O GALP Golfo Ártabro Sur promove o II Curso de velería para embarcacións tradicionais
O obxectivo da formación é fomentar os oficios tradicionais mariñeiros, entre os que se atopan os amaños das velas
O GALP Golfo Ártabro Sur continuamos
apoiando a recuperación da cultura mariñeira. O peirao de Oza (A Coruña) acolleu
o pasado sábado 23 de marzo a primeira das catro xornadas do II Curso de velería para
embarcacións tradicionais promovido mais financiado pola entidade e impartido
pola Asociación Os Patexeiros. A formación está dirixida por profesionais
especializados nas instalacións da empresa Finishterra Sails. As próximas
sesións terán lugar, igualmente, todos os sábados pola mañá (9.45 a 14.00h) o
30 de abril e o 7 e 14 de maio.
Ao longo das 16 horas de formación, os 14 alumnos aprenderán o oficio de confección e restauración de velas, principalmente dos barcos tradicionais como os do patexo do Golfo Ártabro Sur. De feito, esta actividade promovida polo noso Grupo atópase na nosa Axenda 2022 para conmemorar o Ano Internacional da Pesca e da Acuicultura Artesanais (AIPAA).
O fin deste curso é fomentar os oficios tradicionais mariñeiros, entre os que se atopan os amaños das velas, con aprendizaxes prácticas que propician a conservación do patrimonio cultural marítimo e material, como poden ser as embarcacións a vela e as da pesca tradicional. Con este tipo de accións conseguimos preservar a idiosincrasia do noso territorio e impulsar a formación especializada para manter viva a navegación en embarcacións de vela tradicional.
O temario do II Curso de velería para embarcacións tradicionais daralle a coñecer ao alumnado todos os materiais que se precisan para este traballo. Despois, ensinaráselles a manexar a máquina de coser, pasando ás técnicas de cosido e tamén de reparación. Xa avanzada a formación, farán unha vela cangrexa e a súa funda.
Comentarios
Publicar un comentario