En tempos difíciles, a mellor maneira de saír adiante é remando todos e todas xuntos
E sábeno ben Cadenote Yacht, empresa afincada en Sada dende fai máis de 25 anos, que durante o confinamento, se amañou para montar unha rede de confección de mascarillas no Concello de Sada. De xeito altruísta, esta empresa servizos de náutica deportiva e de recreo, estivo regalando mascarillas a diferentes entidades e persoas do concello, así como de outros concellos próximos. Unha fermosa iniciativa que nos conta en “Queda co noso mar”, así como a súa visión da situación actual e como ven o futuro.
1.
Para poñernos en situación, podedes contarnos
un pouco sobre as actividades que realizades?
Temos
un servizo moi amplo: a tenda de repostos náuticos, onde vendemos roupa
técnica, acastillaje, cabullería, pinturas,
elementos de seguridade, electrónica, etc.; temos un taller de reparación e
mantemento de barcos, onde facemos arboraduras e enxarcias (por exemplo, cando
se rompe un mastro ou un cable), de feito, neste terreo levamos a representación
para toda Galicia e o norte de España de Seldén; tamén temos o taller de velaría,
catalogado como taller artesanal, onde fabricamos ou reparamos velas, lonas e
capotas para embarcacións e facemos calquera tipo de traballo, incluso para hospitais
ou tendas coma as de Loewe; por outro lado temos a escola de vela para aprender
a navegar e a escola homologada para titulacións náuticas. A maiores facemos
algunha actividade diferente como as catas de viño náuticas e axudamos coas documentacións
e tramitacións dos barcos. Intentamos que, si un cliente entra pola porta,
poida saír con calquera problema que teña resolto.
2.
Como vos repercutiu a situación provocada polo
COVID-19 nas diferentes áreas? Como estades agora?
Cando
comezou o Estado de Alarma tivemos que paralizar a atención ao publico, ou
sexa, a tenda e a escola. Na escola as clases prácticas, de xente que xa tiña
aprobados os exames teóricos, tivéronse que paralizar de todo. Cos grupos de clases
teóricas presenciais pasamos a facer as clases en modalidade online, que ata
ese momento non existía. A verdade é que o cambio tivo boa acollida, o profesor
é moi didáctico e a xente estivo contenta e adaptouse ben, incluso tivemos que
pospoñer algúns exames e o curso alongouse algo, pero ninguén protestou nin moito
menos. Agora que se reanudou toda a actividade xa volvemos ao formato
presencial.
En
canto ao taller de reparacións e o de velarías seguiron funcionando, co que non
tivemos que facer ningún ERTE.
Agora
estamos ben, arrancando, primeiro abrimos a tenda e un pouco máis tarde
reincorporouse a escola. Na temporada de verán sempre se concentra o volume de
traballo en todas as áreas, pero este ano incluso diría que hai máis demanda
que en anos anteriores. Estamos notando que a xente está con moitas ganas,
recibimos moitas chamadas de persoas interesadas en mercar barcos de segunda
man, facer saídas ao mar, cursos de vela ou sacar titulacións. O maior temor
que temos en todos os sectores é o que vai pasar cando chegue outubro e, no
sector da náutica, aínda máis, porque despois do verán sempre pega un baixón.
3.
Como foi a vosa situación en canto a EPI’s e
medidas de seguridade? Tedes algún protocolo establecido de cara á volta á
actividade?
Temos
a todo o persoal con mascarillas e tamén as temos a disposición do público
unhas lavables e reutilizables, para que a se alguén ven sen elas, as poida coller.
Tamén marcamos o chan para controlar a distancia entre usuarios e temos a
disposición de todos e todas, ademais das mascarillas, xeles desinfectantes e
papel. En canto aos barcos, non os levamos ao 100% da súa capacidade e sempre
que sae un grupo límpanse e desinféctanse.
4.
Durante esta etapa, ata realizastes as vosas
propias mascarillas. Como xurdiu e se levou a cabo esta iniciativa?
Durante
todo o tempo que estivemos cerrados ao público houbo, concretamente, un par de
semanas durante as que se paralizou a actividade 100% (co das horas
recuperables). Como Miguel e eu somos autónomos e podiamos ir ás instalacións igualmente,
ocorréusenos a idea, xunto con algúns amigos/as, de facer mascarillas, porque
era unha época na que non había moitas. Preguntamos en un par de grupos de
WhatsApp se había xente que soubera coser disposta a confeccionar mascarillas
para regalar e, tan só a nivel Sada, xa saíron máis de 30 persoas que se
ofreceron a coser nas súas casas.
Entón
compramos tecido nunha fábrica de Lugo, gomas e TNT para facer filtros. O que
faciamos era cortar os tecidos no plóter do taller e preparar lotes de tea,
gomas e filtros para facer 50 mascarillas. Falamos co Concello de Sada e, a
través de protección civil e dos municipais, axudáronnos a distribuír estes
lotes entre as persoas que ían a confeccionar as mascarillas. Cada costureira
tiña que confeccionalas e, de cada lote, podía quedarse con 5 para abastecerse
a si mesma e aos seus familiares e amigos/as. As 45 que viñan de volta levabámosllas
a unha chica que ten unha tenda de reparación de móbiles que as esterilizaba
con unha maquina de ozono, as selaba e nolas mandaba de volta listas. Unha vez
listas xa estabamos atentos as peticións que nos ían chegando.
A
verdade é que montamos unha rede de colaboración tremenda, ata fixemos unha páxina
web, Uno para todos, onde tamén recibiamos algunhas peticións. Entregamos
mascarillas a varias residencias de Sada, Meirás, Betanzos e Oleiros, aos servizos
sociais, á penitenciaría da Coruña... Chegamos a facer unhas 5.148 mascarillas.
Foi unha labor moi bonita e satisfactoria.
5.
Cres que se adoptaron as medidas necesarias
para frear esta situación?
Eu
creo que houbo moita desinformación. Se necesitas preguntar algo, non sabes a
onde chamar. Para preguntar o aforo que tes que ter nos barcos, chamas a
diferentes organismos e ninguén sabe dicir nada, e ao final, acabas chamando á
garda civil marítima. En canto a documentación dos barcos máis do mesmo, porque
os barcos teñen unha serie de permisos que caducan e cuxas datas de
finalización se ían prolongar, pero tampouco saben dicirche nada sobre o asunto.
No tema da información para saber que facer e como facelo para min fallaron
moito.
6.
Cres que o COVID-19 pode marcar un antes e un
despois no funcionamento sector?
Dende
logo, a nivel de traballo xa houbo moitos cambios. E logo en outros temas como,
por exemplo, aínda que intentas ir ata as instalacións, tamén ves máis factible
o teletraballo ou hai certas normas de hixiene e seguridade que, de facelas con
tanta frecuencia, seguramente nos queden interiorizadas.
7.
Como vedes o futuro próximo?
Incerto,
non podo dicir moito máis. É o que dicía antes, danos medo o que poida pasar
cando remate a tempada.
8.
Que cursos e actividades tedes activas agora?
A
escola de cruceiro, que simplemente é para aprender a navegar sen necesidade de
preparar un exame ou sacar unha titulación; tamén temos a escola homologada
para sacar as titulacións; temos os alugueres de barcos as catas náuticas... Ou
sexa, a actividade náutica xa a temos ao 100%, aínda que con aforos reducidos.
9.
Ademais de cursos, actividades, venta de
embarcacións e material náutico, tamén reparades embarcacións? Como funcionou
este proxecto?
O
taller é un dos nosos grandes fortes. É moi completo porque facemos traballos de
fibra, pintura, carpintería, fontanería, electricidade, electrónica, mecánica e
tamén o que che contaba antes da arboradura, que é moi específico e técnico e
non se fai en moitos sitios. Ao ter un taller tan completo élles moi cómodo
porque xa fan todo aquí. Por iso, temos moito cliente de local, pero tamén
moito que ven do norte de España, sobre todo do País Vasco, e tamén estranxeiros.
Tamén o porto de Sada ofrece moi boas condicións en servicios náuticos, ten
supermercados cerca, as distancias son pequenas e non se necesita coche, a ría
e moi tranquila...
O
cliente estranxeiro é moi interesante, porque che dá bastante traballo, prográmase
moi ben para deixar os barcos aquí e telos listos para cando volvan. Eles
marchan en setembro e déixannos unha lista con todos os traballos que queren no
seu barco, déixano para que os fagamos e logo avísannos en marzo ou así do día que
o queren listo. Con todo isto do COVID non puideron vir e notouse o cambio,
porque son traballos que, en circunstancias normais, xa estarían entregados e,
con este tema, fóronse retrasando. E logo que aínda hai moita incerteza, fai
pouco chamou un barco noruego por unha avaría, que viña de Canarias, e cando
chegou ao porto tivo bastantes complicacións: antes de atracar xa nos tiveron
que enviar toda a documentación, nós pasarlla á mariña e a mariña a capitanía,
tamén tivo que vir aduanas para comprobar quen estaba no barco e só lle permitiron
baixar a un. Son cousas que aínda están latentes, pero parece que para xullo se
vai relaxar todo un pouco.
10.
E xa para rematar, hai algo que vos gustaría
comentar en especial?
Simplemente
que se nota que a xente ten ganas, hai moitas peticións para alugar barcos, mercar
barcos de segunda man, algo que nos chamou moito a atención porque estaba
bastante parado e, de repente, despuntou. Igual os barcos novos non lles dá
tempo a telos preparados para verán e para alugar 15 días igual lles compensa
comprar. Nótase que hai demanda, así que esperamos que o verán sexa bo e
sacarlle o máximo partido. O que teña que vir máis adiante xa virá e xa nos
adaptaremos.
Comentarios
Publicar un comentario