Presentación da terceira edición do roteiro Son do Mar na sede do GALP Golfo Ártabro Sur
Presentouse onte ás 11:00 horas na sede do GALP GOLFO ÁRTABRO SUR, a terceira edición de SON DO MAR. Na rolda de prensa estiveron presentes o Presidente do GALP, don Alberto García Castro e o director do roteiro teatralizado Afonso García Penas, de Alentía Teatro.
O sábado, día 21 deste mes de setembro, chega SON DO MAR III á Coruña. Organizado polo GALP GRUPO DE ACCIÓN LOCAL DO SECTOR PESQUEIRO GOLFO ÁRTABRO SUR e realizado por Alentía Teatro. Este evento comezará ás 9:30 horas na Praza do Humor – Mercado de San Agustín. Haberá alí un posto informativo.
SON DO MAR é un roteiro teatral que mergulla na memoria d ́A Coruña de mediados do século pasado, na lembranza de homes e mulleres que viviron os avatares do mar, o que ofrecía e o que engulía, a mantenza e a traxedia levadas en común; que foron capaces de enfrontar a existencia con valentía e enxeño; que nos ensinaron a valernos do mar e no mar.
A partir das 09:30, dende a Praza do Humor e o Mercado de San Agustín, SON DO MAR percorrerá as rúas da cidade recreando a vida dos nosos devanceiros. Baixo o prisma de Ramón Boutureira, retornado despois de case 70 anos de ter emigrado a Nova York, irán xurdindo ata once escenas nas que o espectador será o ser estraño. A muller que merca o peixe no peirao d ́A Coruña e o vende n ́A Plazuela, ou a que procura e agarda a protección da Virxe do Carme para o seu home indo á procesión; o mozo ao que chaman dous amores: unha rapaza e o mar; o home que de día traballa nun fabriquín e pola noite sae na chalana; quen dubida entre seguir na pesca do día ou embarcar ao Gran Sol; o mariñeiro que bota seis meses en Terranova na pesca do bacallau e á fin volve á casa; e a traxedia, en alta mar ou na espera da Pena das Ánimas. En calquera recuncho agarda un momento ou estampa animada no lugar onde podería ter ocorrido anos atrás. Para rematar na Lonxa coa simulación dunha poxa, unha exposición e o testemuño de quen a preside, Juan Carlos Corrás, con el conversaremos do pasado, presente e futuro da relación d ́A Coruña e o mar.
O Mercado de San Agustín, a Praza de Azcárraga, a Avda. da Mariña, o Recheo, a Lonxa... espazos colmados de vivencias e persoas que aínda bulen a pouco que a imaxinación esperte e se abra ao que fomos e somos.
SON DO MAR é unha celebración da xente do mar e todo o seu mundo, unha homenaxe. Recobra termos case esquecidos e lendas, contos, traxedias, coraxe e afouteza, sabedoría e experiencia. Diante queda un universo proxectado cara a un futuro nas mans de quen se atreva a enfrontalo, un futuro con raíz e alento.
Trátase, pois, dunha actividade dinamizadora da cultura mariñeira que procura amosala, proxectala e dignificala a través dun roteiro teatralizado que posibilita unha aproximación ás coordenadas sociais e culturais do mundo mar no pasado, e dunha reflexión sobre novas vías da vida marítima no presente. Un recoñecemento á súa riqueza e á súa heteroxeneidade ao longo de unha xornada. Ao longo destes escenarios ofrecerase unha radiografía subxectiva da situación do mundo do mar cargada de emoción e sensibilidade e con vontade de reflectir a filosofía do ser humano que habita esa contorna.
Este roteiro propiciará a interacción e o contacto entre persoas de diferentes idades do Concello da Coruña, o coñecemento de costumes, crenzas e da verdadeira historia da vida dos heroes e heroínas anónimos. Nesta xornada, mercé a este roteiro, terán a estima e o aplauso; darémoslles as grazas e mirarémolos con aprecio.
Os interesados en participar nesta actividade poderán anotarse aquí
Os nosos agradecementos máis sinceros á familia de Francisco Pillado González, autor da foto do cartel, que aparece no libro CORUÑA CATRO TEMAS.
Agradecementos ao Concello de Coruña, a Autoridade Portuaria de A Coruña, á LONXA da Coruña e a ACERGA polas facilidades na realización deste roteiro.
Este proxecto está organizado polo Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Golfo Ártabro Sur dentro das actividades de animación da súa Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo, financiado pola Consellería do Mar e o Fondo Europeo Marítimo da Pesca e Acuicultura (FEMPA), co obxecto de dinamizar á actividade Mariñeira, cultural, social, económica, e medioambiental dos Concellos de A Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo, Oleiros e Sada ámbito territorial do noso GALP.
Comentarios
Publicar un comentario