O GALP reúnese con entidades sociais do territorio para dinamizar proxectos de inclusión laboral no sector pesqueiro

 


  • O evento enmárcase dentro do proxecto de cooperación “Tanza”, que busca establecer novas sinerxías para mellorar a empregabilidade e integración social, facendo fincapé nas persoas con diversidade funcional

  • No encontro participaron Dismacor, Fundación ADCOR, Down Coruña e Aspadisol

A sede do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Golfo Ártabro Sur acolleu esta mañá unha nova reunión do proxecto de cooperación “Tanza: inclusión social, sector pesqueiro, economía circular”, a través do que se pretende impulsar novas sinerxías e a creación de iniciativas de inclusión social e laboral no mundo do mar, facendo fincapé nas persoas con diversidade funcional.

No encontro, as persoas participantes expuxeron as preocupacións actuais, así como novas propostas e ideas co obxectivo de dinamizar a creación de vías de colaboración entre entidades de inclusión social e organismos do sector do mar.

Na reunión participaron representantes do GALP Golfo Ártabro Sur e entidades como Dismacor (Asociación de Pais de Nenos e Persoas con Discapacidade das Mariñas Coruñesas), Fundación ADCOR (Adultos Discapacitados da Coruña), Down Coruña e Aspadisol (Asociación de Pais de Discapacitados Psíquicos de Oleiros).

A iniciativa busca xerar espazos de encontro entre organismos que permitan establecer novas sinerxías co obxectivo de incrementar a empregabilidade das persoas con diversidade funcional, así como doutros colectivos.

Agardamos que os encontros que vaiamos tendo dentro da iniciativa Tanza sexan produtivos e sirvan de base para que no futuro se xeren novos proxectos de integración social e laboral de persoas con diversidade funcional no sector do mar, permitindo seguir dando pasos adiante na evolución e progreso do ámbito mariñeiro en todas as súas vertentes”, explicou na súa intervención o xerente do GALP, Federico López Viñas. “Tamén queremos transmitir que a súa posta en marcha e desenvolvemento poden realizarse a través das nosas axudas”, indicou.

O proxecto

O proxecto Tanza é unha iniciativa de cooperación que se leva a cabo xunto con outros GALP de Galicia (Golfo Ártabro Norte, Mariña – Ortegal, Costa da Morte, Costa Sostible e Ría de Arousa) e que ten como obxectivo impulsar a inclusión social e laboral no sector do mar, sobre todo no que respescta ás persoas con diversidade funcional.

O proxecto tamén servirá para concienciar ao sector pesqueiro en materia medioambiental.

A iniciativa aprobouse no marco da convocatoria 2020 de axudas dirixidas a programas de cooperación interterritoriais e transnacionais dos GALP no marco do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca e conta cun investimento de máis de 108.700 euros.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Enmalle Studio

En marcha los nuevos proyectos para la convocatoria 2025

Éxito rotundo na convocatoria de axudas 2024