O II Roteiro Son do Mar percorre en quince vídeos a tradición mariñeira do Golfo Ártabro Sur

 

·      Todos os episodios iranse subindo ao Youtube do GALP Golfo Ártabro Sur onde, desde mañá venres, se poderán ver os dous primeiros.

 

·    A personaxe do emigrante retornado Ramón Boutureira vertebra a historia que conecta o pasado mariñeiro e o presente da Coruña, Arteixo, Bergondo, Cambre, Culleredo, Oleiros e Sada.


·   Outro valor engadido deste proxecto é a colaboración da veciñanza xa que, entre protagonistas, figurantes e público, nesta produción contouse con 33 actores e actrices maiores e menores de 40 anos.

 

Sada, 28 de xaneiro de 2021. O GALP Golfo Ártabro Sur promove a segunda edición do roteiro teatralizado “Son do Mar” aínda que, nesta ocasión, e debido á situación sanitaria provocada polo covid-19, preséntase a través de quince vídeos que percorren os preto de 80 kilómetros de costa entre Bergondo, Sada, Oleiros, Cambre, Culleredo, A Coruña e Arteixo.

 


A personaxe que vertebra a historia é o emigrante retornado Ramón Boutureira. Despois de case 70 anos en Nova York volve á súa vila natal para ir contemplando en primeira persoa os cambios acontecidos nos lugares, na xente e nas costumes que el coñecía de cando transportaba mercadorías co seu pai.

A viaxe tamén levará ao espectador polo pasado e o presente do territorio, falando dos actuais usos dos recursos do mar e da pesca, pero tamén recordando prácticas xa desaparecidas como a captura do longueirón en Bergondo o a colleita de xuncos para o gando, as fábricas de salgadura de Sada ou a pesca con boliche na praia de Morazón.


 As redeiras de Lorbé, as familias mariñeiras e o seu amor polo mar, as artes de pesca, a venda de peixe na feira de Cambre e os baños na Marisqueira, a utilidade dos muíños de marea cando os de río non levaban case auga, a actual paisaxe da ría do Burgo, as percebeiras de Rañobre, os tesouros que os temporais deixaban en forma de crebas, a compra de peixe no peirao da Coruña e a venda na Plazuela,… Son algúns dos outros temas que levarán ao espectador pola “memoria do mundo do mar, pola súa beiramar e polo cemento para recuperar o saber tradicional” e que nos fai ser o que somos hoxe, sinalan os promotores.

Elenco local
Nesta ocasión, o GALP Golfo Ártabro Sur volve colaborar coa agrupación Alentía Teatro para a posta en escena baixo a dirección de Afonso García Penas. Outro valor engadido deste proxecto é a colaboración da veciñanza dos sete concellos que integran o territorio. Entre protagonistas, figurantes e público, nesta produción contouse con 33 actores e actrices maiores e menores de 40 anos.

Desde mañá, os quince vídeos da serie irán estando dispoñibles na canle de Youtube do GALP Golfo Ártabro Sur, onde xa se poden ver os dous primeiros. Tamén se colgarán nas redes sociais da entidade para unha maior difusión.

  

Canle de Youtube


Comentarios

  1. Coido que vai estar interesante... Mais o director chámase A(L)FONSO, seica...

    ResponderEliminar
  2. Coido que vai estar interesante... Mais o director chámase A(L)FONSO, seica...

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Entradas populares de este blog

Enmalle Studio

En marcha los nuevos proyectos para la convocatoria 2025

Éxito rotundo na convocatoria de axudas 2024