O GALP Golfo Ártabro Sur aprobará mañá a Estratexia de desenvolvemento local participativo do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca.
No día de onte celebrouse na Casa do Mar de Sada,
a reunión da xunta directiva do GALP, co obxectivo de validar o documento da
estratexia, que orientará o programa de axudas do FEMP (2014-2020). Houbo
consenso á hora de validar o documento, destacando os retos que se presentan de
cara ao novo período, para mellorar a execución deste programa. A estratexia
vai a potenciar de maneira especial aos sectores do mar e o turismo,
favorecendo a sinerxía e o establecemento de iniciativas conxuntas entre ambos.
Tamén se reforzará a preservación e o coidado dos ecosistemas e hábitats
marítimo costeiros, afrontando problemáticas ambientais, ás que se lle pode dar
resposta con este fondo. Outra das liñas de traballo é a relacionada coa
valorización do patrimonio, facendo unha firme aposta pola recuperación de
patrimonio vinculado ao mar e a zona costeira, tanto no ámbito material, como
no inmaterial, recuperando actividades, tradicións, oficios, ligados ao mundo
do mar.
Unha vez que a Asemblea ratifique o documento,
este será entregado á Consellería do Mar, para a súa aprobación, pasando o GALP
a converterse nunha entidade colaboradora na xestión do programa de axudas de
dito Fondo. Neste caso, o GALP podería xa recibir solicitudes de proxectos, de
cara á nova convocatoria do programa de axudas, que sería a finais do mes de
febreiro do vindeiro ano.
A Asemblea Xeral do GALP Golfo Ártabro Sur, para
a aprobación da estratexia, celebrarase mañá, día 1 de decembro, no Salón de
Actos de A Senra no concello de Bergondo. A primeira convocatoria da reunión
está fixada para as 18:00 horas e a segunda para as 18:30 horas. Ao remate da
mesma, sobre as 19:00 horas terá lugar o Foro que pechará o proceso, acto este
que será aberto a todas as persoas e entidades que estiveron participando no
proceso.
Comentarios
Publicar un comentario