Entrega dos tres premios do I Concurso Online de Foto “Ollando cara ao mar”
Os ganadores gozarán de tres experiencias de ocio náutico na nosa ría obsequiadas por Cadenote Yatch, a Escola Náutica de Sada (ENSA) e Altavela.
Na tardiña do pasado 19 de decembro, tras o acto de
presentación das liñas estratéxicas da nova EDLP, entregamos os premios do I
Concurso Online de Foto “Ollando cara ao mar” promovido polo GALP Golfo Ártabro
Sur o verán pasado e que contou coa colaboración de tres empresas de ocio
náutico do territorio. As 24 imaxes finalistas sometéronse a votación popular
no perfil de Facebook do GALP entre o 1 e o 17 de agosto e as tres fotos máis
votadas resultaron as ganadoras.
Ver no noso Facebook todas as fotos que se
presentaron ao concurso >>
https://www.facebook.com/media/set/?set=a.1298707197201053&type=3
O primeiro premio foi para Manuel Suárez Blanco pola súa foto a “A bravura do mar desde a costa de Mera (Oleiros)”, que gozará dun curso de vela práctico para unha persoa, na ría de Betanzos, obsequiado por Cadenote Yatch. Suárez Blanco realizará 4 saídas en veleiro cunha duración de 3 horas cada unha.
Pola súa banda, os usuarios decidiron que o segundo e o terceiro premio fosen para as fotos “Posta de sol” e “Libélula descansado á beira do río” de Adrián Rodríguez Sanmartín.
El poderá combinar dúas experiencias de ocio náutico. Unha excursión en veleiro de 3 horas para dúas persoas polo litoral do Golfo Ártabro Sur, donada pola Escola Náutica de Sada (ENSA); e un bautismo de vela, tamén de de 3 horas, para unha persoa no Golfo Ártabro. Este 3º premio do concurso foi obsequiado por Altavela, que non puido asistir ao acto, e entregou o premio no seu nome o presidente do GALP, Alberto Castro.
Comentarios
Publicar un comentario