Encontro coa Consellería do Mar e os GALP galegos para avanzar no futuro do sector pesqueiro
Durante a xuntanza, presentaronse os proxectos actuais e futuros dos GALPS, subliñando a importancia de continuar apoiando iniciativas innovadoras no ámbito da pesca e o marisqueo. O sector pesqueiro é fundamental para Galicia, non só como fonte de emprego e riqueza, senón tamén como garante dun modelo sostible que protexe os recursos mariños.
Ademais de expoñer os avances realizados no marco do programa de desenvolvemento local no ámbito pesqueiro, tratáronse temas clave relacionados coas estratexias para mellorar a competitividade do sector e as súas infraestruturas. O conselleiro destacou a importancia de que todas as iniciativas se adapten ás necesidades actuais do sector, garantindo que a pesca e o marisqueo continúen a ser motores económicos para as nosas comunidades costeiras.
Este encontro non só permitiu revisar os progresos alcanzados, senón tamén reforzar a cooperación entre a Consellería e os GALP galegos, afianzando un traballo conxunto a prol dun sector máis innovador, dinámico, resiliente e respectuoso co medio ambiente. A colaboración entre as diferentes institucións resulta fundamental para asegurar un futuro sostible e próspero para o noso litoral.
Entre outros temas, abordáronse as novas liñas de financiamento para proxectos que aposten pola diversificación da actividade económica no litoral, así como o apoio a pequenas e medianas empresas que dependen directamente do mar.
Dende o GALP, valoramos moi positivamente esta reunión como unha oportunidade para intercambiar ideas, identificar novos retos e seguir fortalecendo a nosa colaboración coa Consellería do Mar. O compromiso de todas as partes implicadas garante que seguimos avanzando cara a un modelo de pesca e marisqueo que respecte os recursos naturais, mellore a calidade de vida dos profesionais do sector e contribúa ao desenvolvemento sostible das comunidades costeiras.
Comentarios
Publicar un comentario