Tres proxectos de cooperación do GALP Golfo Ártabro Sur para 2020




Para a anualidade 2020 o GALP Golfo Ártabro Sur mergullarase en 3 novos proxectos de cooperación. Estes son os seguintes:

·         Proposta formativa para a capacitación de mozos e mozas en busca do relevo xeracional no sector pesqueiro.
 A proposta formativa ten como principal obxectivo a capacitación de mozos e mozas dos diferentes territorios, a través dunha formación e do mellor coñecemento dos recursos locais (patrimonio natural e cultural, turismo, produtos da pesca, etc.), en busca do relevo xeracional no sector pesqueiro.
Para isto, tratarase de sensibilizar aos xóvenes sobre a importancia do sector pesqueiro no desenvolvemento territorial e da súa repercusión no patrimonio, no desenvolvemento turístico e na oferta gastronómica. Poñerase de manifesto a importancia de preservar os recursos e zonas costeiras e de loitar en contra do cambio climático. Continuarase apoiando a profesionalización do sector pesqueiro e fomentando a innovación, para que  siga sendo un motor da nosa economía a través da creación de emprego, do apoio á empregabilidade e da inclusión social. Tamén se facilitarán espazos de posta en común, para os mozos e mozas do territorio que teñan inquietudes e obxectivos comúns e moito que aportar nos eidos pesqueiro e social.
Todo isto levarase a cabo a través de programas formativos, titorías,  saídas de campo para estudar os recursos locais, encontros, visitas de estudo etc.

·         Pasaporte REMA.
O segundo proxecto, pasaporte REMA (Rede de Espazos Museísticos Atlánticos), é un proxecto de cooperación interterritorial e transnacional para o desenvolvemento sostible das zonas de pesca, no marco do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) 2014-2020 e ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP). Busca, por un lado, dinamizar os espazos con contido museístico pertencentes á Rede REMA, impulsando accións de dinamización que incrementen o número de visitantes,  e por outro, difundir o patrimonio inmaterial da cultura mariñeira ligado aos museos da REDE, mostrándoo dunha maneira atractiva, interactiva e divertida que sirva para achegar á xente máis nova. As actividades que se propoñen son as seguintes:

Actividade 1: Pasaporte REMA
Crearase un folleto informativo conxunto de todos os espazos pertencentes á REDE que contará cun espazo para que os visitantes poidan obter un selo por cada espazo museístico que visiten, co obxectivo de que os visitantes queiran facer todo o percorrido de museos ou gran parte dos mesmos.

Actividade 2: Educar e aprender sobre cultura  mariñeira atlántica
Baixo o concepto “aprender xogando” farase un concurso ao que estarán convidados a participar todos os colexios de educación secundaria localizados nos territorios pertencentes aos GALP galegos, onde os alumnos deberán superar no menor tempo posible unha serie de enigmas ao estilo escape room. Para iso, será necesario desenvolver unha ferramenta que permita a visita virtual de todos os espazos pertencentes á REDE a través de percorridos 360 interactivos, de forma que os alumnos poidan ir realizando unha actividade didáctica en cada un deles. Os cinco colexios que lograsen superar as probas nun menor tempo posible, enfrontaríanse nun escape room físico de temática mariñeira ligada aos museos, apoiado na tecnoloxía da realidade aumentada, para conseguir un maior grao de inmersión e participación dos nenos.

Actividade 3: Dinamización da Rede
Poñeranse en marcha un conxunto de actuacións que teñan por obxecto promocionar e difundir os espazos museísticos pertencentes á Rede, a través da actualización de contidos na páxina web da Rede, xeración de contidos e campañas en redes sociais e realización  microvideos de cada un dos espazos.

·         Emprego inclusivo na zona costeira galega.
Finalmente, o terceiro dos proxectos, enfócase cara a colaboración entre entidades do sector social e do sector pesqueiro. Trátase de que as primeiras (centros especiais de emprego e centros ocupacionais) poidan prestar servizos e fabricar ou deseñar produtos ou utilidades de produtos para as entidades do sector pesqueiro e outros axentes, aproveitando recursos e/ou residuos do sector do mar, potenciando deste xeito un modelo de economía circular no aproveitamento dos residuos ou refugallos do mar, os cales poden ser valorizados nos citados centros. Deste xeito, podemos artellar unha sociedade máis estruturada e cun maior conciencia comunitaria.  A conexión e colaboración entre sectores e entidades pode favorecer a xeración de iniciativas integradas e conxuntas na zona costeira, pero tamén no conxunto do litoral galego. Este proxecto pretende reforzar a cohesión territorial das zonas costeiras mediante o fomento do crecemento económico, a inclusión social e a creación de emprego.
O reto común do proxecto é incrementar a inclusión laboral de persoas con diversidade funcional, ou outros colectivos vulnerables, a través do aproveitamento das oportunidades que xeran as actividades económicas do sector pesqueiro e outras entidades públicas e privadas das zonas costeiras.
O valor engadido da cooperación é o efecto multiplicador que reporta, tanto na información e iniciativas que poden xurdir dese ecosistema para o emprendemento inclusivo, como para a sensibilización sobre a inclusión.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Aberta a nova convocatoria de axudas 2024

Un estudo ambiental contabiliza en 2.226 a poboación de especies mariñas e terrestes do territorio

Éxito rotundo na convocatoria de axudas 2024