Showcooking na lonxa de Sada para fomentar o consumo de peixe azul

 Os convidados e comensais foron uns corenta de usuarios da Fundación Adcor, Centro Ocupacional Pascual Veiga e ASPRONAGA. Xunto co peixe azul e as algas do canelón frío de xarda, a maridaxe mar-terra completouse con produtos da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas. De novo, Alentía Teatro e mariñeiros de cerco de Sada escenificaron como é a xornada de traballo dun pescador e unha poxa na rula.




O GALP Golfo Ártabro Sur e a Asociación de Armadores de Cerco de Galicia (ACERGA) organizaron na mañá do pasado 13 de xuño unha nova sesión da xornada “Un mar de ilusións - Coñecendo as nosas lonxas” dirixida a entidades do sector do territorio. Nesta ocasión, os asistentes foron uns corenta usuarios da Fundación Adcor, Centro Ocupacional Pascual Veiga e ASPRONAGA. 

A actividade comezou coa benvida do presidente do GALP Golfo Ártabro Sur e secretario de ACERGA, Alberto Castro, e do secretario do GALP Golfo Ártabro Sur, José Garrote.

A continuación, e co obxectivo de achegarlle ás persoas con diversidade funcional o mundo do mar e fomentar o consumo de produtos da pesca artesanal dunha forma divertida e didáctica, a “frenética actividade mariñeira” tomou a lonxa da man da compañía Alentía Teatro. En colaboración con mariñeiros da Confraría de Sada, volveron ser os encargados de escenificar como é a xornada de traballo dun pescador do cerco, a principal arte coa que se traballa no porto de Fontán, e a dun lonxeiro. 

Dous dos momentos máis divertidos foron a chegada ao peirao dun barco de cerco coas capturas da noite e a subida das caixas de peixe para despois pesalas e proceder á poxa. Neste caso, as caixas estaba cheas con bonecos con forma de sardiña e cangrexo que despois se entregaron como agasallo aos rapaces.

 

Peza de museo única en Galicia
Diante do único reloxio analóxico de subastas que se conserva en funcionamento en Galicia, os rapaces participaron activamente nunha poxa á baixa. Ao ritmo dos prezos aínda en pesetas “cantados” polo lonxeiro ían premendo os pulsadores dos asentos para comprar e levar o mellor lote.

A continuación tivo lugar un taller de cociña para facer partícipes aos rapaces da importancia de comer peixe fresco capturado polo sector pesqueiro local e vendido nos nosos mercados de proximidade. No menú, canelón frío de xarda e horta da Biosfera con emulsión de alga codium e brotes de plantas de litoral. Xunto co peixe azul e as algas, a maridaxe mar-terra completouse con produtos cultivados na zona Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.

O pasado 30 de maio, organizouse unha primeira xornada de inclusión tamén na lonxa de Sada na que participaron outra trintena de rapaces de Down Coruña, Aspanaes, Aspace e ASWG – Síndrome de Williams.


Foco na inclusión
As actividades de difusión “Un mar de ilusións” promovidas polo GALP Golfo Ártabro Sur e dirixidas a colectivos con diversidade funcional xorden do compromiso da entidade por achegar o seu cometido a toda a poboación adaptando a súa mesma linguaxe. “Traballamos no ámbito da inclusión desde hai anos para poder difundir a beleza e a riqueza dos nosos mares, así como a importancia que teñen no día a día do noso territorio, tanto económica como culturalmente”, destacan desde o grupo. 

Dende o 2020 ACERGA ven promovendo o consumo de peixe azul e o coñecemento do mundo mariño e da pesca do cerco entre os máis cativos a través da entrega de unidades didácticas, xogos e vídeos animados. Este ano coa finalizade de chegar tamén aos colectivos con diversidade funcional, ACERGA únese ao GALP Golfo Ártabro Sur como parte da súa iniciativa “O cerco, un xeito de vida”, unha medida enmarcada dentro do seu Plan de Produción e Comercialización 2022 cofinanciado pola Xunta de Galicia e o Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP).

Nesta ocasión, as dúas entidades volven colaborar nunha xornada do proxecto “Un mar de ilusións - Coñecendo as nosas lonxas” no marco da celebración do Ano Internacional da Pesca e da Acuicultura Artesanais (AIPAA) no que están moi implicadas a través dunha complexa axenda de actividades.

Ambas entidades tamén agradeceron a colaboración do Concello de Sada quen cedeu diverso material para a realización da actividade.


Comentarios

Entradas populares de este blog

Enmalle Studio

En marcha los nuevos proyectos para la convocatoria 2025

Éxito rotundo na convocatoria de axudas 2024