O proxecto 'Mar de Velas' chega á súa segunda fase

O próximo luns, 29 de outubro, os GALP promotores do proxecto 'Mar de Velas' (GALP Costa Sostible, GALP Ría de Arousa, GALP Ría de Pontevedra e GALP Golfo Ártabro-Sur) están convocados ás 17 horas na marina de Combarro para levar a cabo un taller participativo correspondente á segunda fase deste programa: modelo de xestión dunha mariña tradicional.

'Mar de Velas' é un proxecto de cooperación interterritorial subvencionado pola Consellería do Mar para a elaboración dun plan estratéxico a través do que obter un modelo de xestión de mariñas nas que albergar as embarcacións tradicionais que temos en Galicia. Trátase de buscar un modelo a través do que garantir a súa conservación, protección e a posta en valor deste elemento de gran valor cultural e de suma importancia para o patrimonio marítimo galego. Así mesmo, a creación destas mariñas tradicionais daría lugar ao nacemento dunha rede de mariñas e navegación tradicional.

A primeira fase do proxecto, referente ao estudo de caracterización e análise diagnóstica da situación actual que envolve ás embarcacións nos territorios que forman parte do estudo, xa rematou. Para iso entrevistouse de forma individual a unha vintena de asociacións destes territorios, coñecendo in situ a súa situación, o estado das súas embarcacións e as problemáticas ás que se enfrontan, ademais de entrevistar a outros axentes de interese que poidan exercer gran peso sobre a mariña. 

Agora, na segunda fase, estúdase a viabilidade técnica, operativa e económica da posta en marcha dunha mariña, e que servirá como eixo da última fase, o deseño da propia rede. No obradoiro que terá lugar o día 29 en Combarro preténdese evaluar o borrador do proxecto, intercambiar propostas e mellorar así o documento definitivo.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Enmalle Studio

En marcha los nuevos proyectos para la convocatoria 2025

Éxito rotundo na convocatoria de axudas 2024