Para superar esta situación, o que nos queda é unha política de traballo, para demostrar todas as posibilidades que ofrece o noso mar


Hoxe entrevistamos na campaña “Queda co noso mar” a Ana Suero, copropietaria de Altavela, unha empresa con 20 anos de experiencias de facer do mar un lugar diferente para todos e todas. Titulacións, cursos e mantementos náuticos. Pero non só iso, achegar o mar e demostrar as posibilidades que nos ofrece para as experiencias e o lecer é un dos seus fortes.

Comezamos!

1.       Para poñernos en situación, podedes contarnos un pouco sobre as actividades que realizades?

Si, claro, ALTAVELA é unha empresa de servizos náuticos que naceu no ano 2000 e fundamentalmente o que facemos é formación e lecer náutico. Aínda que logo tamén traballamos outras ramas da náutica como poden ser mantemento, embarcacións e asesoramento á hora dunha compra ou unha venda dunha embarcación. E logo tamén temos algunhas actividades relacionadas co outdoor-training para traballos con empresas que facemos tamén na contorna náutica. Traballamos como escola de navegación tanto homologada como privada, con toda a gama de títulos náuticos que existen. Hai moitísimos exames durante todo o ano e as licenzas facémolas nós. Ademais, nesta época do ano que imos entrar é cando máis se traballa o lecer náutico, que sempre relacionamos con calas, sol, etc. É dicir, alugueres enteiros da embarcación para familias ou grupos, que xa veñen feitos e adoitan indicarlle o roteiro ao patrón.

2.       Como vos repercutiu a situación provocada polo COVID-19 nas diferentes liñas de traballo? Como estades agora?

Pois a ver, como coincidía coa matrícula de marzo, o que estamos a traballar moito nesta época do ano é a escola homologada e o que fixemos rapidamente foi converter as nosas clases de aula, en clases online. Evidentemente, isto supúxonos como a todos, uns esforzos extras, pero máis ou menos a preparación da parte teórica seguímola mantendo. A parte práctica tivémola que anular completamente. Por tanto, agora tamén temos que recuperar á xente que quedan prácticas pendentes, pois agora están a recuperar e obviamente non cancelaron as convocatorias. E, aí polo menos a Xunta sacou a primeira semana de xullo a convocatoria e agora vai toda esta xente que estaba para marzo e para maio. Loxicamente aos alumnos vailles afectar en estudo, pero estamos a tentar agora recuperar todo, dar clases presenciais que empezamos agora para poñerlles poñer un pouco ao día e sobre todo un repaso de moitas cousas que se deron e quedaron paralizadas.

3.       Como foi a vosa situación en canto a EPI’s e medidas de seguridade?

O certo é que no noso caso non nos afectou especialmente este punto. Nós empezamos cando se abriu un pouco a actividade coa liña de mantemento, como a primeira que abrimos e aí si, traballabamos dúas persoas da empresa con máscara e luvas. Pero realmente como non había contacto con clientes, non nos fixo falta moito máis.

 

4.       Cres que se adoptaron as medidas necesarias para frear esta situación?

Esta pregunta é complicada sempre pensando desde un punto de vista empresarial, non podemos saber cales fosen mellores. Pero claro, ao final é que a situación desborda a calquera. Non sei ata que punto pódese ou podería mellorar. Creo que non é algo que... tamén houbo axudas  que ao final, pois como os ICO, que non deixan de ter xuro. Despois saíron as do IGAPE que está subvencionado o xuro e non sei, creo que é un tema complicado, difícil de ver mellor ou peor, porque non deixa de ser un tema de saúde, sanitario que nos colleu como nos colleu. Eu creo que é un tema que sexa como sexa, desborda.

5.       Que cres que se podería facer para mellorar a situación?

Eu creo que agora o que nos queda ás empresas é unha política de traballo, non de axuda, porque ás veces fálase moito de política, de traballar e creo que o que se debe tentar facer política de axudar e que se ten que inculcar ás empresas, a todos en xeral, traballadores e empregados e empresarios, que o que temos que facer agora, é traballar entre todos. Para min, a clave está non tanto esperar axudas, que, se toda axuda é boa, pero creo que bo, creo que hai que insistir máis en política de traballo.  Os políticos mesmo falan de axudas, axudas, que o que eu creo que é moito máis fácil. Se cadra dáme unha axuda pois para que a unha empresa durante meses contrate a unha persoa e non che vai a custar a súa seguridade social. Eu creo que contrataría máis, loxicamente non se pode xeneralizar a longo tempo, así que pode haber aproveitamento por parte das empresas, pero ca realidade desta situación non hai máis. Por iso, por ese camiño que reciben todos axudas, e ás veces te expós se che compensa non facer nada e tirar de axudas que traballar. O que eu creo que é un erro e en política está a facerse iso.

6.       Tedes algún protocolo establecido ca volta á actividade?

Si que tivemos que facer un protocolo Covid para presentar na Mariña, tamén necesario internamente para marcar as actuacións, como calquera empresa. Temos un protocolo tanto de hixiene na oficina ou na tenda como a bordo, que o temos colgado na nosa páxina web e a calquera persoa que vaia a vir dar un curso ou a unha experiencia de lecer enviámosllo por correo electrónico ou por WhatsApp para ver como é. En canto nas actividades embarcados, non deixa de ser un espazo aberto co que hai unha ventilación regular. De maneira estrita, cada vez que hai unha saída límpanse estancias e pezas que fosen usadas tanto nos barcos como na tenda. Os patróns usan máscaras tanto a bordo como na tenda e hai xel hidroalcohólico para quen o necesite e máscaras, aínda que a maioría da xente xa os adoitan traer. Temos tamén no barco desinfectantes homologados e rolos de papel de cociña para que non utilicen as toallas. a nivel alimentación nas saídas, cada persoa tráese a súa propia botella de auga e comida, igual que crema de sol, etcétera.

En canto a formación e cursos, inicialmente estamos a dar a parte teórica a bordo, evitando as zonas comúns interiores, camarotes, etcétera. Como o tempo está a permitilo, estamos a dalo na cuberta da embarcación. Por tanto, non hai moito problema en gardar esas distancias. Xa digo, usamos máscara, que é a medida fundamental. Logo en ténda aforo máximo 2 clientes e na entrada temos tamén información onde pon o distanciamento e lembra lavarse as mans. E o uso de tarxeta de crédito preferentemente, como en calquera comercio.

7.       Durante esta nova etapa, como está a ser a actividade da empresa e que comentarios xorden dos clientes?

Estamos bastante contentos da reacción dos clientes. Hai bastante apoio, por exemplo, na tenda din que van apoiar ao pequeno comercio. Onte aínda o comentaban un par de persoas que viñeron por alí. E a nivel barcos, coa actividade náutica que é a nosa, o mesmo. Todos os que temos nos cursos online están a se apuntar ás prácticas comportándose de maneira excelente, con máscaras e con ganas de aprender e de volver á vida normal e ao apoio do comercio. Eu si que noto que non se que será en outubro, novembro ou decembro, o que é o inverno, pero nesta época do ano non nos vai a faltar traballo.

8.       Cres que o COVID-19 vai marcar un antes e un despois no funcionamento sector?

Si, home, sempre vai marcar o comportamento das persoas, está claro que vai cambiar. A vantaxe do noso sector é que é un sector ao aire libre. Entón, ten o punto positivo de que ao non estar nun espazo pechados salvo cando facemos a formación na aula o tema dos contaxios é máis complicado. E logo tamén está a parte lúdica, aínda que nós o que vendemos son experiencias, e o que vén facer un curso ou unha saída de lecer é porque quere, non é obrigatorio e sempre algo positivo. Entón eu creo que o  COVID o que nos mostra é que hai que vivir a vida como igual que se se che morre unha persoa querida. Si, porque hoxe estás aquí, e mañá estás alí. Entón, eu creo que a parte do lecer, de feito, vai cobrando peso para as persoas. Xa se ve no mercado desde hai uns anos. Xa non buscamos cousas materiais e buscamos máis experiencias. O outro día unha nai regalou á súa filla unha experiencia a bordo polo se cumpreanos no canto de comprarlle un agasallo. Foi unha tarde coas súas amigas no barco porque esa nena seguramente xa tiña todo o material, polo que o noso sector sae beneficiado.

9.       Como vedes o futuro próximo?

Nesta época do ano non nos vai a faltar traballo. Quero ser positiva para o inverno, pero bo, polo que din vai haber un rebrote. Polo que prefiro pensar a curto prazo e tirar adiante como dicía, que é traballando e facendo o que podamos. Pero imos, que estamos contentos porque non nos falta traballo. Nós non paramos a actividade tampouco, seguimos coa formación. Non nos pareceu ético parar a actividade por todos os alumnos que estaban en formación e podían seguir facéndoo de maneira online, aínda que bo, loxicamente os nosos ingresos caeron moitísimo porque a parte práctica perdémola. Pero bo, vemos que agora o imos a recuperar, que o verán en principio exponse positivo no negocio.

10.   Que cursos e actividades tedes en funcionamento agora?

Están todas en funcionamento agora, algunhas con máis forza que outras, pero estamos xa ao 100%. Fixemos a matrícula agora para a convocatoria de xullo. Entón, agora o que lle falta á Consellería do Mar é organizar un pouco os exames que entendo que os farán por quendas e pouco máis. É que agora mesmo está moi informatizado todo o tema das prácticas. Nós cargamos nunha plataforma dixital da Xunta onde aparecen reflectidas as prácticas de cada alumno. Se temos unha saída de navegación, poñemos o nome, apelidos e DNI do alumno e a esta persoa xa quedan reflectidas. Co cal isto está a funcionar igual que sempre.

11.   E de cara as titulacións oficiais, como está a ser a xestión? Estanse a tramitar normalmente?

Si, non hai ningún problema para esta convocatoria de xullo. Vai haber bastantes alumnos, nós temos bastantes e o resto das escolas coméntannos que tamén. Vai haber bastante afección, por dicilo dalgunha maneira. E agora o que queda por ver son os exames presenciais, pero o resto está a funcionar ben. A nivel trámite, cando a persoa termina a titulación, estivo durante este período parado, pero xa está a funcionar de novo, temos xa moitos alumnos que nos din que xa lles están chegando títulos. Agora mesmo está a funcionar con bastante axilidade.

12.   Ademais de cursos e titulacións, tedes unha liña de aluguer de embarcacións e lecer marítimo. Como está a ser a demanda de cara este verán?

Pois a verdade que como che fun contando anteriormente. Estamos moi sorprendidos e contentos coa acollida que estamos a ter. Xa comezamos a realizar saídas e temos moito contacto para preguntar información. O certo é que aos poucos o cambio de tendencia de mercado afectounos para ben. Como comentaba antes, a xente está a regalar máis experiencias que cousas materiais, e aí nós saímos beneficiados. Esperamos que este verán sexa un bo verán, todo apunta a que así vai ser.

13.   Tedes algún proxecto ou novidade do que nos poidades falar para este verán?

Si, a ver, dende hai 15 anos, á parte das nosas navegacións na ría por pártea norte de Galicia facemos unha semana náutica no Mediterráneo para ofrecer ás persoas que saian connosco outras experiencias de navegación diferentes, porque ao final a unha persoa que navega gústalle coñecer outros lugares. Así que o ofrecemos a parte de como formación e lecer; tamén como turismo náutico. Levamos moitos anos facéndoo tamén co fin de aprender como están a funcionar no Mediterráneo para poder trasladar a Galicia. Está a custarnos porque ao final o clima é o que é aquí, pero eu creo que cada vez o turismo náutico en Galicia é máis demandado e nós apostamos por iso. Hai anos que nos certificamos na Q de Calidad Turística e sempre temos promoción de roteiros aquí en Galicia. Este ano, como non puidemos facelo no Mediterráneo (que tiñamos pensado facelo en Corfú), pois expuxemos na nosa páxina web unha semana náutica en Rías Baixas. Imos baixar un ou dous barcos dependendo da demanda e faremos unha ou dúas semanas por Rías Baixas. Unha a última semana de agosto e a primeira de setembro. Agora hai que encher o grupo, pero home, a verdade que temos bastante xente que falou connosco e que esperemos vai apuntarse. Ademais, é xente de fóra, o cal é moi bo porque é xente de Madrid e Barcelona, así que veremos que tal, se ao final podemos encher os dous barcos que sería o ideal.

14.   E xa para rematar, hai algo que vos gustaría comentar en especial?

Pois nós nacemos co obxectivo de romper co mito da náutica só para uns poucos, porque o que nos gusta dicir é que é para todos, non só para uns poucos, o noso lema é: “A bordo de un sueño”. E é porque cremos que estamos nun proxecto entre todos e todas os que traballamos no mar, de que crea e vexa todo o mundo iso, o mar como un medio de lecer e non só de traballo como era ata o de agora. Ás veces te plantexas porque a xente vai esquiar se o temos moi lonxe e con todo non gozan o mar, que está aquí á beira, non? E si que nos gusta ir da man coa Administración e que nos axude a romper o mito de que a náutica é cara; porque hoxe en día a opción do aluguer das embarcacións permítenos navegar sen ter que comprar un barco. Non? Eu sempre digo que ti queres montar a cabalo e de primeiras non te plantexas comprarche un, non? Vas a un sitio e montas a cabalo. Pois a náutica ten que ser un pouco o mesmo. E o certo é que aos poucos o vemos, vemos á xente que saca os títulos moitas veces, non porque vaia a comprarse un barco, senón porque lle apetece aprender o mundo. E este debe de ser o camiño para seguir.


Comentarios

Entradas populares de este blog

Enmalle Studio

En marcha los nuevos proyectos para la convocatoria 2025

Éxito rotundo na convocatoria de axudas 2024