O GALP participa en tres proxectos de cooperación para o impulso do patrimonio mariñeiro galego
● “Mar de Velas”, “Ruta dos Faros” e “Moradas Atlánticas” son os tres
proxectos interterritoriais nos que participa o Golfo Ártabro Sur.
Algunhas das iniciativas desenvoltas polo Golfo Ártabro Sur teñen carácter interterritorial. Os proxectos deste carácter son aqueles que se
realizan dentro do Estado entre os GALP dunha mesma zona ou de distintas zonas do
territorio. Á súa vez, tamén se enmarcan aquí os plans entre os GALP e as
entidades público-privadas locais que estean ao abeiro dunha EDLP.
“Mar de Velas”,
impulso da cultura e a historia mariñeira

A iniciativa emprega embarcacións tradicionais para o seu uso turístico co
obxectivo de dar a coñecer a través da navegación a tipoloxía e a historia da
propia nave, do mar, da pesca e da zona na que se atope a embarcación. Á súa
vez, tamén se levan a cabo charlas formativas e informativas destinadas ás
asociacións de navegación tradicional, outorgándolles as ferramentas necesarias
para que poidan participar no proxecto.
O selo “Cocina Atlántica” converte a gastronomía en patrimonio

O proxecto de cooperación busca poñer en valor a cultura e o patrimonio
material e inmaterial mariñeiro dos territorios atlánticos, empregando como fío
condutor a gastronomía. Con isto tamén se conseguirá estreitar lazos entre as
diferentes poboacións dos municipios integrados nos GALP e os da entidade
colaboradora do proxecto: o Grupo de Açao Costeira da Regiao de Aveiro, en
Portugal.
Turismo a través dos faros

As persoas interesadas poderán percorrer esta ruta
pola costa galega a pé, en moto, en caravana, en coche ou en barco. Unha forma
de turismo mariñeiro de calidade que mestura accións como a Travesía Náutica
Xacobea -peregrinación a Santiago por mar- e actividades con redeiras,
mariscadoras, pescadores e outros profesionais do sector do mar. Ademais disto,
na ruta tamén se pode gozar da mellor gastronomía local. Os restaurantes que
participan no proxecto constan do selo gastronómico Km 0 Margalaica.
Comentarios
Publicar un comentario