“Había xente que estaba na lonxa dende a 1 da mañá con frío e choiva. Pasabamos a vida no peirao, porque como ninguén quería marchar sen peixe, cada vez madrugabamos máis.”



A “Queda co noso mar” chega esta semana María Mercedes Lebedynski, praceira no Mercado de Conchiñas e secretaria da Asociación de Minoristas da Coruña, cóntanos como viviu a situación do crise provocada polo COVID-19 este colectivo, que fai xa uns anos que fixo piña para facerse ver e oír.

1.       Cal é a labor da Asociación de Minoristas de A Coruña?
A Asociación de Minoristas da Coruña nace fai 10 anos, aproximadamente (ou incluso máis), pola necesidade dos minoristas de ter voz e representación. Realmente, non estabamos representados na lonxa nin no porto da Coruña por ningún lado, entón decidimos facer un pouco de unión para que nos tiveran algo en conta. Apoiámonos entre nós e botámonos unha man os uns aos outros ante calquera dúbida ou problema que poida surxir.
2.       Como vivistes a situación provocada polo COVID-19? E como a viviron os colectivos aos que representades?
Ao principio foi un caos. Tiñamos que coller vez na lonxa antes de que abrira e poñernos á cola. Cando chegaba a hora de entrar (sobre as 4:45 a.m.), abrían a porta e entrabamos de 20 en 20 e tiñamos 15 minutos para recorrer todo e comprar, non daba tempo a nada. Ademais, tiñas que ir moi cedo para coller sitio na cola e entrar o antes posible, porque canto máis atrás estabas na fila menos peixe tiñas para ver e comprar, entón había xente que estaba na lonxa dende a 1 da mañá con frío e choiva. Pasabamos a vida no peirao, porque como ninguén quería marchar sen peixe, cada vez madrugabamos máis.
Para axilizar as cousas, pensaron en deixar que as casas directoras das poxas foran informando do que lles ía entrando a través dun grupo de WhatsApp, entón saías do mercado e tiñas que estar pendente do móbil todo o tempo para saber o que ían ter e comprar. Como non se podía facer poxa, marcábannos un prezo, pero incluso algunha casa en lugar de marcar o prezo, entre os compradores ían puxando e, ao final, o que máis pagaba era quen levaba o produto.  Ademais, como era todo sen ver, ata que chegabas alí ao día seguinte non sabías realmente se tiñas todo o que pediras e a calidade que esperabas, porque as propias casas non saben o que teñen nin o ven ata que lles chega o barco. Teño que dicir que a min non me fixeron ningunha gamberrada, pero houbo xente que si que chegou e a calidade non era a esperada para ese peixe, coas que eu traballei a verdade é que foron moi formais.
Os vendedores que van por ruta tamén o pasaron moi mal,  tiñan que madrugar igual ca nós e despois tiñan unha ruta que cumprir. Volvían as 4 ou 5 da tarde con moitísimo sono.
Cando remitiu algo o COVID, xa se volveu á poxa normal, con aforo reducido e normas de seguridade e hixiene que cumprir. Dende que comezou a poxa foi moito máis levadeiro, porque da outra maneira era inhumano, pasabamos moitas horas sen durmir e viviamos só para estar no peirao e na peixería. Xa diciamos que a nós non nos ía matar o coronavirus, senón a falta de descanso.
3.       Atopáronse con problemas para poder comercializar o produto? E con problemas de prezos?
Eu non me queixo. Loxicamente, co confinamento, a cantidade de público non foi a mesma. Moitos clientes e clientas que viñan todos os días ao mercado pasaron a vir un ou dous días por semana, pero ao final compraban igual, só que facían unha compra grande e levaban para bastantes días. Tamén é certo que durante a primeira quincena no noso mercado faltaron peixerías, eramos a metade, e iso nótase, e tamén durante esas semanas foi unha loucura, porque a xente viña co medo de que se acabara o abastecemento.
Un dos puntos clave para manterse foi o servizo a domicilio, porque no mercado compra maioritariamente xente maior e tiñan medo a vir e, como non queríamos que quedaran sen o produto, levabámosllo á casa. Tamén se comezou a ver máis á xente nova no mercado, sobre todo fillas/os e netas/os da clientela habitual. E, por outro lado, a xente que continuou vindo ao mercado a verdade é que se portou moi ben, respectaron as distancias e as colas e viñan da casa con mascarilla e guantes. Tiveron a paciencia suficiente para esperar, en xeral.
En canto a prezos, si que o pasamos moi mal ao principio. Por un lado, a prensa subiu varios titulares dicindo que os prezos eran moi baixos e iso é mentira; e por outro lado, os armadores dicían que non estaban contentos e que ían parar. Eu teño todas as facturas gardadas e pódollo demostrar a calquera periodista. Particularmente, traballo merluza de pincho e de costa e, durante o primeiro mes, a merluza de pincho de 1 quilo e cuarto ou de 1 quilo e medio non baixou de 8€ na lonxa. Non se pode permitir que digan na prensa que chegou a estar en 1€ o quilo, porque a ese prezo o que chega é peixe que non quere ninguén e vai para fariñas. Tamén saíra un artigo do boquerón a 50 céntimos/quilo, pero non din que era moi pequeno e non se podía traer para un mostrador, traíase un que se estaba pagando a 4€/quilo. Como non había poxa, os prezos eran os que che daban, ou os tomabas ou os deixabas. Eu non podo defender un abadexo de 1 quilo a 15€, pero iso non o dixeron. Isto fíxonos moito dano ao principio, porque as/os clientes pensaban que lles estabamos roubando. Algunha xente estaría contenta se non se volvera á poxa, pero claro, para nós, eses prezos non eran lóxicos.
Si é certo que os produtos que compraban os restaurantes si que baixaron, son pezas que tiñan que baixar par a poder compralas nós, pero aínda que nós as compraramos para moita xente seguían sen ser asumibles. E algúns mariscos directamente deixáronos de traer.
4.       Que información vos chega pola súa parte? Que demandan en maior medida?
Nun principio, como as colas que faciamos para poder entrar a lonxa non eran a cuberto, falamos coa lonxa e dixémoslle que era inhumano estar alí fóra tres horas, chovendo e con un frío de 2º ou 3º para poder entrar solo 15 minutos, que non eran suficientes. E tamén que a lonxa non era tan pequena como para entrar de 20 en 20, estamos a falar de que unha das salas son 3000 m2 de superficie, non era normal entrar tan poucas persoas, porque nos supermercados estaba entrando máis xente e algúns non son máis grandes. Entón foise esixindo e, pouco a pouco, foise mellorando; pero as tres primeiras semanas foron moi duras.
As tres primeiras semanas foron moi duras, pero foise esixindo e, pouco a pouco, foise mellorando. Sobre todo, temos moito que agradecer a Amando López, presidente da Asociación de Minoristas da Coruña, grazas a súa insistencia e preocupación polos seus asociados e asociadas para que todos e todas estiveramos ben nestes días tan complicados, fomos mellorando na lonxa en canto a evitar as esperas na intemperie e outras complicacións. Non parou ata conseguilo e, tanto asociados como non asociados, saímos beneficiados. É de agradecer por parte de todo o colectivo de praceiros e praceiras... Son estas cousas as que nos fan ver que a Asociación de Minoristas sirve para algo e que nos teñen máis en conta á hora de ter que pedir axuda á Lonxa da Coruña.
5.       Coñecedes algún caso de ERTE entre os asociados e asociadas?
Houbo poucos casos, pero algún ERTE houbo, porque había peixerías que tiñan empregados. Ao principio, como se pensaba que só ían ser un par de semanas, houbo moita xente que cerrou, pero e que logo, vendo que ía para largo, tiveron que retomar a actividade.
Dende que puxeron de novo a poxa normal, eu penso que estamos todos operativos.
6.       Hai certo medo entre as persoas que traballan no sector?
Si, porque cada un sabe o que ten na súa casa, igual tes familiares de alto risco, por exemplo, eu teño a meu pai. Intentas tomar as máximas precaucións posibles, pero ao final tes que seguir traballando. Unha cousa é cerrar dúas semanas e outra dous ou tres meses, non nos podemos permitir o luxo de pechar tanto tempo. Entón vas, pero vas con medo e con precaución claro.
7.       Hai algunha acción que se levara a cabo ou que se vaia a levar a cabo dende a asociación para a axudalos nestes momentos?
Nós temos moitas ideas, pero tampouco somos tantos/as na asociación e non damos para todo. Iniciativas activas temos, con pequenas subvencións que nos dan, a través de publicidade facemos campañas como a de Hoxe comemos peixe” para incentivar o consumo de pescado a través de spots, bolsas, chalecos, flyers con receitas e consellos, etc.
8.       Cres que se adoptaron as medidas necesarias para frear esta situación? E actualmente?
Eu creo que foron escasas. A nós a nivel concello déronnos unha mampara, unhas mascarillas de usar e tirar e unha cinta para manter a distancia entre a clientela e o mostrador, cinta coa que tivemos que buscarnos a vida, porque co peixe hai moita auga e non a podíamos pegar no chan, tivemos que argallar outro sistema para poñelas e que a xente non se puidera achegar tanto ao mostrador.
A nivel peirao tivemos que surtirnos nós de mascarillas e guantes. Cando empezou a  habelas déronnos unha por cabeza, tamén das de usar e tirar, durante dous días. Cada un buscouse a vida.
9.       Que cres que se podería facer diferente ou mellor para mellorar a súa situación?
Eu penso que, dende que comezou isto, xa se puideron ter tomado medidas antes e non esperar a marzo, cando xa tiñamos á metade dos madrileños aquí, que para min o primeiro erro xa foi non cerrar Madrid antes, pero é a miña opinión, tampouco me quero meter en temas políticos.
En canto a comercios, penso que había actividades que tamén son básicas e que non puideron abrir, nin lle deron facilidades de ningún tipo, igual que aos autónomos. Creo que con unhas medidas controladas podíaselle permitir abrir a máis xente dende o principio, porque moitos negocios pequenos non o van resistir e van pechar, cando ás empresas grandes lles permitiron os ERTES. Agora que vai pasar? De ERTE pasamos a ERE? Porque eu creo que moitas empresas aproveitaranse da ocasión.
Todo isto dígoo pero tamén penso que a situación podíaselle facer grande a calquera, sexa da cor que sexa.
10.   Como cres que evolucionará a situación nun futuro próximo?
Eu dixen dende o principio que ía traballar, porque a xente estando na casa ten tempo para consumir e a alimentación é básica. O problema véxoo a partir de agora, porque moita xente vai quedar na casa e os bancos ao único que axudan é a empeñarse máis. Cantas familias haberá, agora mesmo, que estean os dous en ERTE e con nenos/as. Como van a pagar unha hipoteca e os gastos básicos? Eu o problema véxoo agora, entón había que aproveitar cando se podía vender. De momento vaise tirando, pero desde que hai máis liberdade de horario a xente xa volve a comprar onde pode.
Tamén penso que a xente debería ser mais consciente, porque estivemos dous meses coidándonos na casa e agora abren as terrazas e imos todos/as en avalancha.
11.   Cres que o COVID-19 pode marcar un antes e un despois?
Nun momento dado poderíase pensar que ía haber un antes e un despois en canto á consciencia e responsabilidade da xente, pero está máis que demostrado que non. Tampouco imos meter a todo o mundo no mesmo saco, pero viuse moita inconsciencia estas últimas semanas. Eu penso que toda a precaución que se tomou, a nivel goberno, xa non merecería a pena se desta vez non funciona, porque e unha volta atrás si que non vai haber empresario ou comercio pequeno que a resista.
12.   Para rematar, agora que á xente de a pé ten a oportunidade de escoitar a alguén do sector, que lles dirías?
Por un lado a xente debe ser consciente, isto non pasa en dous días, temos que seguir sendo precavidos. Por outro lado recordarlles que os mercados de abastos e os pequenos comercios do barrio sempre estiveron aí. Se agora, por estar encerrados e non poder movernos moito, nos adaptamos a vir ao mercado, pedímoslles que sigan vindo. O mercado sempre se soubo adaptar a clientela, por exemplo, se sabemos que unha persoa o está a pasar mal dicímoslle que xa nos pagará en outro momento, porque hai confianza e proximidade e imos tirando xuntos/as e iso non cho fai un supermercado. Durante este confinamento, moitas veces que nos pediron algo a domicilio, de paso que lles levábamos o peixe pois tamén lles levábamos froitas e verduras, para que xa non tiveran que saír a nada. Que valoren isto e se sigan acordando de nós, non só cando o grande falla.


Comentarios

  1. Buenas soy Amando...compañero de Maria.mi mas sincera enhorabuena por tan acertados comentarios.es un honor y un placer para mí compartir cargo con ella como secretaria en nuestra querida Asociación de Minoristas.

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Entradas populares de este blog

Enmalle Studio

En marcha los nuevos proyectos para la convocatoria 2025

Éxito rotundo na convocatoria de axudas 2024