O GALP Golfo Ártabro Sur busca 15 mozos do seu territorio para participar no programa Relevo 2020

 

·         Esta novidosa iniciativa ofrece formación personalizada e gratuíta para persoas entre 16 e 30 anos que queiran encamiñar o seu futuro laboral no sector do mar ou da pesca.

 

·         A segunda edición levarase a cabo entre finais de xaneiro ata finais de abril e xa está aberto o período de inscrición.

 



Relevo2020 é unha novidosa iniciativa formativa dirixida a mozos entre 16 e 30 anos a través da que se quere promover o relevo xeracional no sector pesqueiro. Está pensada para aquelas persoas que queiran encamiñar o seu futuro profesional no sector do mar ou da pesca e, antes, vén necesario consolidar ou ampliar a súa formación a través dunha aprendizaxe totalmente personalizada e gratuíta. O nivel de adaptación é máximo xa que o horario das sesións, de mañá ou de tarde, será acordado cos inscritos para favorecer a súa participación.

 

A finais de xaneiro empezará a segunda edición do programa Relevo2020 que se prolongará ata finais de abril. No caso do territorio GALP Golfo Ártabro Sur dispón de 15 prazas que se cubrirán por orde de inscrición. Recordamos que os municipios do noso territorio son A Coruña, Arteixo, Bergondo, Cambre, Culleredo, Oleiros e Sada.

 

Didáctica
Durante estes catro meses, o equipo docente traballará de xeito individual con cada participante tratando de encaixar cada situación personal nas oportunidades que o sector pesqueiro ofrece. De feito, o programa formativo busca potenciar a parte práctica e experiencial centrándose en sesións que fomenten un bo coñecemento do sector pesqueiro, en tecer redes asociativas cos profesionais do mar, o emprendemento activo, ou o recoñecemento de experiencias innovadoras a través de encontros con outros profesionais.

 

Así mesmo, as actuacións para a execución do programa formativo son variadas xa que comprenden desde seminarios formativos a titorías individualizadas, saídas de campo, encontros con outros con outros mozos con experiencia, visitas experienciais e, incluso, unha saída de estudo a nivel nacional.

 

Docentes con ampla experiencia
O cadro de profesores está formado por profesionais do eido das Ciencias Experimentais e das Ciencias Sociais, con ampla experiencia na realización e coordinación de proxectos de divulgación científica centrada no medio mariño e o sector pesqueiro e en procesos de formación.

 

A inscrición pode realizarse a través do GALP Golfo Ártabro Sur (galpgolfoartabrosur@gmail.com – 881 896 417 – 604 053 257) ou, directamente, co Proxecto Relevo 2020 no email info@relevo2020.org.

 

Acceso directo ao formulario >

https://arenariacoordinacion.com/relevo2020

Comentarios

Entradas populares de este blog

Enmalle Studio

En marcha los nuevos proyectos para la convocatoria 2025

Éxito rotundo na convocatoria de axudas 2024