Artesanais da FAO (AIPAA).


Comentarios

Entradas populares de este blog

Enmalle Studio

En marcha los nuevos proyectos para la convocatoria 2025

Éxito rotundo na convocatoria de axudas 2024