O GALP Golfo Ártabro Sur acolleu o cuarto Parladoiro das Bitácoras do mar sobre innovación e o consumo no sector pesqueiro
A actividade tivo lugar o pasado venres 17 de xuño nas instalacións da Lonxa da Coruña.
Durante a sesión, os asistentes reflexionaron sobre a innovación e o consumo no sector pesqueiro e coñeceron de primeira man o funcionamento dunha das lonxas máis importantes de Galicia, así como os proxectos de eficiencia enerxética financiados polo GALP Golfo Ártabro Sur para mellorar a súa actividade e rendemento.
Foi o cuarto dos cinco parladoiros que se promoven no marco do proxecto de cooperación Bitácoras do mar, no que participa o GALP Golfo Ártabro Sur, e que finalizan o xoves 30 en Portonovo.
O Golfo Ártabro Sur acolleu o pasado venres 17 a a cuarta das actividades dos Parladoiros do Proxecto das Bitácoras. A xornada, que tivo lugar na Lonxa da Coruña, versou sobre innovación e consumo do produto pesqueiro e nela participaron unha vintena de persoas vencelladas ao sector pesqueiro e ao programa de axudas no territorio do GALP Golfo Ártabro Sur.
José Garrote Martín, secretario do grupo, foi o encargado de dar a benvida aos asistentes agradecendo a súa presencia e contextualizando a temática da xornada dentro do traballo desenvolto pola entidade. Continuou Federico E. López Viñas, xerente do Golfo Ártabro Sur, cun relatorio sobre os obxectivos acadados no territorio e o grao de execución do programa do FEMP no territorio entre 2016 e 2021.
A mesa redonda: innovación e consumo do produto pesqueiro
Xa marcaban as 11.30h cando deu comezo o contido central da actividade do
Parladoiro, unha mesa redonda que contou coa participación de tres perfís
vencellados á temática que iniciaron a súa exposición para dar contexto á quenda
de debate. No caso do Golfo Ártabro Sur, a mesa estivo
moderada por Juan Carlos Corrás, presidente da Lonxa e anfitrión da xornada.
Compartiu espazo con Marta Villaverde, subdirectora xeral de Pesca e
Mercados de Pesca da Xunta de Galicia, con Carmen González Sotelo, investigadora do
Insituto de Investigacións Mariñas (IIM) do CSIC en Vigo, e mais con Miguel García
Silvarredonda, profesor do FP Dual Gastronomía e Cociña do CIFP Paseo das Pontes da Coruña.
Todos introduciron o debate expoñendo as súas perspectivas liñas de traballo.
Comezou Marta Villaverde cun relatorio sobre innovación e tecnoloxía ao servizo
do mar, que continuou Carmen González falando sobre procesos e produtos de
pesca intelixentes e ecoinnovadores. Rematou a quenda de intervencións Miguel
Silvarredonda coa súa exposición sobre alimentación saudable e valorización
gastronómica do produto pesqueiro.
Os asistentes puideron compartir cos tres poñentes e coa moderación do presidente da lonxa e a asistencia técnica as súas inquedanzas, reflexións e comentarios no relativo á innovación e o consumo no territorio e os pasos a dar de cara ao novo programa do Fondo.
O documental das Bitácoras
Ao rematar a mesa, proxectouse o documental realizado ao abeiro do Proxecto
Bitácoras no territorio do Golfo Ártabro Sur que xa pode verse aquí.
A peza repasa o traballo desenvolto polo GALP no territorio do Golfo Ártabro Sur, centrándose nos proxectos que se desenvolveron nesta zona co apoio do programa de axudas do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, xestionado polo grupo en colaboración coa Consellería do Mar da Xunta de Galicia.
Ao remate da programación de relatorio, visitouse a exposición da Mostra de Boas Prácticas nos territorios promotores das Bitácoras, onde se recollen as especificidades dos proxectos seleccionados polas xuntas directivas e o público de entre todos os aprobados ao longo do programa 2014-2020.
Visita ás instalacións da lonxa
Juan Carlos Corrás, acompañado polo responsable de mantemento, fixo de anfitrión dunha visita ás instalacións da Lonxa da Coruña, unha das máis importantes de Galicia, centrándose en explicar os proxectos de eficiencia enerxética financiados polo GALP para mellorar o seu rendemento.
Xa as 14.30h e como broche final da sesión, serviuse unha pequena degustación de produto pesqueiro da zona, abrindo un momento máis distendido entre as persoas asistentes dos cinco territorios costeiros que abranguen os GALP participantes.
Proxecto de cooperación entre cinco GALP
Bitácoras do mar é unha proposta de colaboración entre cinco dos Grupos de Acción
Local do Sector Pesqueiro de Galicia para poñer en valor a interacción entre grupos,
anotar o traballo desenvolto ao abeiro do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca no
período 2014-2020, e afondar na gobernanza das zonas costeiras apoiándose nun
enfoque metodolóxico do DLP (Desenvolvemento Local Participativo).
Participan o GALP Golfo Ártabro Norte, GALP Golfo Ártabro Sur, GALP Costa
Sostible, GALP Ría de Arousa e GALP Ría de Pontevedra.
Os Parladoiros
Dentro das actividades previstas na grella do proxecto atópanse os Parladoiros,
xornadas de reflexión conxunta que queren poñen en común experiencias de
referencia no territorio en distintos eixos temáticos que van do desenvolvemento
sostible das zonas costeiras, ata a innovación e o consumo no sector, pasando por
cuestións vencelladas á identidade dos territorios costeiros, os retos da economía
azul e o pacto verde na costa galega ou a gobernanza nos territorios do litoral.
O xoves 30, o GALP Ría de Pontevedra acollerá o quinto Parladoiro sobre gobernanza nas zonas costeiras en Portonovo.
Comentarios
Publicar un comentario