O GALP deu a coñecer na xornada Talento Azul a iniciativa coa que reemprega as cunchas de mexillón para crear mobiliario

  • O proxecto posto en marcha por Construcciones M.A. Ramos S.L. co apoio do GALP permite empregar as cunchas dos mexillóns para crear formigón, que se emprega para a realización de mobiliario cun elevado valor engadido.
  • A xornada, organizada polo GALP Ría de Arousa, tivo o obxectivo de dar a coñecer iniciativas de éxito que inspiren novos proxectos e que sirva á súa vez para captar investimentos europeos.

O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Golfo Ártabro Sur asistiu á xornada Talento Azul en Cambados, organizada polo GALP Ría de Arousa, onde deu a coñecer o seu proxecto de creación de mobiliario con cáscaras de mexillón levado a cabo pola empresa Construcciones M.A. Ramos S.L.

O xerente do GALP Golfo Ártabro Sur, Federico López Viñas, asistiu ao evento, que tivo como obxectivo crear un foro de debate entre diferentes representantes dos GALP galegos para dar a coñecer proxectos de éxito que inspiren novas iniciativas arredor do denominado crecemento azul e que, á súa vez, sirvan para achegar investimentos europeos ao territorio.

O encontro contou con tres mesas de debate –valor engadido; diversificación colaboración e gobernanza; social, patrimonio e medioambiente encontro-.  O xerente do GALP, Federico López, deu a coñecer na mesa de “social, patrimonio e medioambiente” a iniciativa do GALP que permitiu crear formigón a través de cáscara de mexillón reciclada e que levou a cabo a empresa Construcciones M. A. Ramos S.L, afincada en Cambre. Un exemplo moi claro de economía circular, que permite dar solución a un problema de xestión de residuos como o da cunha de mexillón, transformándoo en formigón e empregándose para producir material para mobiliario cun alto valor engadido.

“Esta iniciativa levada a cabo por Construcciones Ramos, a través do noso apoio, é un enorme orgullo para nós. É un esforzo por seguir dando alternativas á hora de reempregar os recursos do mar, neste caso as cunchas dos mexillóns”, indicou Federico López na súa intervención. “A posibilidade de realizar proxectos coma este ábrenos a unha ampla diversidade de accións medioambientais”.

Despois de que os proxectos foran presentados en cada unha das mesas, abriuse un espazo de debate para crear posibles sinerxías e colaboracións. Tamén serviu para que as persoas asistentes puideran realizar preguntas nas que inspirar os seus futuros proxectos.

O protocolo sanitario imposto ante a pandemia obrigou a limitar o aforo do encontro a un máximo de 60 persoas, polo que o GALP Ría de Arousa habilitou un streaming para facilitar o seguimento da xornada vía online a través das súas canles de Facebook e Youtube. 

Comentarios

Entradas populares de este blog

Enmalle Studio

En marcha los nuevos proyectos para la convocatoria 2025

Éxito rotundo na convocatoria de axudas 2024