O proxecto que aposta polo peixe fresco, innovación e tradición desde o GALP Golfo Ártabro Sur
O pasado mércores, 20 de novembro, o GALP Golfo Ártabro Sur participou na xornada “GALPs, unha ferramenta para o territorio”, organizada polo GALP Ría de Arousa no Auditorio do Concello de Vilagarcía de Arousa. Este evento serviu para destacar iniciativas innovadoras que están a transformar o sector pesqueiro en Galicia, poñendo en valor a venda de peixe fresco e os produtos locais.
Na sección final, dedicada á presentación de exemplos de éxito, o xerente do grupo. Federico López, deu a coñecer o proxecto GALP8 004: Apertura, modernización e innovación dun novo posto de venda de peixe, unha iniciativa financiada polo GALP Golfo Ártabro Sur, que combina tradición e innovación para impulsar o consumo sostible de produtos do mar.
Entre as melloras deste proxecto, destaca a instalación da primeira máquina expendedora de Galicia para peixe e marisco fresco envasado ao baleiro. Este sistema permite aos consumidores acceder de forma rápida e cómoda a produtos de alta calidade. Ademais, modernizáronse as instalacións con chans antideslizantes, mostradores con sistema de desxeo e unha máquina de pelado mecanizado para responder ás novas demandas do mercado.
Outro elemento diferenciador foi a incorporación de básculas electrónicas con etiquetadoras, que melloran a trazabilidade dos produtos e proporcionan maior transparencia e confianza ao consumidor.
Desde o GALP Golfo Ártabro Sur, seguimos traballando para apoiar proxectos que potencien o desenvolvemento do sector pesqueiro e contribúan a preservar a tradición mariñeira das nosas comunidades costeiras.
Se tes unha idea para impulsar o sector do mar, consulta as nosas axudas e fai realidade o teu proxecto!
Comentarios
Publicar un comentario