Postais de Nadal pola diversidade funcional


  • O GALP Golfo Ártabro Sur organiza un concurso de felicitacións de Nadal dirixido ás entidades de diversidade funcional do territorio co obxectivo de visibilizar o importante labor que levan a cabo e achegalos ao sector para impulsar a inserción laboral.
  • Cada entidade que desexe participar deberá enviar unha única postal antes do 15 de decembro. A que máis ‘Me Gusta’ teña nas redes do GALP recibirá un agasallo e será a empregada polo grupo para felicitar as festas.

O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Golfo Ártabro Sur organiza un concurso de postais de Nadal dirixido a entidades de diversidade funcional do territorio. O obxectivo é darlles visibilidade e achegalas ao mundo do mar para impulsar a inserción laboral aproveitando estas datas tan sinaladas.

Así pois, as entidades que desexen participar deberán crear unha postal de Nadal relacionada co mar, podendo estar ambientadas ou inspiradas no Golfo Ártabro, ou no mundo do marítimo en xeral. Poderanse empregar as técnicas que se queira, iso si, o formato deberá ser tamaño A4 e por unha soa cara. Tamén deberá levar na esquina inferior dereita o logo da entidade que a envía.

O prazo para achegar as felicitacións rematará o día 15 de novembro ás 14:00 h. As postais poderán enviarse ao correo electrónico golfoartabrosur@gmail.com en formato PDF, JPEG, JPG, PNG... No caso de enviar o orixinal por correo postal deberase facelo á dirección da sede do GALP, avenida do Porto no 21 – Baixo (Casa do Mar) CP:15160 Sada.

As postais someteranse á votación dos usuarios en Facebook, Twitter e Instagram. A que máis ‘Me Gusta’ consiga sumando as tres redes será a gañadora e a que o GALP Golfo Ártabro Sur empregue para felicitar as festas. A entidade gañadora tamén recibirá un agasallo. As votación abriranse ao subir as imaxes e pecharanse o 21 de decembro ás 13:00 horas.

“A través do certame búscase facer fincapé na xigantesca labor que fan as entidades coas persoas con diversidade funcional e a importancia das mesmas no seu desenvolvemento e inserción laboral”, indica o presidente do GALP Golfo Ártabro Sur, Alberto Castro. “Este concurso é unha forma de darlles visibilidade e achegalas ao mundo do mar, facilitando a súa integración neste”, destaca. O GALP Golfo Ártabro Sur exporá todas as postais que reciba na súa sede.

Bases do Concurso




Comentarios

Entradas populares de este blog

Enmalle Studio

En marcha los nuevos proyectos para la convocatoria 2025

Éxito rotundo na convocatoria de axudas 2024