O GALP aproba un total de 10 proxectos para este 2020
- O Grupo está agora á espera do visto bo por
parte da Consellería do Mar para poder dar a aceptación definitiva aos
promotores.
O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro
(GALP) Golfo Ártabro Sur acaba de aprobar un total de 10 proxectos para
desenvolver o sector do mar nos 7 concellos que forman parte da agrupación.
Iniciativas de mellora enerxética, de
protección e coidado do medio ambiente, de inclusión, difusión e formación,
así como de mellora de equipamento, son algunhas das propostas de
proxecto que o GALP aprobou para este 2020. As accións están dirixidas a
entidades ou persoas emprendedoras que se sitúan nos concellos que pertencen ao
grupo: A Coruña, Arteixo, Culleredo, Cambre, Bergondo, Sada e Oleiros. As
accións clasifícanse nun total de 6 produtivas e 4 non produtivas.
Proxectos produtivos
Un dos obxectivos do GALP é mellorar o equipamento
dos diferentes entes vencellados ao sector do mar no seu ámbito de actuación.
Deste modo, pretende realizar actuacións na lonxa da Coruña, que inclúen a
mellora enerxética na sala de máquinas e a renovación das portas de acceso á
lonxa. Tamén se propón mediante o eixo da diversidade a instalación dun forno
industrial e a creación dunha páxina web para a elaboración é venta de
empanadas con produtos do mar en Horno San Isidro.
Así mesmo, neste
apartado tamén se fai oco ao turismo, impulsando unha iniciativa de náutica
sostible e accesible a través dunha embarcación de vela en Altavela Servicios
Náuticos SL. Neste ámbito do mar tamén se atopa o proxecto titulado “La Espina,
ocio mariño y deportes náuticos” que desenvolverá Equiges Consultoría Integral
S.I., mediante o cal se desenrola unha fusión de turismo sostible, deporte e
medioambiente.
O GALP tamén lle dá continuidade ao seu traballo
en materia medioambiental, elaborando dentro deste apartado o proxecto de
valorización de plásticos con Recuperamos S.L., mediante este proxecto levarase
a cabo a reciclaxe de plásticos con novas técnicas que permiten aproveitar unha
porcentaxe moito mais elevada.
Proxectos non produtivos
O GALP aproba un
encontro gastronómico, turístico e de ocio Maridar II promovido pola Federación
de Asociacións de Empresas As Mariñas. Este evento vai a potenciar a ligazón
entre mar e terra, aproveitando a riqueza de produtos gastronómicos do
territorio e levándoos cara o sector do ocio e o turismo náutico.
Dentro deste apartado tamén se atopa o proxecto
“turismo e náutica” cuxo promotor é Club Náutico Recreativo de Sada. Así mesmo,
neste mesmo sector tamén se atopa o proxecto do Club Náutico de Sada, no que se
levarán a cabo melloras nos pantaláns para poder acoller unha das etapas da
Transgascogne, co que se conseguirá dar a coñecer o Golfo Ártabro, a súa
tradición e gastronomía.
Como podemos ver, o GALP segue incentivando o
turismo nos seus proxectos non produtivos, co desenvolvemento e impulso de
novas oportunidades turísticas para os produtos do mar e o litoral na Reserva
de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, ligándoas a un modelo de
ecoturismo.
Despois da aprobación de todas estas iniciativas
por parte do GALP, o grupo está á espera agora da necesaria aprobación da Consellería do Mar para poder comunicar
aos promotores a axuda que van a recibir para a realización dos mesmos.
Comentarios
Publicar un comentario