Os portos de Celeiro, Corme e Burela únense ao da Coruña no proxecto que da unha segunda vida ao lixo mariño
·
Upcycling The Oceans ten como obxectivo reciclar
e transformar o lixo en material para a moda sostible.
·
Neste contexto, o GALP Golfo Ártabro Sur organiza
unha xornada sobre como reducir e eliminar os plásticos que se atopan no mar.
O mar convértese cada ano en lugar de acollida de
ata 8 toneladas de lixo. Concienciados co medioambiente, Ecoembes e a Fundación
Ecoalf impulsan un proxecto que pretende liberar ao mar de todos os residuos
que rematan nel e darlles unha utilidade. Upcycling The Oceans busca
recoller o lixo dos fondos mariños a través da participación dos barcos
pesqueiros para reciclalo e reempregalo para crear fío de primeira calidade. O
porto da Coruña, pertencente ao territorio do GALP Golfo Ártabro Sur, encabezou
o proxecto en Galicia, ao que agora se unen os portos de Celeiro, Burela e
Corme.
A iniciativa comezou a súa andaina na comunidade
galega no ano 2018. Un total de 140 pescadores de 14 barcos coruñeses
recuperaron desde entón 1.105 kg de residuos -787 kg eran plásticos-, que serán
reciclados e reempregados para crear materias para a moda sostible. A estes 14
barcos coruñeses sumaranse agora 7 de Burela, 50 de Celeiro e 14 de Corme.
No proxecto participan, actualmente, máis de 3.700
pescadores de 40 portos sitos en Galicia, o Mediterráneo e o Golfo de Cádiz.
Neste contexto, o GALP Golfo Ártabro Sur amosa o
seu compromiso co mar e co medioambiente coa xornada "Por un mar de vida e
oportunidades", na que o lixo mariño será o protagonista. Nela falarase
dos coñecementos e retos para a redución e eliminación dos plásticos mariños e
da oportunidade que estes ofrecen para o emprendemento, entre outras cousas.
Comentarios
Publicar un comentario