Persoas con diversidade funcional coñecerán as características das diferentes especies mariñas grazas a un proxecto do GALP
· “Un mar de ilusións: coñecendo os fondos mariños” permitirá crear un vídeo en formato de debuxos animados para explicar as características das diferentes tipoloxías de seres vivos e como distinguilas no mercado e noutros ámbitos.
Co proxecto "Un
mar de ilusións: coñecendo os fondos mariños", o Grupo de Acción Local do
Sector Pesqueiro (GALP) Golfo Ártabro Sur busca achegar ás persoas con
diversidade funcional ao mundo do mar.
Ao non poder
realizarse a actividade de forma presencial por mor da crise sanitaria, farase a
través dun divertido e didáctico vídeo de debuxos animados, no que se
explicarán as diferentes tipoloxías de seres vivos que habitan nas augas do
territorio do GALP: peixe branco, peixe azul, cefalópodos, bivalvos,
crustáceos, etc.
O documental contará
cunha duración de case 10 minutos en forma de debuxos animados. Nel as especies
mariñas interactuarán co capitán Sargo, un auténtico “lobo de mar”, que cos
seus diálogos comentará as diferentes especies mariñas, explicando as súas
características e amosando como poder diferencialas nos mercados ou en calquera
outro ámbito.
A creadora de case a
totalidade das ilustracións é a recoñecida Irene Sanjuan, que consegue captar a
esencia e características máis relevantes de cada especie. Á súa vez, o contido
contou coa revisión de tres entidades vencelladas ao sector: Aspanaes, Autismo
Galicia e Asociación Profesional de Logopedas de Galicia.
“É unha auténtica
gozada poder contar coa colaboración destes entes para poder levar a cabo un
proxecto tan fermoso como este”, destaca o presidente do GALP, Alberto Castro. “Queremos
achegar o mundo do mar a todas as persoas, conseguindo a integración e
inclusión necesarias no sector. Ademais, tamén servirá para que os máis
pequenos poidan coñecer un pouco máis do mar e interesarse por el, xa que o
contido tamén pode ser empregado para a rapazada de infantil e primaria”
incide.
Unha vez que o
documental estea finalizado, o GALP achegará o vídeo a todas as asociacións de
diversidade funcional do seu territorio que estean interesadas neste material,
ademais de todos os colexios de educación infantil e primaria.
Comentarios
Publicar un comentario