As axudas do GALP para proxectos vencellados ao mundo do mar poderán solicitarse ata o 1 de marzo

 


·         A liña de subvencións está aberta a iniciativas pesqueiras, turísticas, culturais e de cooperación.

O prazo para solicitar as axudas a proxectos vencellados ao mundo do mar do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Golfo Ártabro Sur segue aberto. O período para solicitalas rematará o 1 de marzo de 2021 e a elas pódense presentar iniciativas relacionadas coa pesca, turismo, cultura e cooperación.

As entidades que queiran iniciar unha actuación en relación ao mundo do mar nun dos eixos sinalados poderá solicitar estas subvencións, que axudarán a financiar o 50% no caso dos proxectos produtivos e puidendo chegar ao 100% do investimento dos non produtivos. O GALP tamén exercerá funcións de asesoramento e acompañamento ao longo de todo o proceso.

“As axudas pretenden impulsar o desenvolvemento social e económico da zona costeira que nos ocupa”, explica o presidente do GALP, Alberto Castro. “Con elas pretendemos dar impulso a actividades innovadoras, que valoricen o mar e o aproveitamento sostible dos seus recursos”, indica.

Confrarías de pescadores e as súas federacións, asociacións profesionais do sector pesqueiro, entidades sen ánimo de lucro integradas só por confrarías e/ou asociacións do sector pesqueiro ou entidades públicas locais son algúns dos organismos que poderán solicitar estas axudas. O proxectos que se presenten deben fomentar as actividades náuticas, promocionar os produtos pesqueiros do territorio, apoiar o ambiente mariño e costeiro ou promover o patrimonio cultural marítimo pesqueiro, entre outros.

As persoas ou entidades que soliciten as subvencións deberán estar situados nun dos 7 concellos que conforman o territorio do GALP (A Coruña, Arteixo, Bergondo, Cambre, Culleredo, Oleiros e Sada), ser viables técnica e economicamente e axustarse á normativa sectorial que resulte da aplicación para cada tipo de proxecto.

Poderase solicitar toda a información na sede do GALP, nos seguintes números de teléfono 881 896 417 /617 867 820 e na súa páxina galpgolfoartabrosur.blogspot.com

Comentarios

Entradas populares de este blog

Enmalle Studio

En marcha los nuevos proyectos para la convocatoria 2025

Éxito rotundo na convocatoria de axudas 2024