Continuidade de catro proxectos de cooperación en 2022
Trátase de Relevo 2, Rimartes, Un mar en común e Bitácoras do mar
En xullo pasado, a Consellería do Mar aprobaba axudas por valor de 370.000€ para catro novos proxectos de cooperación dos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) que teñen por obxectivo dinamizar as zonas costeiras de Galicia e afrontar algúns dos seus principais retos como é o relevo xeracional, o apoio ao sector profesional ou o impulso á economía azul. Trátase de Rimartes, Bitácoras do mar, Relevo 2 e Un mar en común e, en todos eles participa o GALP Golfo Ártabro Sur.
A través de Relevo 2 – Mocidade a bordo divúlgase as posibilidades que ofrece o sector pesqueiro ao alumnado dos centros de ensino medio para promover o relevo xeracional; Rimartes está centrado na promoción do mergullo experiencial en pecios históricos ligando o turismo coa gastronomía e co patrimonio marítimo. Un mar en común está dirixido a reforzar a participación das entidades asociativas do litoral, especialmente as do sector pesqueiro, nos propios GALP e mellorar tanto a súa visibilidade como a súa estrutura e finalmente Bitácoras do mar pon en valor os resultados do traballo dos GALP no reforzo da gobernanza das zonas costeiras.
Previsión
de traballo
Tras pechar con bos resultados a
primeira anualidade de execución, continuarán neste 2022. De volta ás aulas tras
o Nadal, Relevo 2 arrancou o ano con
51 institutos inscritos e máis de 2.170 escolares de secundaria participantes. No
territorio do GALP Golfo Ártabro Sur participan catro centros, os IES: O Mosteirón
e Isaac Díaz Pardo de Sada, o David Buján de Cambre e o Rego da Trabe de Culleredo.
O programa do curso centrarase en coñecer as oportunidades do sector pesqueiro, visitar empresas, elaborar un manual de boas prácticas no que se recolla a información sobre titulacións, ou saídas profesionais e centros de ensino relacionados co sector do mar e tamén proxectos de éxito. A última, pero non menos interesante das accións promoverá que un número determinado de estudantes poidan embarcar en buques de pesca a modo de prácticas.
No caso de Rimartes, xunto con folletos, deseño de rutas emocionais, vídeos, fotos submarinas dos pecios e dos barcos naufragados, web en varios idiomas ou perfís en redes sociais, editarase un atlas de especies pesqueiras para mellor coñecemento da rica biodiversidade que sempre xorde de arredor dos pecios. Tamén se editarán paneis informativos para os centros de mergullo participantes, un catálogo fotográfico coas imaxes cedidas polos propios mergulladores afeccionados que nos visiten e que se integrarán na exposición itinerante dos “Tesouros do profundo”. Durante 2022 tamén se traballará coa hostalería do territorio para involucrala con distintas accións como concursos en redes sociais.
Na actualidade o proxecto Un mar en común traballa no cribado da información recollida nas múltiples entrevistas realizadas aos membros das entidades asociadas aos GALP. Unha vez filtrada a información, o 23 de febreiro presentaranse as conclusións. Despois, entre os meses de abril e maio, levaranse a cabo as formacións que precise cada un dos grupos en base ás necesidades detectadas grazas ao proceso de entrevistado.
Desde Bitácoras do Mar continuarán na liña de traballo de recollida de
información de gobernanza, responsabilidade social (RSC) e boas prácticas nos
territorios participantes para a elaboración dos materiais do proxecto e as
actividades a executar. O vindeiro mércores 2 de febreiro teñen unha xuntanza
de traballo coas xerencias, na que perfilarán cuestións relacionadas co “Caderno
de Bitácoras” e os parladoiros que terán lugar a partir de finais do mes de
marzo e abril.
Comentarios
Publicar un comentario