O GALP organiza unha galería de arte con lixo mariño para concienciar sobre a contaminación
Acto de presentación da exposición en Bergondo |
‘A Alquimia do Lixo: unha viaxe dende a fealdade á beleza’ concienciará a través de dúas exposicións, en Cambre e Bergondo, sobre a xestión de residuos.
A mostra está organizada polo GALP Golfo Ártabro Sur coa colaboración da asociación Mar de Fábula e o apoio da agrupación RetoqueRetro.
Esta mañá tivo lugar o acto de presentación en Bergondo, ao que asistiron representantes do GALP, Mar de Fábula, RetoqueRetro, e a alcaldesa do municipio.
O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Golfo Ártabro Sur reemprega o lixo mariño para crear arte e concienciar sobre a xestión dos residuos coa exposición “A alquimia do lixo: unha viaxe dende a fealdade á beleza”. A exhibición conta coa colaboración da asociación Mar de Fábula e o apoio da agrupación RetoqueRetro.
Esta mañá tivo lugar o acto de presentación da exposición no edificio cultural da Senra, en Bergondo, evento ao que asistiron o secretario do GALP Golfo Ártabro Sur, José Garrote Martín, o xerente, Federico López Viñas, a alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez, o presidente de Mar de Fábula, Xosé Manuel Barros, e Isabel García, Javier Serantes e Ana Lee, de RetoqueRetro.
“A alquimia do lixo” contará con dúas salas de exposición, unha situada na Senra, en Bergondo, e outra na Casa da Cultura Vila Concepción, en Cambre, que albergarán as mostras ata o 7 de xaneiro. Ambos espazos acollerán obras de arte creadas con lixo recollido nas praias da contorna, unha forma diferente de concienciar e sensibilizar sobre a xestión dos residuos.
En Bergondo, as persoas que se acheguen poderán observar creacións artísticas como, por exemplo, maquetas de barcos elaborados con cordas de pescar que rematan nos fondos mariños. Á súa vez, o lugar contará cun apartado denominado ‘supermercado do lixo’ onde os visitantes poderán observar todos os residuos recollidos durante o mostreo dun ano en seis praias da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo,en concreto en Santa Cristina, Bastiagueiro, Mera, Ponte do Porco, Gandarío e Miño. Así pois, presentaranse en envases materiais como bastoncillos, cascos, xoguetes, cubertos de plástico ou tampóns, entre outros.
Exposición en Bergondo |
En Cambre poderase observar unha auténtica galería de arte creada co lixo atopado nas praias da contorna. “Unha forma de concienciar a través da arte sobre todos os residuos que xeramos e que, de non tratarse da forma axeitada, poden rematar no mar”, sinalou o secretario do GALP Golfo Ártabro Sur, José Garrote Martín. Tamén se poderá observar nesta sala unha mostra de nada máis e nada menos que 37.000 bastoncillos que foron recollidos do mar ao longo dos anos.
Exposición en Cambre |
Ambas exposicións contarán co protocolo axeitado para evitar os contaxios por covid-19. No caso da exposición de Cambre será preciso pedir cita con antelación á Casa da Cultura a través do teléfono 981 61 31 93, debido ás medidas de restrición baixo as que se atopa o municipio. Esta permanecerá aberta en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 horas e os sábados de 10:00 a 14:00 horas.
No caso de Bergondo poderá visitarse de 11:00 a 13:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas e os sábados de 11:00 a 13:00 horas.
A exposición, organizada polo GALP Golfo Ártabro Sur, coa colaboración de Mar de Fábula e o apoio de RetoqueRetro conta co financiamento da Consellería do Mar e do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca.
Comentarios
Publicar un comentario