O GALP organiza unha galería de arte con lixo mariño para concienciar sobre a contaminación

Acto de presentación da exposición en Bergondo

‘A Alquimia do Lixo: unha viaxe dende a fealdade á beleza’ concienciará a través de dúas exposicións, en Cambre e Bergondo, sobre a xestión de residuos.

A mostra está organizada polo GALP Golfo Ártabro Sur coa colaboración da asociación Mar de Fábula e o apoio da agrupación RetoqueRetro.

Esta mañá tivo lugar o acto de presentación en Bergondo, ao que asistiron representantes do GALP, Mar de Fábula, RetoqueRetro, e a alcaldesa do municipio.

O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Golfo Ártabro Sur reemprega o lixo mariño para crear arte e concienciar sobre a xestión dos residuos coa exposición “A alquimia do lixo: unha viaxe dende a fealdade á beleza”. A exhibición conta coa colaboración da asociación Mar de Fábula e o apoio da agrupación RetoqueRetro.

Esta mañá tivo lugar o acto de presentación da exposición no edificio cultural da Senra, en Bergondo, evento ao que asistiron o secretario do GALP Golfo Ártabro Sur, José Garrote Martín, o xerente, Federico López Viñas, a alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez, o presidente de Mar de Fábula, Xosé Manuel Barros, e Isabel García, Javier Serantes e Ana Lee, de RetoqueRetro.

“A alquimia do lixo” contará con dúas salas de exposición, unha situada na Senra, en Bergondo, e outra na Casa da Cultura Vila Concepción, en Cambre, que albergarán as mostras ata o 7 de xaneiro. Ambos espazos acollerán obras de arte creadas con lixo recollido nas praias da contorna, unha forma diferente de concienciar e sensibilizar sobre a xestión dos residuos.

En Bergondo, as persoas que se acheguen poderán observar creacións artísticas como, por exemplo, maquetas de barcos elaborados con cordas de pescar que rematan nos fondos mariños. Á súa vez, o lugar contará cun apartado denominado ‘supermercado do lixo’ onde os visitantes poderán observar todos os residuos recollidos durante o mostreo dun ano en seis praias da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo,en concreto en Santa Cristina, Bastiagueiro, Mera, Ponte do Porco, Gandarío e Miño. Así pois, presentaranse en envases materiais como bastoncillos, cascos, xoguetes, cubertos de plástico ou tampóns, entre outros.

Exposición en Bergondo

En Cambre poderase observar unha auténtica galería de arte creada co lixo atopado nas praias da contorna. “Unha forma de concienciar a través da arte sobre todos os residuos que xeramos e que, de non tratarse da forma axeitada, poden rematar no mar”, sinalou o secretario do GALP Golfo Ártabro Sur, José Garrote Martín. Tamén se poderá observar nesta sala unha mostra de nada máis e nada menos que 37.000 bastoncillos que foron recollidos do mar ao longo dos anos.

Exposición en Cambre


Ambas exposicións contarán co protocolo axeitado para evitar os contaxios por covid-19. No caso da exposición de Cambre será preciso pedir cita con antelación á Casa da Cultura a través do teléfono 981 61 31 93, debido ás medidas de restrición baixo as que se atopa o municipio. Esta permanecerá aberta en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 horas e os sábados de 10:00 a 14:00 horas.

No caso de Bergondo poderá visitarse de 11:00 a 13:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas e os sábados de 11:00 a 13:00 horas.

A exposición, organizada polo GALP Golfo Ártabro Sur, coa colaboración de Mar de Fábula e o apoio de RetoqueRetro conta co financiamento da Consellería do Mar e do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Aberta a nova convocatoria de axudas 2024

Éxito rotundo na convocatoria de axudas 2024

Un estudo ambiental contabiliza en 2.226 a poboación de especies mariñas e terrestes do territorio