O que non nos mata, fainos máis fortes
José Luis Correa
Kessler S.L. é unha empresa líder no sector pesqueiro, con máis de 50 anos de
historia e cuxa función principal é comercializar pescado fresco, elaborado e
marisco por todo o mundo. Como empresa afectada pola crise do COVID-19, quixo
aportar a súa visión a “Queda co noso mar”. Unha visión máis
global, por ser unha empresa que aposta forte pola expansión cara a mercados
internacionais.
Falamos con José Francisco Correa:
1.
Como vivistes en Correa Kessler a situación
provocada polo COVID-19? Como a vedes agora?
Tan pronto
se detectaron as primeiras alarmas e antes de que o Goberno decretara o estado
de alarma, o que fixemos foi reunirnos as partes administrativas, produción e
comercialización e as empresas externas de limpezas para organizar un protocolo
para o que xa sabiamos que ía ocorrer e evitar contaxios. Tendo por base a
seguridade de todos e todas e a seguridade alimentaria, íamos implementando
todo o que se nos ocorría nestas reunión, das que sacabamos uns catro folios de
decisións en canto a cambios de quendas; zonas estancas da nave para que, por
exemplo, o que fora á lonxa non puidera entrar nestas zonas; para que os/as que
estaban en administración que non se cruzaran cos de produción; establecemos
que unha quenda non podía entrar ata que a nave fora completamente baleirada e
desinfectada; habilitamos outro vestiario para que as quendas non se cruzaran
entre si, deste xeito, se alguén se contaxiaba, polo menos non estaría en
contacto con toda a plantilla; e se houbera un caso ou calquera sinal de alarma
ou alguén con algún familiar mal na casa, separaríamos a esa persoa de todas as
demais, incluso preferíamos que quedara na casa uns días, porque á semana ou dez
días facíanlle un test e, se daba negativo, xa volvía a traballar. Por sorte e
que saibamos, non tivemos ningún caso.
2.
Tivestes suficiente abastecemento de produto?
Igual
sobraba de algúns produtos e de outros tiñamos menos do que necesitaríamos,
porque determinadas frotas non foron ao mar ou botaron máis días paradas, sobre
todo os que ían á pesca de altura. Os armadores tiñan bastantes problemas para
recrutar as persoas necesaria para saír ao mar, porque a xente tiña medo. A
esta xente había que facerlle test, porque teñen que convivir cada día. Entón o
que se ve é que foron moi responsables, porque podían ser un foco importante de
contaxio.
3.
Atopástesvos con problemas para poder
comercializalo? E en canto á exportación?
Os produtos
como os pescados finos e os mariscos non se venderon igual e, para a
exportación, sobre todo a Italia, tivemos moitos problemas. A parte de que xa
nos estaban pedindo pouco, tamén era moi difícil atopar medios de transporte
para levar as mercadorías.
Na época
máis virulenta da pandemia estivo moi complicada a exportación, é unha parte
moi importante do noso negocio e viuse moi afectada. Por exemplo, a campaña da
cabala, que para nós é fundamental, cadrou xusto no medio e medio da pandemia e
pasamos de transportar tres tráileres de cabala diarios a un cada dous días,
porque non había nin demanda nin transporte. Con quen si que traballamos
practicamente sen diferencia foi con Portugal, que nos axudou a levar a
situación mellor.
Agora estase
recuperando a situación en canto á exportación.
4.
Notastes algún cambio nas tendencias de
consumo? Cales foron as especies máis demandadas?
Eu creo
que ao principio de todo a xente o que compraba eran auga e conservas, máis que
peixe fresco, sobre todo ao principio co medo. Quizás agora o único que se ve é
unha tendencia ao consumo de produtos máis baratos, aumentaron bastante os
pedidos dos supermercados de bacaladilla, xurelo, cabala e ese tipo de produtos.
5.
Incrementouse o consumo de peixe conxelado fronte ao peixe
fresco?
Nós máis que conxelados
facemos produtos elaborados, e neles o consumo foi semellante. Non houbo un
cambio destacable. O conxelado é fácil que aumentara, porque a xente non quería
saír todos os días, igual que o sector das conservas aumentou moito as súas
vendas.
6. Como
evolucionou a situación na lonxa?
Eu creo que o fixeron todo o
ben que o podían facer. Intentaron evitar na medida do os contaxios marcando
unhas pautas de seguridade en canto a evitar aglomeracións: menos compradores
dentro da lonxa, sistema de quendas... Non teño nada que dicir, tomaron as
medidas que estaban na súa man.
7.
Foi diferente a situación no porto da Coruña
respecto ao de Celeiro ou outros portos?
No porto
de Celeiro e no de Burela vimos unha caída espectacular do consumo, e polo
tanto dos prezos, de todo o pescado branco: pescada, rape, etc. Porque faltou hostalería,
que é fundamental para o consumo dos tamaños máis grandes dese tipo de peixes.
Chegou a valer máis o pescado pequeno que o grande. Por exemplo, unha juliana de
10 quilos chegou a valer 1 euros en lonxa 1, ou por debaixo, e un pescado de
2-3 quilos igual valía 4 euros, porque ninguén leva un rape de 12 quilos para a
súa casa.
8.
Tivestes que facer algún ERTE?
Non, aínda
que os volumes de traballo víronse algo reducidos porque hai produtos que se
venderon menos, nós intentamos aguantar con todo o persoal.
9.
Como foi a vosa situación en canto a EPI’s e
medidas de seguridade?
Baseámonos
en intentar conseguir a máxima seguridade e aportarlles aos traballadores todos
os EPIS necesarios. Neste sentido podería falar moito en contra da
administración central, sen embargo, non da xunta de Galicia, que nos axudou
moito. Porque nós nun principio podiamos ter conseguido test para todos os
nosos traballadores e non se nos permitiu, é máis, ao laboratorio
incautáronselles e díxonos que tiveramos coidado, porque nos podían sancionar
con ata 60.000 euros por cada test que se fixera sen estar facultado por un
médico. Isto pareceume unha vergonza, só
buscamos protexer aos nosos empregados e esa é a maneira máis fácil, sobre todo
para as persoas que van a embarcar e estar xuntas nun espazo reducido.
10.
Cres que se adoptaron as medidas necesarias
para frear esta situación?
Por
suposto que non. Nós tivemos moita sorte de que o goberno autonómico soubera
defender os nosos intereses e presionar para poder facer test nos barcos para
que puideran saír.
As medidas
de protección que tivemos conseguímolas pola nosa conta, por exemplo, coas pantallas
coñeciamos un sitio que as estaba comezando a fabricar e comprámolas para os
traballadores e traballadoras, porque as mascarillas eran insuficientes, na
nosa produción é moi difícil manter unha distancia de dous metros, non temos un
campo de fútbol para separar á xente e as maquinarias tanto.
Houbo
cousas moi incoherentes como non poder pasear pola praia e si pola calle, cando
hai menos espazo; non poder saír a pasear ás 12 da noite cando desa hora non
hai ninguén por aí; ou non poder abrir as tendas grandes, cando teñen máis
espazos que as pequenas. O que terás que facer e saír coas medidas necesarias. Estou
bastante indignado coa xestión.
11.
Que cres que se podería facer para mellorar a situación?
Eu penso
que a solución era facer test a todo o mundo, así os que tiveran terían que
confinarse e os que non tiveran poderían seguir facendo unha vida máis ou menos
“normal”, por suposto, tomando todas as precaucións para non contaxiarse. Deste
xeito poderías manter moito mellor a economía e a xente non tería que estar
encerrada. Pero o tema dos test foi moi desastroso, cando non estaban
defectuosos, non os podiamos usar.
12.
Cres que o COVID-19 pode marcar un antes e un
despois no funcionamento sector?
Eu creo
que mentres non se consiga unha vacina si, porque se está falando que para
outono ou inverno podemos empezar a ter brotes outra vez e as empresas non o
van a soportar.
Penso que
debía haber máis consultas a cada sector e a cada tipo de traballo para ver un
pouco que necesitan e que melloras se poden facer. Non se poden poñer regras
xerais porque non todos somos iguais. Un deportista e unha persoa que ten que
estar nun barco con moita xente nun espazo reducido son dous casos completamente
diferentes.
A ver en
que remata todo isto, porque xa se comezan a ver bastantes problemas de
liquidez nas empresas. Que o dano ás empresas non era fácil minimizalo, porque
había que asumir máis riscos. Pero eu creo que puido ser máis levadeiro.
13.
Que sacarías en positivo?
Non creo
que con todo isto lle fora ben a ninguén.
14.
Como ves o futuro do sector?
Eu o que
digo é que se non se negocia mellor en Bruselas para poder pescar máis, cando
os peixes de tempada están polas nosas augas, estamos fastidiados. Por exemplo,
sardiña hai un montón, só que saen os ecoloxistas dicindo que non. Haberá que
preguntar ao sector e ir coa xente dos barcos. Por que só podemos pescar 30.000
toneladas de cabala e outros países 300 ou 400.000? Están acabando co sector
con todo isto.
Ademais,
se permitiran máis capturas, xeraríase máis traballo e, polo tanto, máis
riqueza para o país e só poñen trabas. A ver cando falle a industria que
facemos.
15.
Cres que podemos falar dun sector pesqueiro
5.0?
Nós o tema
da dixitalización intentamos telo o máis ao día posible porque nos axuda a
axilizar os procesos. Non usamos venda online porque a nosa venda é orientada a
maioristas e eles mesmos teñen esa canle, entón non tería sentido competir
contra o noso propio cliente. Eu creo que de cara a empresas máis pequenas pode
ser unha boa maneira de subsistir. Polo menos eu oín que moito peixeiro/a e
minorista de abastos aguantou a situación grazas á venda online. Cada vez as redes
inflúen máis, está claro.
16.
Para rematar, agora que á xente de a pé ten a
oportunidade de escoitar a alguén do sector, que lles dirías?
Só que se
debería de fomentar máis o consumo de peixe fresco dende as institucións. Polo
demais, isto pasará e o que non nos mata, fainos máis fortes. Oxalá nuns anos
sexa unha anécdota.
Comentarios
Publicar un comentario