O GALP investiu este ano preto de 600.000 euros para 11 proxectos que permitiron mellorar infraestruturas e crear emprego

Posto en Maridar, iniciativa financiada polo GALP

  • A liña de subvencións do grupo deu lugar, ata o día de hoxe, a 5 novos postos de traballo e mantemento doutros 47, á creación de 4 novos negocios e á formación de máis de 300 mulleres.
  • O Golfo Ártabro Sur informa de que o prazo para solicitar as súas  axudas seguirá aberto ata o 1 de marzo de 2021. 

O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Golfo Ártabro Sur financiou este ano 2020 un total de 11 proxectos no ámbito do mar que permitiron crear e manter postos de traballo, mellorar infraestruturas e formar a persoas no sector. As iniciativas contaron cun investimento de 587.020,92 euros.

Proxectos de mellora enerxética, de protección e coidado do medio ambiente, de inclusión, difusión e formación, así como de mellora de equipamento, son algunhas das propostas que o GALP subvencionou neste 2020 co obxectivo de impulsar o desenvolvemento do territorio, composto polos concellos da Coruña, Arteixo, Bergondo, Cambre, Culleredo, Oleiros e Sada. 

As accións permitiron renovar infraestruturas, crear 5 novos postos de traballo e manter outros 47 (ata o día de hoxe), dar lugar a 4 novos negocios, así como formar a un total 313 mulleres. 

Dentro das iniciativas financiáronse melloras nas infraestruturas do territorio a través de accións de eficiencia enerxética na sala de máquinas e renovación de portas de acceso na lonxa da Coruña, instalación dun fabriquín de xeo na de Sada e renovacións nos pantaláns do Club Náutico de Sada dentro do proxecto “turismo e náutica. Tamén se melloraron equipamentos en negocios como Horno San Isidro, ao que se dotou dun forno industrial para a elaboración e venda de empanadas con produtos do mar.

No ámbito turístico financiáronse proxectos de náutica sostible a través dunha embarcación de vela en Altavela Servicios Náuticos SL e o proxecto náutico deportivo “La Espina, ocio mariño y deportes náuticos” de Equiges Consultoría Integral S.I. Tamén se subvencionou a adquisición de material marítimo para a promoción de deportes náuticos por parte do Club Náutico Recreativo de Sada. 

En materia medioambiental subvencionouse o proxecto de valorización de plásticos con Recuperamos S.L., que buscaba levar a cabo a reciclaxe de plásticos con novas técnicas que permiten aproveitar unha porcentaxe moito mais elevada.

O GALP desenvolveu tamén a través do seu programa de axudas o segundo encontro gastronómico, turístico e de ocio Maridar II promovido pola Federación de Asociaciones Empresariales de As Mariñas. Este evento permitiu potenciar a ligazón entre mar e terra, aproveitando a riqueza dos produtos gastronómicos do territorio e vencellándoos co ocio e o turismo náutico.

O prazo para solicitar axudas pechará en marzo de 2021

As entidades que queiran iniciar unha actuación en relación ao mundo do mar poderá solicitar estas subvencións, que axudarán a financiar o 50% no caso dos proxectos produtivos e puidendo chegar ao 100% do investimento dos non produtivos. O GALP tamén exercerá funcións de asesoramento e acompañamento ao longo de todo o proceso.

Poderán presentar proxectos empresas e entidades públicas e privadas segundo o indicado na estratexia do GALP. O proxectos que se presenten deben fomentar as actividades náuticas, promocionar os produtos pesqueiros do territorio, apoiar o ambiente mariño e costeiro ou promover o patrimonio cultural marítimo pesqueiro, entre outros.

As persoas ou entidades que soliciten as subvencións deberán estar situados nun dos 7 concellos que conforman o territorio do GALP, ser viables técnica e economicamente e axustarse á normativa sectorial que resulte da aplicación para cada tipo de proxecto. 

Poderase solicitar toda a información na sede do GALP, nos seguintes números de teléfono 881 896 417 /617 867 820 e na súa páxina galpgolfoartabrosur.blogspot.com 

Comentarios

Entradas populares de este blog

Enmalle Studio

En marcha los nuevos proyectos para la convocatoria 2025

Éxito rotundo na convocatoria de axudas 2024