Xornada final do proxecto de cooperación Bitácoras do mar


O xoves 14 de xullo, asistimos á xornada final do noso proxecto de cooperación Bitácoras do mar durante a que contamos coa asistencia da conselleira do Mar, Rosa Quintana e da directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez. O evento tivo lugar no Mosteiro de Santa Catalina de Montefaro, en Ares (A Coruña). 

Bitácoras do mar estivo coordinado polo GALP Golfo Ártabro Norte e participamos o GALP Costa Sostible, Ría de Arousa, Ría de Pontevedra e Golfo Ártabro Sur.  Este proxecto naceu co fin de poñer en valor o labor feito polos grupos ao abeiro do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, mediante unha serie de proxectos ligados ao crecemento azul, ao desenvolvemento sostible e ao reforzo da cohesión social das zonas costeiras. 

Neste sentido, tal e como recordou a conselleira, as iniciativas de cooperación coma esta contribúen a reforzar a competitividade da cadea de valor do sector pesqueiro e o traballo conxunto e en rede dos axentes locais das zonas do litoral.

 

Fases
O proxecto Bitácoras do mar contou cunha fase inicial de traballo interno coas xerencias dos GALP e seleccionáronse seis iniciativas por cada un dos territorios designadas como exemplo de boas prácticas. No noso caso foron estas, das que se pode ampliar información neste folleto (ver aquí):

Formación na confección de aparellos e redes de pesca | Promovido polo Concello de Sada.

Fabriquín de xeo na lonxa | Promovido pola Confraría de Sada.

Diversas medidas de aforro e eficiencia enerxética na Lonxa da Coruña | Promovido pola Lonxa da Coruña.

Empresa Recuperamos para valorización de plásticos do sector pesca | Promotor privado.

Son do Mar | Proxecto de divulgación do GALP Golfo Ártabro Sur para recuperación e difusión daa tradición mariñeira do noso territorio.

 Pasaporte REMA | Proxecto de cooperación dos oito GALP galegos para creación dunha Rede de Espazos Museísticos Atlánticos (Rema) a través da que divulgar o patrimonio inmaterial da cultura mariñeira atlántica.


Despois contouse coa participación do sector pesqueiro e da cidadanía, que seleccionaron un proxecto por territorio cun concurso en liña cumprimentando un cuestionario. A partir das boas prácticas seleccionadas, elaboráronse materiais de divulgación para dar difusión a estas iniciativas no resto de territorios promotores e fomentar o traballo en rede dos axentes das diferentes zonas. 

Unha das actividades centrais do proxecto foron os Parladoiros, espazos de encontro e participación que favoreceron a interacción directa entre os diferentes axentes e a reflexión sobre os retos de futuro de cara ao Fondo Europeo Marítimo de Pesca e de Acuicultura 2021-2027. Realizouse un parladoiro en cada GALP promotor, abordando unha temática concreta previamente acordada con cada grupo e para o que se convidou a diferentes axentes públicos e institucións. 


Documental
Outra das accións realizadas foi un documental no que se deron a coñecer catro iniciativas tractoras no  sector mar-pesca, subvencionadas polo GALP Golfo Ártabro Sur en Sada, A Coruña  e Arteixo. Podedes ver o vídeo nesta ligazón: https://bit.ly/BitacorasdoMar-galpgolfoartabrosur

Comentarios

Entradas populares de este blog

Enmalle Studio

En marcha los nuevos proyectos para la convocatoria 2025

Éxito rotundo na convocatoria de axudas 2024