O Golfo Ártabro Sur reuniu os GALPs de toda España para debater sobre innovación no sector pesqueiro

 Representantes dos 41 Grupos de Acción Local Pesqueira estiveron convidados a a acompañar aos relatores nunha xornada online na que se expuxeron varios casos de éxito de I+D+i que contribúen a diversificar o sector mar-pesca.

 


O GALP Golfo Ártabro Sur foi na mañá deste martes 28 de xuño o anfitrión da xornada "Proxectos de I+D+i da cadea de valor do sector pesqueiro" á que se convidou aos 41 Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) de toda España. Durante este foro de coñecemento puxéronse en común oito casos de éxito de I+D+i sobresalientes que deixan constancia das amplas, e diversas, posibilidades que ofrece o mundo do mar en xeral para innovar, diversificar negocio e continuar sendo unha fonte de riqueza nos seus territorios.

A inauguración do evento correu a cargo de Alberto Castro, presidente do GALP Golfo Ártabro Sur; de José María Solano, coordinador da Red Española de Grupos de Pesca (REGP); e de Susana Rodríguez, directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Xunta de Galicia. Na súa intervención, esta última felicitou ao Galp Golfo Ártabro Sur pola iniciativa e por conseguir comprometer o 99,98% dos fondos que tiña adxudicados no programa FEMP que está a rematar. 

 

Casca de mexillóns transformada en mobiliario
No caso do GALP Golfo Ártabro Sur expúxose o proxecto “Mobiliario de formigón reciclado producido con casca de mexillón” (https://concretho.com/) promovido pola empresa de Cambre, Construcciones Ramos. Esta é unha iniciativa xurdida en 2016 da inquietude emprendedora de César e Rocío Amil, fillos do fundador e actuais propietarios, para innovar o negocio familiar cunha vertente ambiental e aproveitar un residuo tan abundante na nosa comunidade como é a casca de mexillón. 

Máis aló do uso estrutural do formigón, explica César Amil, quixeron empregar este material en todo tipo de mobiliario decorativo de interior. Desde mesados para cociñas a lavabos, mobles de baño, mesas ou escaleiras,... cun gran valor engadido xa que o 50% da mestura provén de materiais de residuo. En concreto, 25% de cunchas de mexillón e outros bivalvos trituradas e deshidratas, e 25% de áridos reciclados. Tras un proxecto de I+D+i propio, a súa formulación está patentada. Deste xeito, os produtos de Construcciones Ramos ofrecen unha saída “circular” e unha nova vida a este residuo do sector pesqueiro que doutra maneira acabaría no vertedoiro. 

Por estes motivos, o GALP Golfo Ártabro Sur decidiu apoiar este proxecto emprendedor concedéndolle unha subvención xa que é un claro exemplo das posibilidades de diversificación da actividade no sector mar-pesca no seu territorio de actuación. Á vez, destacan, fomentouse o aproveitamento sostible do patrimonio medioambiental, incluíndo accións específicas contra o cambio climático e de transición a unha economía de baixas emisións de carbono. 

O importe da axuda destinouse á fabricación dunha liña completa de mobiliario de formigón reciclado producido con casca de mexillón e ao recinto onde se expón.

 

Outros casos de éxito relevantes
Durante este foro, os restantes relatores falaron doutras iniciativas na cadea de valor do sector pesqueiro que, por extensión, poden servir de inspiración para futuros promotores. Comezou o GALP Ría de Pontevedra presentando “Obradoiro de pasteurizado para novos produtos do mar de calidade certificada” da empresa Mares de Galicia e, a continuación o GALP Oriental de Cantabria falou do Laboratorio Norte “un centro de análise de alimentos, asesoramento e control de calidade no sector pesqueiro e outros afíns”. 

Pola súa banda, o GALP Costa Sostible destacou os estudos realizados pola USC a pedimento da Confraría de Noia para valorización do berberecho da ría de Muros-Noia e o GALP Itsas Garapen Elkartea, do País Vasco, explicou un proxecto da conserveira familiar Maisor para valorizar o residuo da salmoira da anchoa en salgadura para obter o “garum”, un potenciador de sabor exclusivo coñecido como “umami“ ou o “quinto sabor”.

 

Tras o descanso, será a quenda do GALP Ría de Arousa para explicar “Novas estratexias de comercialización dos produtos do mar: snacks saudables e de calidades diferenciada” que apoiaron en Corrubedo (Ribeira) da man de Benboa. O GALP La Safor, da zona Gandía-Albufera, contextualizou a iniciativa “Estruturas flotantes e artificiais para facilitar a cría de xiba, lura e polbo” e antes do último relatorio a cargo dos anfitrións, o GALP Costa Brava presentou a experiencia e os prototipos de tres novos alimentos no marco do proxecto “Valorización do peixe azul pola mellora da competitividade do sector pesqueiro” promovido polo Instituto de Investigación y Tecnología Agroalimentaria (IRTA).

Comentarios

Entradas populares de este blog

Enmalle Studio

En marcha los nuevos proyectos para la convocatoria 2025

Éxito rotundo na convocatoria de axudas 2024