O ministerio de Pesca recoñece o traballo de Pescaderías Sonia, proxecto ao abeiro do GALP
·
O ministerio de Agricultura, Pesca e
Alimentación e a Rede Española de Mulleres no Sector Pesqueiro recoñeceron a
iniciativa de emprendemento en feminino, ao abeiro do GALP Golfo Ártabro Sur.
·
O proxecto é pioneiro no sistema de venda de
peixe fresco e de proximidade a través dunha máquina expendedora.
·
Esta mañá o secretario do GALP, José Garrote,
e o xerente, Federico López, fixeron entrega dunha reprodución do artigo de
boas prácticas á responsable da peixería, Sonia Amor.
Sada, 19 de agosto do 2020.- Pescaderías Sonia, un dos proxectos ao abeiro do financiamento do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Golfo Ártabro Sur, foi recoñecida como iniciativa de “boas prácticas emprendedoras promovidas por mulleres do sector e en materia de igualdade”. Este distintivo é outorgado polo ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e a Rede Española de Mulleres no Sector Pesqueiro. Esta mañá, o GALP fixo entrega da reprodución do artigo de boas prácticas no Mercado de Elviña, onde se sitúa a peixería.
Ao acto participaron o secretario do GALP, José Garrote, o xerente, Federico López, e a responsable da peixería, Sonia Amor. Con este recoñecemento valórase o labor das traballadoras na peixería, así como do GALP, en materia de emprendemento en feminino, creación de emprego e innovación e novas tecnoloxías.
O proxecto galardoado consistiu na apertura e modernización dunha peixería cunha proposta pioneira en Galicia, que se baseou na colocación dunha máquina expendedora de peixe e marisco fresco envasado ao baleiro nas instalacións situadas no mercado de Elviña. Unha medida innovadora que se puido levar a cabo grazas ao apoio do GALP Golfo Ártabro Sur.
Con esta iniciativa, a peixería conseguiu chegar a novos clientes, ofrecendo unha nova opción a aquelas persoas que polo seu horario non poidan mercar cando o posto está aberto. Unha forma sinxela e práctica de adquirir produtos de proximidade, calidade e frescura. Á súa vez, os pedidos que se fan á peixería tamén poden ser recollidos na propia máquina.
O proxecto incluíu a instalación dunha máquina peladora, unha envasadora ao baleiro e un mostrador, permitindo axilizar o traballo.
Á súa vez, coa iniciativa estase a incentivar a venda de peixe e marisco a través de pedidos online así como coa procura de aparcamento gratuíto aos usuarios que acudan ao establecemento. Tamén se está a impulsar o consumo destes produtos entre os cativos e cativas con pequenos agasallos por cada compra.
Comentarios
Publicar un comentario