Alumnado de La Grande Obra recolle 70 quilos de lixo mariño da praia de Bens

Nunha ducia de bolsas de lixo xuntaron 410 toalliñas, 221 pezas de plástico de 2,5 a 50 centímetros, 80 pezas de tela e algunha sola de zapato, 36 bolsas e envoltorios plásticos de usar e tirar entre outros residuos que o que o mar devolveu ao areal.


Unha vintena de rapaces de 1º e 2º do Bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxía (STEMbach) no CPR Plurilingüe La Grande Obra de Atocha limparon durante toda a mañá do 24 de novembro a praia de Bens de residuos que o mar devolveu ao areal. Esta saída ambiental foi unha actividade de divulgación promovida polo GALP Golfo Ártabro Sur con centros escolares da súa contorna para difundir a importancia de producir menos lixo, así como a necesidade de depositalos no colector correcto para o seu tratamento. “O sector pesqueiro e moitas outras actividades económicas dependen dun mar limpo”, recordáronlle desde a entidade aos rapaces, á vez que os animaron a reducir os utensilios dun só uso e actuar con responsabilidade en todas as facetas da vida, desde a compra responsable ao consumo eficiente de recursos básicos ou a compostaxe dos restos de comida no fogar.


O resultado de dúas horas de recollida guiada por monitores do Grupo Naturalista Hábitat foron 70,20 kg de lixo. En concreto, 410 toalliñas, 221 pezas de plástico de 2,5 a 50 centímetros, 80 pezas de tela e algunha sola de zapato, 36 bolsas e outros envoltorios plásticos de usar e tirar, 21 botellas tamén de plástico, 17 apeiros de pesca e 13 pauciños para limpar os oídos. En moita menor cantidade, e de xeito testemuñal para deixar constancia da variedade de lixo que tiramos ao mar como se fose unha papeleira, nos baldes tamén había latas e botellas de vidro, algún aparato eléctrico, produtos de hixiene feminina, cabichas, 2 sementeiros de porexpán e 1 libro sen cubertas de “Reinas para la Historia”.

 

Ver aquí a galería completa de fotos da saída >>
https://www.facebook.com/media/set/?set=a.1140640129674428&type=3

A ducia de bolsas de lixo que se xuntaron depositáronse no punto limpo para proceder á súa reciclaxe.



Charla previa
Antes da recollida de lixo na praia de Bens, os monitores ambientais impartiron unha charla no colexio sobre a importancia do ecosistema mariño do Golfo Ártabro e os diferentes residuos que se atopan nas nosas costas. Amparo Dopico, do equipo técnico do GALP, e José Garrote, secretario do mesmo, tamén lles falaron sobre o traballo da entidade, as posibilidades de emprendemento e as axudas ás que poden optar.

A experiencia e os coñecementos adquiridos, de seguro, serán aproveitados polo alumnado para incluír no proxecto de investigación que teñen que realizar ao finalizar o Bacharelato de excelencia.

Esta xornada promovida polo GALP Golfo Ártabro Sur forma parte do seu programa anual de actividades dentro da súa Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (DLP) para toda a poboación dos concellos de Arteixo, A Coruña, Culleredo, Cambre, Oleiros, Sada e Bergondo, que integran o seu territorio de actuación.



Comentarios

Entradas populares de este blog

Enmalle Studio

En marcha los nuevos proyectos para la convocatoria 2025

Éxito rotundo na convocatoria de axudas 2024