Xornadas informativas para informar das axudas a proxectos
O obxectivo dos encontros é facilitar información e resolver dúbidas ás persoas e entidades que queiran optar ao financiamento de proxectos que impulsen, desde a sostibilidade, a zona de influencia do GALP Golfo Ártabro Sur
O
Multiusos de Bergondo acolle esta tarde a primeira xornada
informativa que organiza o grupo de acción local do sector pesqueiro
(GALP) Golfo Ártabro Sur. Durante esta semana celebraranse nos
diferentes concellos do ámbito territorial deste GALP -Cambre,
Culleredo, Sada, Arteixo, A Coruña e Oleiros- encontros dirixidos ás
persoas e entidades interesadas en poñer en marcha un proxecto
en sintonía coa Estratexia de desenvolvemento local participativa do
grupo, que busca mellorar a competitividade e impulsar o emprego
entre o sector marítimo-pesqueiro da zona e
establecer sinerxías co sector turístico .
Existen
varias liñas de proxectos subvencionables, e precisamente estas
xornadas están enfocadas a explicar polo miúdo os
requisitos que deben cumprir para optar ás axudas do
Fondo Europeo Marítimo e de Pesca. A convocatoria máis próxima
pecha o prazo de presentación de proxectos o 1 de marzo, pero nos
vindeiros meses abriranse novos prazos.
Diversificar
a economía local, fomentar o aproveitamento do patrimonio ambiental
e cultural desde a sostibilidade ou impulsar o benestar social son
algúns dos obxectivos que recolle o documento da Estratexia de
desenvolvemento local participativo, aprobada a finais de 2016. Hai
un orzamento total tres millóns de euros para os proxectos
produtivos -que supoñan realizar unha actividade económica e a
creación ou o mantemento do emprego- e non produtivos -que non
supoñan o inicio do desenvolvemento dunha actividade económica- que
se poñan en marcha durante o período 2014-2020 nesta área
costeira.
Mañá
continuarán as xornadas, que levan por título “Reserva de
futuro. Estratexia de desenvolvemento local participativo”, ás
12:00 en Cambre (centro sociocultural do Graxal) e ás 18:00 en
Culleredo (edificio de servizos múltiples do Burgo). Continuarán,
ata o venres, en Sada, Arteixo, A Coruña e Oleiros.
Comentarios
Publicar un comentario