Xornada formativa do proxecto “Un mar en común” para reforzar o asociacionismo

O experto en comunicación Roberto Pérez Marijuán dirixiu este obradoiro para contribuír á mellora das habilidades comunicativas entre as entidades socias do GALP Golfo Ártabro Sur.



O pasado xoves 16 de xuño (17.00h) tivo lugar a derradeira sesión formativa interterritorial organizada polo proxecto cooperativo “Un mar en común”, no que participa o GALP Golfo Ártabro Sur. A Casa do Mar de Sada, sede do noso Grupo, foi o lugar escollido para impartir o obradoiro a cargo do experto en comunicación Roberto Pérez Marijuán. 

O obxectivo foi reforzar e mellorar as carencias ou atender ás demandas detectadas nas case 80 entrevistas realizadas as persoas das entidades asociadas ao GALP nos meses previos e fomentar as relacións entre elas. Estiveron convidadas a participar todas as entidades socias do GALP. 

Durante a sesión, Pérez Marijuán deru a coñecer algunhas das metodoloxías que mellor funcionan á hora de definir obxectivos, solventar problemas ou xerar dinámicas de colaboración entre persoas. A primeira parte orientarase a afondar nas 4 fases das que consta calquera proceso participativo: información e difusión do asunto ou materia para a que se solicite participación, debate e recollida de achegas, retorno e plan de acción e finalmente, o seguimento dos resultados. 

A segunda parte, cun compoñente 100% práctico, basearase nun caso real para o intercambio e crecemento de ideas, a importancia da formación activa de colaboradores e de asociados ou para poñer en práctica técnicas probadas nos grupos de traballo, reunión virtuais, etc.

 

Proxecto de cooperación
O proxecto de cooperación “Un mar en común. A afouteza da xente do mar” foi promovido pola Consellería do Mar a través dos GALP Ría de Pontevedra xunto cos GALP Golfo Ártabro Sur, Golfo Ártabro Norte e A Mariña-Ortegal para fortalecer o tecido asociativo dos catro grupos, dotando ás persoas e ás entidades de ferramentas para mellorar a súa relación e a súa comunicación interna e externa. A antropóloga e investigadora Cristina Valdés Méndez é a responsable deste estudo.

O traballo de investigación está a permitir facer unha diagnose da situación na que se atopa o sector e poñer en marcha un conxunto de accións (talleres, intercambios de boas prácticas) para impulsar a cooperación e a colaboración interterritorial mediante a participación destes 4 GALP.

 

Estruturado en catro fases, na primeira fixéronse unhas 80 entrevistas aos integrantes das asociacións que forman parte dos GALP para coñecer as súas opinións. Na segunda tiveron lugar varias xornadas de formación/interacción segundo as necesidades que trasladadas por cada grupo. Na terceira, de formacións interterritoriais, estase a facer unha posta en común entre as entidades pertencentes aos diferentes Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro e por último, na cuarta fase, publicaranse os resultados acadados durante a investigación e propoñerase un manual de boas prácticas que sirva de guía para manter a dinamización do tecido asociativo no futuro.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Enmalle Studio

En marcha los nuevos proyectos para la convocatoria 2025

Éxito rotundo na convocatoria de axudas 2024